Outro récord. A Mesa da Deputación Permanente do Congreso dos Deputados ditaminou o pasado 1 de xuño cales son as iniciativas en trámite que caducan por mor da disolución das Cortes para a convocatoria das eleccións xerais do 23X. Esa ampla relación foi publicada no Boletín Oficial das Cortes Xerais o pasado día 16 e nela atópase a lei para o traspaso á Xunta da autoestrada AP-9.
O Congreso ratificou a principios de xuño que a lei da AP-9 é unha das que caducan por mor da fin da lexislatura estatal
A lei da AP-9 non foi formulada directamente por un grupo parlamentario do Congreso, senón que chegou á Cámara Baixa dende o Parlamento de Galicia. Como norma xeral, este tipo de iniciativas lexislativas procedentes de Parlamentos autonómicos pasan dunha lexislatura á seguinte se xa foron admitidas a trámite pero aínda non pasaron o filtro da toma en consideración.
Pero neste caso, a toma en consideración deste intento por lograr o traspaso aprobouse en febreiro de 2021. Aínda que o percorrido parlamentario foi demorado durante algo máis de dous anos mediante sucesivas ampliacións do prazo de emendas, o certo é que formalmente a tramitación estaba avanzada e, por esta vía, a Mesa ditamina que caducou. Alén da consecuencia inmediata -o Parlamento galego terá que volver pedir o traspaso por terceira vez-, esta caducidade precipita que a conxelación na ampliación do autogoberno de Galicia bata unha nova marca: catro lexislaturas galegas consecutivas sen unha soa competencia nova por primeira vez na historia da autonomía.
Este vindeiro mes de xullo cumpriranse 15 anos dende que a Xunta asinou os que ata agora son os últimos traspasos de competencias por parte do Goberno de España
Este vindeiro mes de xullo cumpriranse 15 anos dende que a Xunta asinou os que ata agora son os últimos traspasos de competencias por parte do Goberno de España. Era 2008 e o Executivo do PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero culminaba a transferencia en áreas como a xestión das asociacións, o hospital da Defensa de Ferrol e o Parque das Illas Atlánticas. Da outra banda da mesa estaba o Goberno galego de coalición de PSdeG e BNG, descualificado polo daquela secretario xeral do PPdeG, o actual presidente Alfonso Rueda, por lograr só unha ducia de "traspasiños menores" en toda a lexislatura.
Os prazos electorais no Estado, coa constitución do novo Congreso o 17 de agosto, e a recta final da lexislatura galega permiten afirmar -mesmo no caso de que Rueda non decida adiantar en 2023, o mandato estará politicamente esgotado na primavera de 2024- fan practicamente inviable dende o punto de vista técnico que neste período vaia chegar traspaso ningún mesmo na hipótese de que existise vontade política para facelo e acordo para concretalo. Así será aínda que o Parlamento volva pedir formalmente o traspaso da AP-9 nos vindeiros meses (o BNG xa amosou a súa disposición a volver tramitar unha lei ao respecto).
O traspaso da AP-9, unha historia de bloqueos
Este non é, nin de lonxe, o primeiro bloqueo que sofre a lei para o traspaso da AP-9 no Congreso dos Deputados. A primeira vez que chegou a petición unánime do Parlamento galego ás Cortes foi en 2016 e o Goberno do PP de Mariano Rajoy (primeiro en funcións, despois reelixido) vetou sistematicamente que puidese comezar a ser tramitada mediante o que posteriormente os letrados do Congreso considerarían unha interpretación forzada e irregular do artigo 134.6 da Constitución. Polo camiño, o gabinete de Rajoy mesmo argumentara o veto con cálculos económicos que non se correspondían coa realidade.
O Goberno de Rajoy vetou a lei do traspaso da AP-9 forzando a aplicación do artigo 134.6 da Constitución. Foi desbloqueada en 2018 e 2021 ata volver embarrancar no trámite de emendas, formuladas por PSOE e PP e agora tamén caducadas
Tras a moción de censura que en 2018 levou a Pedro Sánchez por primeira vez á presidencia do Goberno de España, o Executivo central ergueu o veto e a lei da transferencia da AP-9 foi tomada en consideración en decembro daquel mesmo ano. As eleccións xerais de 2019 interromperon o percorrido da lei no Congreso, o Parlamento de Galicia volveu facer a súa parte e en febreiro de 2021 unha ampla maioría absoluta da Cámara Baixa permitía reinicialo.
Dende aquela, as sucesivas ampliacións do prazo de presentación de emendas (co visto e prace tamén do PSOE) mantiveron o proxecto embarrancado ata o pasado marzo deste 2023, cando a cuestión pasou a ser o desacordo entre socialistas e populares. As emendas do PSOE defendían transferir á Xunta as competencias de administración e explotación da AP-9, pero non a titularidade. O PP, pola súa banda, reclamou impoñer ao Estado novas obrigas económicas anexas ao traspaso. Mentres, o BNG reclamou aprobar a lei sen emendas, segundo o acordado no Parlamento galego. Esas emendas, en calquera caso, están agora tamén formalmente caducadas