O Goberno de Rajoy manobra en funcións para vetar o traspaso da AP-9 a Galicia

Fragmento do informe remitido polo Goberno en funcións ao Congreso, ao que tivo acceso Praza CC-BY-SA Praza Pública

Veto, tamén en funcións. A pasada primavera o Parlamento de Galicia culminaba a aprobación da proposición de lei que, impulsada polo BNG dende finais de 2015, suscitou a unanimidade dos grupos para reclamar ao Goberno de España a transferencia da titularidade da Autoestrada do Atlántico cara á Xunta. Tras unha década de reclamacións dende Galicia e de mudanzas de postura do PP -e nalgunhas ocasións, tamén do PSOE- en función da súa situación de goberno ou oposición, o consenso total no lexislativo galego remitiu a iniciativa ao Congreso, derradeira fronteira para a súa aprobación definitiva. No entanto, ese derradeiro trámite vén de bater cunha manobra do Goberno de Rajoy que, apelando á Constitución, pon a iniciativa galega en serio risco aínda que o PP non teña maioría para tombala nunha votación nas Cortes.

Malia chegar ao Congreso durante a lexislatura fallida -a Mesa que presidía Patxi López admitiuna a trámite na súa xuntanza do 12 de abril-, ao tratarse dunha proposición de lei orgánica formulada por un Parlamento autonómico continuou o seu percorrido nas novas Cortes. Así, o reinicio da súa tramitación foi asinado pola agora presidenta da Cámara Baixa, Ana Pastor -quen durante a súa etapa como ministra se opuxo ao traspaso alegando motivos técnicos-, o pasado 6 de setembro. É neste punto no que o gabinete en funcións de Mariano Rajoy procura facela descarrilar.

O goberno de Rajoy procura unha blindaxe xurídica ante a posibilidade de gobernar coa maioría do Congreso en contra

Mentres na contorna de Rajoy medra a esperanza de que unha abstención total ou parcial do PSOE permita a formación dun novo goberno do PP, o seu equipo comeza a procurarlle unha blindaxe xurídica ante o panorama que semella vir: un Goberno en minoría nun Congreso con votos dabondo para aprobar leis aínda que os populares se opoñan. Nesta liña, a última hora do pasado venres o secretario de Estado de Relacións coas Cortes, José Luis Ayllón, completou no lexislativo o trámite polo cal, como marca o Regulamento, o Goberno debe manifestar o seu "criterio" a respecto da tramitación de cada lei que non sexa formulada polo propio Executivo e especificar se cre que implica un incremento de gasto, decisión que segundo o artigo 134.6 da Constitución "require conformidade do Goberno". Fíxoo, segundo confirman fontes parlamentarias, a respecto dunha decena de proposicións de lei, entre elas a galega, a maioría das cales contarían con votos dabondo entre a actual oposición para saíren aprobadas.

Moncloa vén de rexistrar no Congreso un informe para tentar frear a proposta que chega avalada pola unanimidade do Parlamento de Galicia

Na súa comunicación ao Congreso, a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, Ayllón inclúe un informe no que o Ministerio de Fomento, agora dirixido en funcións por Rafael Catalá, detalla por que quere tombar a iniciativa do Parlamento galego. Primeiro ofrece un argumento que xa expresara a propia Ana Pastor mentres foi ministra: que o traspaso "non sería factible" porque a AP-9 é parte "dun itinerario de tráfico internacional de interese europeo" e dá acceso a "portos e aeroportos de interese xeral". No entanto, estas razóns políticas non impedirían a tramitación parlamentaria da norma. É neste punto no que procuran un amarre constitucional.

O gabinete do PP argumenta que un eventual rescate implicaría gastos ao Estado, que a Constitución lle permite frear

Unha das disposicións da lei galega, cita Fomento, indica que se a Xunta "acordase o rescate da concesión da autoestrada (...) para a súa reversión ao ámbito público", sería a Administración xeral do Estado, que privatizou a xestión da AP-9 e prorrogou a concesión, a que "asumise" as "obrigas económicas" que derivasen da operación. Fomento apóiase neste artigo para indicar que, dado que Audasa recada uns 130 millóns de euros anuais en peaxes e que a concesión non remata ata 2048, "no caso de que a comunidade autónoma acordase unilateralmente o rescate da concesión, a Administración Xeral do Estado tería que asumir de maneira inmediata unhas indemnizacións á (...) concesionaria en, cando menos, 4.300 millóns de euros", que sería o que deixaría de ingresar polas portaxes.

O Ministerio, conclúe o informe, non ten "consignacións nos créditos orzamentarios para o exercicio 2016 que permitan afrontar dito pago". É así como razoa que a eventual aprobación da lei galega implicaría un incremento de gasto ante o cal, como di a Constitución, o Goberno de España debe indicar a súa "conformidade" para a tramitación da lei. O texto de Fomento obvia, non obstante, que ese suposto que contempla a lei galega non implica que a Xunta o vaia executar, que o vaia facer "unilateralmente" e menos que o vaia realizar dentro de 2016, toda vez que a proposta aprobada polo Parlamento galego daba ata 6 meses para facer efectiva a transferencia e restan só dous para que finalice este ano, polo que sería materialmente imposible culminar a operación en 2016, máis aínda tendo en conta que o Goberno da Xunta estará en funcións ata, cando menos, mediados de novembro.

A autoestrada do Atlántico, ao seu paso por Vigo / CC BY-SA Tomás Rodríguez

Posibilidades para que a lei siga adiante

A Mesa do Congreso, sen maioría do PP, pode forzar que a lei siga a tramitarse

Este informe "desfavorable" de Fomento para a tramitación da lei dificulta notablemente que a transferencia da AP-9 a Galicia chegue a bo porto, pero non a frea por completo. Alén de quen tenta o veto sexa un Goberno en funcións -este artigo da Constitución xa foi invocado por outros Executivos, pero en plenas facultades-, agora existe a situación excepcional de que o partido que previsiblemente seguirá gobernando non ten a maioría na Mesa do Congreso. Isto implica que se o resto de forzas deste órgano reitor permiten que a lei continúe tramitándose, cabe a posibilidade de que poida facelo. Para que isto suceda unha das luces verdes tería que ser a de Ciudadanos, partido que ten en trámite unha proposición de lei que o Goberno Rajoy tenta frear cunha operación practicamente idéntica e que, ademais, prometeu a gratuidade da AP-9 durante a campaña das eleccións galegas.

A manobra chega apenas un mes despois de que Feijóo defendese o traspaso en campaña

En función do que suceda da Mesa aínda caben cando menos dúas vías máis para procurar a transferencia que o PP tenta torpedear dende La Moncloa apenas un mes despois de que o propio Alberto Núñez Feijóo a defendese na campaña do 25S. Unha sería a vía legal, tentando revogar o veto no Tribunal Constitucional. Outra, que sexa aprobada a proposición non de lei presentada por En Marea no Congreso o pasado verán a prol do traspaso -as actuais posicións políticas dos diferentes grupos permitirían facelo-, dando lugar así a un proceso novo que, no entanto, previsiblemente colisionaría coa oposición do Goberno de Rajoy, que novamente argumentaría o eventual incremento de gasto que está en condicións de rexeitar.

Rajoy, nun acto con Feijóo e Ana Pastor aínda como ministra © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.