O Supremo pide á UE o ditame que ve ilegal a prórroga da AP-9 para decidir se o Goberno ten que anulala

Auto do Supremo que pide á Comisión Europea o ditame sobre a prórroga da AP-9 e deixa á súa valoración se é ou non confidencial CC-BY-SA Praza Pública

O Goberno de España vén ocultando o procedemento de infracción que lle abriu a Comisión Europea co argumento de que é confidencial ata que remate, pero o Supremo di que iso o debe decidir Bruxelas

O Tribunal Supremo vén de pedir á Comisión Europea o ditame motivado que emitiu hai un ano no que considerou que o Goberno de Aznar incumprira a normativa comunitaria ao prorrogar a concesión da AP-9 ata 2048 sen concurso público para despois privatizala. A petición prodúcese no marco do proceso xudicial iniciado pola asociación de transportistas Apetamcor para que o Goberno de España rectifique de oficio aquela prórroga e a anule, para o que o Supremo considera que a valoración da Comisión Europea pode ser relevante. Agora será o propio Executivo comunitario o que decida se entrega ese ditame á xustiza española ou se a normativa europea permite mantelo confidencial.

Sede do Tribunal Supremo © Tribunal Supremo

Hai un ano a Comisión Europea fixo público que viña de acadar un ditame motivado, -cuxo contido concreto non revelou- no que instaba a España a respectar a normativa comunitaria sobre concesións tras considerar, no marco dun procedemento de infracción aberto desde 2021, que a prórroga autorizada polo Goberno de Aznar ata 2048 sen concurso público incumprira dita normativa. Tras coñecerse ese paso da UE, a asociación Apetamcor pediu formalmente ao Goberno de España a revisión de oficio de dita prórroga. Pero o Executivo de Sánchez vénse negando tanto a iniciar o procedemento para anular aquela prórroga como a rescatar a concesión e aposta por manter activo o preito coa UE que pode tardar anos en ser resolto pola xustiza europea.

Logo da negativa do Consello de Ministros á súa petición de revisar a concesión, Apetamcor recorreu esa decisión ante o Tribunal Supremo. Nese preito xudicial Apetamcor pediu ter acceso ao expediente de infracción da UE e o ditame motivado da Comisión Europea.

En maio o Supremo rexeitou que a asociación Apetamcor, que pide ao Goberno a anulación da prórroga, puidese acceder ao ditame como parte do expediente estatal, pero agora si o considera relevante como proba

Nun primeiro auto do mes de maio o Supremo rexeitou que Apetamcor puidese pedir ese ditame como unha ampliación do expediente administrativo que elaborou o Goberno de España sobre a súa petición de revisión de oficio da prórroga. O Supremo admitía daquela a negativa do Goberno a facilitar o ditame co argumento de que non formaría parte do expediente de revisión propiamente dito. Pero agora o Supremo si acepta outra vía empregada por Apetamcor para tratar de acceder ao ditame, xa non como ampliación do expediente que obre en poder do Goberno de España senón dentro do período de proba que poden abrir as partes antes de que o tribunal emita sentenza.

Para ese período de proba Apetamcor pediu que se achegase non só o expediente do Goberno de España sobre a súa petición de revisión senón tamén e á marxe o ditame da Comisión Europea. O Estado e Audasa volveron opoñerse insistindo en que é confidencial ata que remate o procedemento de infracción da UE, pero o Supremo ten unha visión distinta. 

Representantes de Apetamcor ao anunciar o pasado decembro o seu recurso ao Supremo CC-BY-NC Cedida

O Goberno de España négase tanto a revisar a prórroga, como lle pediu a asociación de transportistas Apetamcor, como a rescatar a concesión, e aposta por demorar o proceso en Europa

Se antes o tribunal non consideraba o ditame parte do expediente do Goberno de España sobre a petición de Apetamcor, agora, segundo un auto do 22 de xullo, si considera que como proba "non pode considerarse nin impertinente nin inútil". Segundo di, con esa "proba" que solicita Apetamcor "pretende acreditar que a prórroga acordada" cuxa revisión solicita "é contraria á normativa europea, cuestión esta que non está desvinculada do obxecto deste procedemento". O Supremo admite que o ditame por si mesmo non anula a prórroga, pero "iso non implica que dito ditame non sexa relevante, podendo ser tomado en consideración como un elemento máis que sirva para apreciar se existiron infraccións das normas da Unión Europea que poden determinar a nulidade de pleno dereito das normas" cuxa revisión de oficio solicitou Apetamcor. 

Isto é, igual que no ámbito comunitario o ditame pode ser empregado pola Comisión Europea para iniciar un procedemento contra España no Tribunal da UE, a nivel estatal o Supremo tamén pode telo en conta para decidir se o Goberno de España debe revisar de oficio a prórroga.

O Supremo considera pertinente a petición de Apetamcor do ditame europeo como unha proba máis a ter en conta no proceso xudicial, pero di que as valoracións sobre se o documento se debe manter ou non confidencial "corresponde realizalas á Comisión Europea e non a este Tribunal". Así que a súa decisión é enviar un oficio á Comisión Europea "para que valore se procede ou non", de acordo coa normativa comunitaria, "remitir o ditame motivado que se solicita como medio de proba". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.