A prórroga da AP-9 aprobada por Aznar ata 2048 é ilegal para a Comisión Europea

Vista da AP-9 ao seu paso pola ponte de Rande e fragmentos da comunicación oficial da UE sobre o ditame motivado a España CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal | Foto: © Audasa

O executivo comunitario conclúe o procedemento de infracción que tiña aberto dende 2021 e envía ao Goberno de España un ditame motivado no que o insta a "adoptar as medidas necesarias". En caso contrario, advirte, o asunto pode pasar a mans do Tribunal de Xustiza

Xa é oficial: a Comisión Europea considera ilegal a prórroga pola que, no ano 2000, o Goberno de José María Aznar estendeu a concesión da AP-9 dende o remate previsto no 18 agosto de 2023 ata o mesmo día de 2048. As explicacións ofrecidas polo Goberno de España no marco do procedemento de infracción aberto en 2021 non convencen ás autoridades comunitarias e por iso chegan ao chanzo final antes de poñer o asunto nas mans do Tribunal de Xustiza da Unión Europea.

Este proceso comezou en 2019 cunha denuncia da asociación de consumidores En Colectivo, que cuestionaba tanto a prórroga do 2000 como a aprobada polo Executivo de Felipe González en 1994 (de 2013 a 2023). Xa daquela unha portavoz oficial da Comisión especificou, a preguntas de Praza.gal, que o proceso se cinguiu unicamente á prórroga vixente, a do 2000.

Recortes das prórrogas da concesión da AP-9 a 2023 e 2048 e dunha imaxe de Aznar intervindo no Congreso, sobre unha vista da ponte da autoestrada sobre a ría de Ferrol © Imaxe AP-9: Miguel Riopa / Audasa | Imaxe Aznar: Congreso dos Deputados | Montaxe: CC BY-NC-SA Praza.gal

Durante o procedemento a UE enviou ao Estado dúas peticións formais de explicacións —cartas de emprazamento— para xustificar por que Audasa recibiu sen concurso público a prolongación da concesión a cambio de estender a autoestrada ata Ferrol como compensación polo accidente do Discoverer Enterprise na ponte das Pías. E ningunha das dúas respostas a convenceron.

Tras dúas peticións de explicacións ao Estado non satisfactorias, a UE reafírmase en que a prórroga de Aznar no ano 2000, tres anos antes de vender a autoestrada, foi unha "modificación substancial" equivalente a unha nova concesión que, segundo as leis comunitarias, requiría concurso público

É así como, tras das cartas de emprazamento, este 17 de xullo de 2025 chega o denominado "ditame motivado" no que a Comisión "insta a España a respectar as normas sobre contratos de concesión de autoestradas". Nun proceso que atinxe tamén á AP-66 -Autoestrada da Ruta da Prata-, a Comisión detalla que o Goberno de Aznar ampliou a concesión e, "máis adiante, vendeu a empresa concesionaria" sen "iniciar procedementos de licitación nin publicar un anuncio a escala da UE", isto é, sen concurso público, e iso implica vulnerar a directiva europea na materia que rexía daquela.

Esta norma, resalta, impón os "principios de igualdade de trato e transparencia" nos contratos públicos e segundo os seus preceptos, "estas ampliacións constitúen modificacións substanciais equivalentes" a unha nova concesión e por iso deben saír a concurso. O Goberno de España, aclara a UE, "dispón agora de dous meses para responder e adoptar as medidas necesarias". Se non o fai, "a Comisión pode optar por levar este Estado Membro ante o Tribunal de Xustiza da UE", escenario no que a rescisión da concesión sería unha das posibilidades.

Publicación no BOE da ampliación da concesión da AP-9 ata 2048 e nota oficial sobre a privatización da Empresa Nacional de Autopistas, que incluía a Audasa CC-BY-NC-SA Praza Pública

Unha "prórroga prematura" para "obter o máximo beneficio" coa privatización

Como expresaron formalmente durante estes anos, na Comisión Europea consideran que "a única explicación verosímil" para unha "prórroga extremadamente prematura 20 anos antes" da fin da concesión é que o Goberno de Aznar "tiña a intención de vender" a autoestrada e procurou "obter o máximo beneficio grazas á prórroga". 

Esta hipótese albiscábase no Boletín Oficial do Estado na propia aprobación da prórroga, ao sinalar que Audasa, como parte da Empresa Nacional de Autopistas (ENA), ía acabar atinxida pola "política de privatización de empresas públicas" que aquel Goberno do PP tiña en marcha.

E así sucedeu. O 25 de xullo de 2003, apenas tres anos despois, o Consello de Ministros deu o seu visto e prace definitivo á venda do 100% da ENA por 1.586 millóns de euros a un consorcio participado ao 50% pola construtora Sacyr xunto a varias entidades financeiras: Banco de Santander —na altura, Santander Central Hispano— (20%) e mais Caixa Galicia e Caixanova (20% cada unha). Tamén participaba Torreal, o fondo de investimento fundado polo empresario Juan Abelló, que anos despois pasaría, asemade, polo accionariado de Ence.

O Goberno de Aznar (na imaxe, a súa derradeira composición) aprobou a ampliación da concesión da AP-9 no ano 2000 e a privatización de Audasa en 2003 © Pool Moncloa

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.