"A apertura deste procedemento é unha noticia sen precedentes que podería supor a finalización da concesión e a supresión das peaxes da AP-9"
A agrupación de consumidores En Colectivo, que iniciou o procedemento contra as ampliacións da concesión da AP-9 a Audasa sen concurso público, confía en que as devanditas ampliacións sexan anuladas logo do procedemento de infracción iniciado pola UE. Nese caso, advertiu, darán outro paso para reclamar os cobros indebidos das peaxes desde 2013.
"A apertura deste procedemento é unha noticia sen precedentes que podería supor a finalización da concesión e a supresión das peaxes da AP-9", dixo este venres o presidente de En Colectivo, Diego Maraña, nunha rolda de prensa xunto aos avogados Antonio Heredero e Carlos Cenalmo, na que aclarou que o obxectivo da plataforma, ademais da anulación da ampliación da concesión e que se deixen de pagar esas peaxes, é que as persoas usuarias da autoestrada poidan reclamar o que pagaron desde 2013, que consideran "cobro indebido".
En Colectivo anuncia que un dos seus obxectivos é tamen que as persoas usuarias da AP-9 reclamen por todo o pagado en peaxes desde 2013
Suporía, segundo explicou, uns 1.400 milllóns de euros tendo en conta a facturación anual de Audasa pola AP-9 (uns 140 millóns), ademais de sumarlle tamén as cantidades que ingresará ata a fin da concesión en 2013.
Agora España ten dous meses para presentar alegacións, segundo explica Maraña, e superado ese prazo a Comisión Europea emitirá un ditame. De non anularse as ampliacións, o órgano comunitario pode instar a un procedemento no Tribunal de Xustiza da UE (TXUE), cuxa sentenza será firme. De non acatarse, entraríase en fase de execución coa imposición de sancións diarias "moi elevadas" ao Estado.
Ademais, os avogados consideran que o incumprimento da normativa por parte de España é "moi flagrante", polo que "non ten razóns para alegar", e que a decisión da Comisión "marca un antes e un despois na aplicación do dereito comunitario ás administracións". Xa ocorreu un caso moi semellante en Italia coa ampliación tamén da concesión dunha autoestrada que foi anulada polo TXUE, aínda que o Goberno italiano segue a presentar alegacións para adiar a execución da sentenza.
O avogado Antonio Heredero destacou a importancia do expediente aberto pola Comisión, xa que unha eventual anulación das ampliacións da concesión da AP-9 "terá un efecto en cadea". Xa que logo, á marxe das accións que a concesionaria Audasa poida emprender se considera prexudicados os seus intereses, os usuarios da autoestrada poderán reclamar a devolución das peaxes cobradas "indebidamente" desde 2013.
Os avogados de En Colectivo cren que o incumprimento da normativa por parte de España é "moi flagrante", polo que "non ten razóns para alegar"
O mesmo letrado expresou as súas dúbidas sobre unha posible licitación para renovar a concesión e sinalou que "sería un agravio comparativo" para a cidadanía galega, vendo como outras autoestradas do Estado venceron os seus prazos de concesión e pasaron a ser libres de peaxe. "Como moito, poderíase licitar un contrato de mantemento e, no seu caso, se houbese peaxes terían que ser infinitamente menores", dixo.
Ademais, Diego Maraña animou os usuarios desa autoestrada a inscribirse na plataforma En Colectivo, cos seus datos identificativos e documentación que xustifique os pagos das peaxes, para poderen crear "masa crítica" e poder presentar esa demanda colectiva.