PP e BNG evitan emendar no Congreso a proposición de lei unánime do Parlamento para transferir a titularidade da autoestrada pero o grupo socialista pide que siga sendo do Estado para garantir as rebaixas de peaxes
Como xa sucedeu en 2023, a transferencia da titularidade da AP-9 do Estado a Galicia pedida de xeito unánime polo Parlamento vén de toparse novamente coas reticencias do Goberno central a través do PSOE. Este mércores remataba o prazo para que os grupos políticos do Congreso dos Deputados presentasen emendas á proposición de lei orgánica remitida desde o Parlamento de Galicia co apoio unánime de todos os grupos galegos. Pero esa unanimidade non se mantivo en Madrid e mentres PP e BNG evitaron emendar no Congreso o texto orixinal, o grupo estatal do PSOE si formulou emendas que acoutan o aprobado en Santiago polo PSdeG.

Fronte á transferencia da titularidade da AP-9 reclamada polo Parlamento de Galicia, o grupo do PSOE no Congreso quere que a titularidade siga sendo Estatal, replicando argumentos habituais do Ministerio de Transportes tanto con gobernos socialistas como populares: o seu interese xeral por conectar con Portugal -realmente faino outra autovía- ou por unir portos e aeroportos estatais.
As emendas socialistas só abren a porta a que a Xunta poida participar na "administración e explotación" da autoestrada dun xeito moi limitado, con propostas que en última instancia quedarían en mans do Estado
As emendas socialistas só abren a porta a que a Xunta poida participar na "administración e explotación" da autoestrada dun xeito moi limitado, con propostas que en última instancia quedarían en mans do Estado. Así, a Xunta podería opinar sobre decisións que o Estado tome sobre a concesión, como tarifas ou bonificacións, pero sen carácter vinculante. A Xunta tamén podería "propoñer" sancións á concesionaria por incumprimentos e novos descontos, pero as decisións finais estarían igualmente en mans do Estado.
Os socialistas defenden estas emendas á petición unánime do Parlamento de Galicia de transferir a titularidade co argumento de que garanten o mantemento das bonificacións que actualmente vén aplicando o Estado nas peaxes da AP-9. Así o din na xustificación incluída coas súas emendas e así o explicación de xeito algo máis estendido nun comunicado divulgado este mércores. Nel os socialistas argumentan que "desde que se comezou a falar desa transferencia, o escenario mudou, xa que entón non existían as bonificacións que hoxe hai grazas ao Goberno central, e Europa aínda non entrara a analizar a legalidade da prórroga da concesión ata o 2048 por parte de Aznar".
Segundo a argumentación socialista, a transferencia de competencias contemplada nas súas emendas "mentres se mantén a titularidade estatal é, posiblemente, o mellor garante de que se poidan seguir aplicando" as bonificacións das peaxes.
O PSOE tamén lembra que no seu momento o PP tamén bloqueara o traspaso da autoestrada e "só decidiron apoiar esta lei orgánica en Galicia cando souberon que Feijóo non gobernaría en Madrid".