Óscar Puente eleva de 55 a 82 millóns o que destina cada ano a subvencionar peaxes pero nin ve viable xuridicamente transferir a autoestrada nin economicamente rescatar a concesión
Como veñen mantendo desde hai anos sucesivos ministros de transportes de diversos gobernos, este mércores o socialista Óscar Puente volveu insistir no Congreso dos Deputados en que transferir a titularidade e xestión da AP-9 á Xunta, petición reiterada e unánime do Parlamento de Galicia, ten un "encaixe xurídico tremendamente difícil". Pola contra, Puente considera que "o que resulta prioritario e importa aos cidadáns" son as sucesivas rebaixas de peaxes aprobadas polo seu departamento na autoestrada.
A intervención de Puente no Congreso foi nunha comparecencia solicitada polo PP, ao que o ministro lembrou que foi o Goberno de José María Aznar o que prorrogou e despois privatizou a concesión da autoestrada. Puente tamén confirmou que o seu ministerio xa autorizou a tramitación por vía urxente de novas rebaixas de peaxes, acordadas co BNG para a investidura de Pedro Sánchez, que se sumarán ás que implantaou no verán de 2021. Serán outros 27 millóns de euros ao ano, destinados a usuarios recorrentes da infraestrutura, que se sumarán aos 55 que xa viña gastando o ministerio en subvencionar viaxes na AP-9.
Ante eses 82 millóns ao ano que o ministerio compromete ata o remate da concesión en 2048, sumados a outros descontos que xa estaban en vigor, tanto o BNG como Sumar reclamaron ao ministro que rescate a concesión asegurando que sairá máis barato que seguir subvencionando peaxes. Porén, tamén no eido económico Puente considera "difícil" chegar "ao 100%" de bonificación das peaxes ou ao rescate da autoestrada, que suporía "un volume de gastos con efectos lesivos para o Estado".
Puente non concretou cando comezará a aplicarse a nova rebaixa de peaxes, pero tampouco llo pediu o PP que solicitara a súa comparecencia. Pola contra, o deputado popular galego Celso Delgado dedicou boa parte da súa intervención a cargar contra os casos de presunta corrupción investigados no Ministerio de Transportes.
O Congreso tamén aprobou unha moción do BNG que insta a anular a prórroga da concesión decidida por Aznar
Por outra banda, este mesmo mércores o Congreso aprobou unha moción do BNG que insta ao Goberno de España a iniciar os trámites para anular a prórroga da concesión decidida por Aznar, cuestionada pola Unión Europea, e impulsar a transferencia da súa titularidade á Xunta.