Hai case unha década, en 2016, a primeira ocasión na que o Parlamento acordou por unanimidade pedir o traspaso das competencias da autoestrada AP-9 mediante o envío dunha lei ao Congreso, o Goberno do PP de Mariano Rajoy bloqueou a súa tramitación forzando un mecanismo da Constitución. E tamén inchando cun cálculo erróneo o custo dun posible rescate da concesión para o que nestes anos houbo diversas hipóteses á que agora se engade outra, a formulada por un estudo encargado polo BNG á Universidade da Coruña e que o rebaixa a apenas 900 millóns de euros.
O Goberno de España, con Rajoy e na actualidade, cifrara en arredor e 4.000 millóns o rescate e un informe contratado pola Xunta situouno recentemente na contorna dos 2.000
A través do daquela Ministerio de Fomento, dirixido por Ana Pastor e despois interinamente por Rafael Catalá, o Executivo dos conservadores asegurou que ese posible rescate -formulado na lei galega como hipótese- custaría uns 4.300 millóns de euros. En realidade, a aplicación de criterios fixados na lei de contratos e varios estudos, así como fontes expertas consultadas por Praza.gal, situaban o custo real do rescate entre 2.500 e 2.900 millóns naquel momento, o ano 2016.
O método empregado polo equipo de Rajoy para chegar a aquela cifra baseábase, esencialmente, en multiplicar os ingresos por peaxes da AP-9 polo número de anos que restaban para a fin da concesión, no ano 2048. Isto é, formulaban compensar á empresa xa non polo que deixaría de gañar, senón polo que deixaría de ingresar.
Aymerich e Blanco conclúen que o custo se limitaría ao "valor de mercado" da concesión e chegan á cifra baseándose nunha taxación realizada en 2018 ao grupo do que forma parte Audasa actualizado co IPC de 2024
Neste 2024 o actual ministro de Transportes, Óscar Puente, asegurou que o seu departamento manexaba unha cifra similar, uns 4.000 millóns, para o eventual rescate. Fíxoo, no seu caso, para desbotalo como alternativa ante o procedemento de infracción aberto pola Comisión Europea contra España pola prórroga da concesión aprobada polo Goberno de Aznar no ano 2000, cando a estendeu dende 2023 a 2048.
A esas estimacións engadiuse este mesmo mes outra, ofrecida pola Xunta a partir dun estudo encargado a unha consultora. Rescatar a autoestrada, sinalaban, suporía ás arcas públicas entre 1.612 e 2.355 millóns.
Fronte a todas estas cifras, a conclusión do traballo elaborado para o Bloque por Carlos Aymerich -quen tamén fora voceiro parlamentario da formación- e José Antonio Blanco dende a UDC conclúe que poñer fin á xestión privada da autoestrada do Atlántico neste momento, 15 anos antes do fixado por Aznar, custaría 904,6 millóns. Ese é, subliñan, o "valor de mercado" da concesión, isto é, "a contía que estivo disposta a pagar pola AP-9 en 2018 un terceiro" -no marco dunha taxación ao grupo Itinere, no que se integra Audasa- actualizada co IPC de 2024.
O estudo subliña que non cumpriría compensar a empresa con indemnización ningunha polo que deixaría de gañar ao estar beneficiándose dun contrato "ilegal" pola prórroga de Aznar ata 2048, en liña do sostido pola Comisión Europea
Non habería que afrontar, subliñan, indemnización ningunha á compañía polo "lucro cesante", isto é, polo que deixaría de gañar por non poder explotar a infraestrutura ata agosto e 2048. A razón, subliñan, é que está gozando dun contrato "ilegal" á luz da normativa europea, xa que -como defende a Comisión Europea-, a prórroga foi un "cambio substancial" nas condicións que debeu implicar un concurso público.
Rescatar a AP-9 custaría esa cantidade pero ademais, engade o informe , implicaría un notable aforro para as arcas públicas. Non en van, o Estado ten comprometidos máis de 2.000 millóns para subvencionar descontos nas peaxes que xa non cumprirían, aos que se suman outros gastos como as peaxes na sombra -tramos nos que os usuarios non pagan por circular porque teñen financiamento público-. En total, deixaríanse de abonar a Audasa 2.844 millóns, indican e, unha vez descontado o que o Estado deixaría de ingresar por IVE e imposto de sociedades, o saldo sería positivo en 953 millóns de euros. Mesmo compensaría, engaden, tendo en conta os custos de mantemento da infraestrutura, 11,8 millóns anuais "perfectamente asumibles", subliñan.
"Recuperar a AP-9 sería beneficioso para Galiza e para as arcas públicas", resume a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón. "Sabemos que rematar coa estafa legalizada da AP-9 é posible" e agora, con este informe na man, advirte, tamén que "é máis económico para as arcas públicas e máis beneficioso para os galegos e galegas".