As contas do primeiro semestre deste ano xa reflicten a suba do imposto local, pero o aumento aínda maior das peaxes déixalle 39,5 millóns de beneficios en só seis meses, un 9,5% máis
Nas últimas xornadas os concellos polos que pasa a AP-9 foron informando do que veñen de subir o Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) á concesionaria da autoestrada tras o remate da bonificación do 95% de que desfrutaba Audasa desde o franquismo. O incremento fai que a empresa teña que pagar 20 veces máis, pasando dun total duns 380.000 euros a uns 7,5 millóns ao ano.
Porén, de momento iso non lle está a supoñer a Audasa ningunha redución dos beneficios. Así o reflicten as contas do primeiro semestre do ano que presentou hai un mes ante a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).
O IBI aparece reflectido nas contas de Audasa dentro dos gastos de explotación, no apartado dedicado a tributos (que non hai que confundir cos impostos sobre os beneficios, que se calculan despois e que supuxeron uns 13,1 millóns de euros no primeiro semestre). A propia empresa reflectiu nas súas contas que "o principal incremento dos anteditos gastos correspóndese coa finalización da bonificación aplicada no Imposto sobre Bens Inmobles en exercicios anteriores".
Ese apartado de tributos viña reflectindo un gasto para Audasa nos últimos anos duns 230.000 euros ao semestre. Pero no primeiro semestre deste ano, xa sen a bonificación do IBI, o gasto disparouse a 3,77 millóns de euros. Aínda así, os beneficios da concesionaria seguiron medrando.
A propia empresa contabiliza xa a suba dentro dos gastos de explotación ordinarios da autoestrada, polos que non ten dereito a subir as peaxes
Ao analizar os beneficios semestrais da empresa compróbase que estes son superiores nas segundas metades dos anos, nas que están os meses de verán e o groso do impacto do turismo. Sen ter en conta a pandemia e o seu efecto sobre o tráfico en 2020 e 2021, Audasa vén acadando nos últimos anos sucesivos récords de beneficios tras impostos tanto nos primeiros como nos segundos semestres. E o mesmo volveu ocorrer no primeiro semestre deste ano malia a significativa suba do IBI.
Se no primeiro semestre do pasado ano Audasa tivo que pagar 232.000 euros de tributos e logrou un beneficio de 36,1 millóns, os 3,7 millóns de tributos pagados este ano non lle impediron aumentar os seus beneficios tras impostos no primeiro semestre a 39,5 millóns de euros, un 9,49% máis. Fíxoo grazas ao aumento dos ingresos por peaxes, un 7,66% máis, malia que o tráfico só aumentou na autoestrada un 2,65%.
A contabilización do aumento do IBI como un gasto de explotación ordinario confirma tamén nas propias contas da empresa que a suba era algo co que esta xa contaba. A fin da bonificación foi establecida en 2000 como condición a aplicar desde agosto do pasado 2023 para a prórroga da concesión desde aquel momento, no que debía rematar, ata 2048. Publicada esa condición no Boletín Oficial do Estado, forma parte xa das características da concesión, o que impide que a concesionaria poida propoñer ao Estado, que é quen as autoriza, unha suba das peaxes para compensar ese novo cobro.
A Xunta cifra o rescate da concesión entre 1.600 e 2.300 millóns de euros
A Xunta cifra o rescate da concesión da AP-9 de mans de Audasa "entre os 1.612 e os 2.355 millóns de euros", a metade do que estimaba o Goberno de Mariano Rajoy
Por outra banda, este xoves a Xunta fixo públicos os seus cálculos sobre o que custaría rescatar a concesión da AP-9. Segundo o Goberno galego, que encargou un informe ao respecto á consultora Eptisa, recuperar a autoestrada de mans de Audasa, á que aínda lle quedan 24 anos de concesión, tería un custo de "entre os 1.612 e os 2.355 millóns de euros". Para facer o seu cálculo a Xunta fai unha estimación do que habería que pagar a Audasa como indemnización pero restando o que deixaría de gastar a administración en bonificar as peaxes ata a fin da concesión, 1.149 millóns.
A cifra é a metade do que asegurou no seu momento que custaría o Goberno de Mariano Rajoy, que cuantificou o rescate nuns 4.300 millóns de euros cun cálculo inchado e erróneo. Máis preto no tempo, o actual ministro de Transportes, Óscar Puente, cifrou o rescate en 4.000 millóns de euros.