Novo récord de beneficios de Audasa con 39,5 millóns só no primeiro semestre do ano

Ingresos e beneficios en aumento de Audasa CC-BY-SA Praza Pública

Malia que o tráfico só medrou un 2,65%, os ingresos por peaxes supuxeron para a concesionaria un 7,66% e os seus beneficios aumentaron un 9,49%

No primeiro semestre do ano Audasa, concesionaria da AP, rexistrou só un 2,65% de tráfico máis que no mesmo período do ano anterior, pero os seus ingresos aumentaron un 7,66% e os seus beneficios un 9,49%, ata os 39,5 millóns de euros, o que supón un novo récord semestral para a empresa. Tras un 2023 no que os beneficios totais anuais acadaron os 82,6 millóns, un 34% máis que o ano anterior e superando o datos histórico de 68 millóns rexistrado en 2010, este 2024 parece ir polo mesmo camiño.

Estes datos veñen de seren comunicados por Audasa este venres aos mercados e os seus accionistas a través da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), documentación que revela que os ingresos por peaxes acadaron os 96,6 millóns de euros e o tráfico roldou unha media diaria de 24.713 vehículos.

Por outra banda, os datos comunicados permiten comprobar como os ingresos por peaxes froito de subvencións públicas para abaratalos ás persoas usuarias supoñen arredor do 30% dos ingresos totais da empresa.

Nesa achega de fondos públicos é clave o programa de subvencións estatais vixente dende 2021, que ten a súa medida máis significativa na gratuidade dos traxectos de retorno pagos con telepeaxe en menos de 24 horas tras a viaxe de ida. Por este concepto Audasa ingresou en só seis meses20,1 millóns de euros, máis de 3 millóns máis que os 17,9 millóns dun ano antes.

As subvencións públicas para rebaixar peaxes supoñen case un de cada tres euros ingresados por Audasa

O feito de que a telepeaxe sexa imprescindible para acceder a eses descontos anima o uso destes dispositivos, que xa son a vía de entrada da metade dos ingresos de Audasa, cun 49,7%. Mentres, o pagamento en efectivo segue reducindo o seu peso e xa supón só un 5,3%%.

A segunda partida de fondos públicos máis relevante nas contas de Audasa son as achegas por peaxe na sombra, isto é, as dos 9 quilómetros do treito Vigo - O Morrazo e os 5 da Coruña - A Barcala que non son abonados directamente por quen circula pola AP-9, senón que saen das arcas públicas en función do tráfico rexistrado. Desta volta foron 6,1 millóns en seis meses, cifra similar ano pasado. A eses fondos hai que engadir outros 3,1 millóns de euros achegados polo Estado para limitar o aumento de tarifas froito da crise de prezos dos últimos anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.