Audasa é finalmente condenada a devolver o importe íntegro das peaxes cobradas nos 81 momentos concretos nos que o tráfico se viu afectado, entre 2015 e 2018, no treito da ponte de Rande durante as obras de ampliación
As peaxes da AP-9 cobradas integramente por Audasa aos usuarios da autoestrada nos días nos que as obras de ampliación da ponte de Rande provocaron importantes atascos e incidencias na circulación son consideradas unha “práctica abusiva” polo Tribunal Supremo, que estima o recurso de casación presentado polo Ministerio Fiscal ante a revogación da Audiencia de Pontevedra da sentenza condenatoria do Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra, e desestima o recurso de apelación interposto pola concesionaria.
Audasa é finalmente condenada a devolver o importe íntegro das peaxes cobradas nos 81 momentos concretos nos que o Mercantil ratificou que o tráfico se viu afectado, entre o 4 de febreiro de 2015 e o 30 de maio de 2018 no treito da ponte de Rande a causa dunha ampliación que, aínda que foi inaugurada polos daquela presidentes Rajoy e Feijóo o 30 de decembro de 2017, seguiu precisando traballos na calzada en datas moi posteriores a esa xornada.
O Tribunal Supremo ratifica a sentenza de primeira instancia ditada polo xulgado do Mercantil, que cualificaba como “práctica abusiva” de Audasa o feito de cobrar as peaxes de maneira íntegra aos usuarios da autoestrada AP-9 nos casos nos que na mesma existían “incidencias” compatibles coa “circulación interrompida ou estrada cortada”, unha “circulación difícil, moi lenta, con paradas frecuentes e prolongadas”; ou mesmo unha “circulación irregular, lenta, con paradas esporádicas”.
Todo isto sumado a que aos usuarios non se lles facilitara información sobre o estado da vía coa “antelación suficiente como para que puidesen optar, en condicións de seguridade, por non incorporarse á autoestrada ou por abandonala antes de chegar ao tramo afectado”.
A sentenza destaca que aos usuarios non se lles facilitou información sobre o estado da vía coa "antelación suficiente" para optar por non incorporarse ou abandonar a AP-9 antes de Rande
A demanda contra a concesionaria da AP-9 interposta pola Fiscalía, á que se adheriron as asociacións Adicae e En Colectivo, así como particulares, remata o seu percorrido máis dunha década despois das primeiras incidencias denunciadas.
O corpo da sentenza do Supremo refírese ao “desequilibrio” nos dereitos e obrigas das partes –por un lado a concesionaria da AP-9 e por outro os usuarios– en “prexuízo do consumidor ou usuario”, que supón “unha falta de reciprocidade que resulta contraria ás esixencias da boa fe”.
“O usuario paga e cumpre integramente a súa prestación, mentres que a concesionaria non pode prestar o servizo conforme ao que lexitimamente confía o usuario. Aínda cando non lle resulte imputable, si debeu proporcionar a información oportuna sobre as incidencias relevantes, para permitir ao usuario tomar unha decisión coa información precontractual oportuna”, describen os antecedentes expostos na resolución do alto tribunal en referencia a Audasa.