Fiscalía e Avogacía do Estado enfróntanse no xulgado polas peaxes que Audasa cobrou malia estar a ponte en obras
O Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra acolle a partir deste martes un xuízo contra Audasa, a concesionaria da AP-9, para que devolva aos usuarios -e os indemnice a maiores- as peaxes que lles cobrou durante o tempo en que as obras de ampliación da ponte de Rande afectaron ao tráfico no treito entre Vigo e O Morrazo. No xuízo a Fiscalía defenderá a postura dos usuarios, tamén persoados a través da asociación En Colectivo, mentres que a Avogacía do Estado e a concesionaria defenden que non había que deixar de cobrar esas peaxes malia reducir a calidade do servizo.
O enfrontamento entre as posturas de Fiscalía e Avogacía do Estado é tal que a primeira vén de emitir un comunicado no que nega lexitimidade á segunda para participar no xuízo. Un comunicado no que, ao tempo, a Fiscalía afea a inauguración da ampliación de Rande por parte do daquela presidente Mariano Rajoy o 30 de decembro de 2017 malia que aínda se seguiron realizando traballos na calzada que afectaron ao tráfico.
As obras de ampliación de Rande seguen a ter efectos secundarios aínda agora, xa que seguen sen instalarse pantallas de protección acústica e sen reparar as vías municipais afectadas
Aquela inauguración do 30 de decembro, na que tamén participaron o presidente Feijóo, o ministro de Fomento Íñigo de la Serna e a ex-ministra Ana Pastor, coincidiu co inicio do habitual descanso de Nadal de Rajoy en Pontevedra. Catro días despois, antes de volver a Madrid, Rajoy tamén inauguraba, cun discurso case idéntico sobre as infraestruturas galegas, outra ampliación da mesma AP-9, a da circunvalación de Santiago. Pero as obras seguiron en Rande e no acceso a Vigo afectando ao tráfico varios meses máis.
“Non só se mantivo o cobro íntegro da peaxe en todo momento, senón que se incrementou a partir do día 1 de xaneiro de 2018, tras unha inauguración das obras que se realizou o 30 de decembro de 2017 aínda cando continuaron realizándose traballos similares na calzada con posterioridade a esa data”, di a Fiscalía no seu comunicado. As obras de ampliación de Rande, de feito, seguen a ter efectos secundarios aínda agora, xa que seguen sen instalarse pantallas de protección acústica e sen reparar as vías municipais afectadas, ao tempo que un colexio que tivo que ser trasladado, o que supuxo anular durante meses un carril de circulación, aínda estrea agora a súa calefacción.
A Fiscalía lembra que a súa reclamación non afecta aos profesionais ou empresas, só aos particulares, e cuantifica en 90 millóns as peaxes cobradas a vehículos lixeiros durante as obras
Polos efectos que as obras tiveron no tráfico, a Fiscalía reclama que se condene a Audasa “a reintegrar aos usuarios (no sentido estrito establecido pola lei, é dicir, non se inclúen en dito concepto os profesionais da condución e/ou titulares de empresas de transporte de mercadorías ou pasaxeiros, no desempeño de tales ocupacións profesionais ou empresariais) os importes das peaxes que fosen aboadas, no treito da contorna da ponte de Rande, entre o 27 de febreiro de 2015 e o 1 de xuño de 2018, cos intereses legais desde a data de pagamento de cada peaxe” así como “unha indemnización consistente no dobre do importe da peaxe”.
A propia Fiscalía sinala que "no período de referencia, segundo datos de Audasa, existiron uns 77 millóns de tránsitos e a recadación por peaxes correspondente a vehículos lixeiros ascendeu a uns 90 millóns de euros".
A Fiscalía reclama que se inste á concesionaria a “cesar” no cobramento de peaxes cando as obras afecten ao tráfico “en calquera autoestrada que xestione en España”
Na súa defensa da devolución aos usuarios das peaxes que pagaron malia recibir un servizo de inferior calidade, a Fiscalía oponse a que a Avogacía do Estado poida participar no xuízo. O ministerio fiscal considera que a causa, que se dirimirá nun xulgado do Mercantil, é sobre unha relación comercial entre a concesionaria e os usuarios, o que ao seu xuízo “determina que a Administración Xeral do Estado non poida ter interese directo e lexítimo no preito, máis alá da defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios, posición que xa asume a Fiscalía”. Porén, a Avogacía do Estado considera que a concesionaria non tiña por que deixar de cobrar as peaxes porque así o establece o contrato concesional, postura que evidencia o medo a que unha sentenza contraria a Audasa faga que esta reclame posteriormente ao Ministerio de Transportes. De feito, a Fiscalía reclama que no xuízo se inste á concesionaria da AP-9, integrada no grupo Itínere, a “cesar” no cobramento de peaxes cando as obras afecten ao tráfico “en calquera autoestrada que xestione en España”.