O xuíz dá dous meses a quen queira participar activamente na causa, con avogado e procurador, pero quen non o faga poderá igualmente acollerse máis tarde á sentenza para reclamar se esta condena á concesionaria
O xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra vén de admitir a trámite a demanda colectiva presentada pola Fiscalía contra Audasa, concesionaria da autoestrada AP-9, para que devolva aos usuarios o importe das peaxes que pagaron na contorna da ponte de Rande entre o 27 de febreiro de 2015 e o 1 de xuño deste ano, período durante o cal as obras de ampliación do viaduto afectaron ao tráfico, mesmo varios meses despois da súa inauguración a finais de 2017 por Rajoy e Feijóo. O decreto do xulgado establece que os interesados teñen agora dous meses para persoarse na causa sumándose á demanda da Fiscalía se queren participar activamente nela, para o que deberán contar con avogado e procurador. Pero iso non implica que quen non o faga perda xa todo dereito a que Audasa lle devolva os cartos.
O propio decreto emitido polo xulgado sinala expresamente, e así se salienta desde a Fiscalía, que “de non persoarse, iso non obsta a que os afectados poidan exercer os seus dereitos e intereses no suposto de ser estimada a sentenza, con base na mesma, pola extensión de efectos solicitada”. Isto é, unha vez emitida unha sentenza condenatoria (se é que hai condena), quen non se persoe agora na causa poderá igualmente esgrimila para pedir que Audasa lle reintegre tamén a el o cobrado de xeito indebido. Pero o proceso non vai ser breve.
A propia Fiscalía sinala que na actualidade non se coñece a totalidade de consumidores afectados e solicitou "a extensión dos efectos da sentenza a todos os usuarios que se puideran atopar na mesma situación"
A propia Fiscalía, na súa demanda, sinala que na actualidade non se coñece a totalidade de consumidores afectados pola práctica “abusiva” de Audasa de cobrar por un servizo que non se estaba a prestar de xeito adecuado, polo que solicitou “a extensión dos efectos da sentenza a todos os usuarios que se puideran atopar na mesma situación conforme aos artigos 221 e 519 da Lei de Enxuizamento Civil”.
E o que din os artigos 221 e 519 desa lei é que non é necesario participar previamente no proceso con avogado e procurador para poder beneficiarse posteriormente da sentenza condenatoria que se emita. Así, o artigo 221 di expresamente que, cando se produza unha condena, “a sentenza determinará se, conforme á lexislación de protección aos consumidores e usuarios, a declaración ha de surtir efectos procesais non limitados a quen fose partes no proceso correspondente”. E o artigo 519 reitera que cando unha sentenza non determine os “consumidores ou usuarios individuais beneficiados”, o tribunal, “a solicitude dun ou varios interesados e con audiencia do condenado, ditará auto no que resolverá se, segundo os datos, características e requisitos establecidos na sentenza, recoñece aos solicitantes como beneficiarios da condena” engandindo que “con testemuña deste auto, os suxeitos recoñecidos poderán instar a execución” e que “o Ministerio Fiscal poderá instar a execución da sentenza en beneficio dos consumidores e usuarios afectados”.
Isto é, o demandante ten que pedir que a sentenza condenatoria que se produza a raíz da súa demanda non só afecte aos que participaron na causa senón tamén a todos os afectados. E esa petición de extensión dos beneficios da sentenza xa foi formulada pola Fiscalía e así o recolle o propio xulgado. Porén, tamén puidera pasar que, unha vez emitida unha sentenza condenatoria contra Audasa, o xulgado que a emita decida non atender esa petición da Fiscalía por algún motivo (de momento o xulgado que vén de admitir a trámite a súa demanda xa a ten en conta) ou sucesivos recursos da concesionaria alonguen o proceso de cobro para eses usuarios que non participen xa activamente no proceso.
En todo caso, e así o di de xeito expreso o xulgado a petición da Fiscalía, non presentarse xa no proceso con avogado e procurador non implica de xeito automático que un perda xa o dereito a que Audasa lle devolva as peaxes que lle cobrou senón que podería reclamalas posteriormente unha vez emitida sentenza.
Consumidores e usuarios, non profesionais
Quen non poderá beneficiarse da demanda da Fiscalía agora admitida a trámite polo xulgado son os profesionais e empresas
Pola contra, quen non poderá beneficiarse da demanda da Fiscalía agora admitida a trámite polo xulgado son os profesionais e empresas. A vía legal pola que a Fiscalía actúa contra Audasa está limitada só aos consumidores e usuarios e non pode amparar a profesionais da condución ou titulares de empresas de transporte de mercadorías e pasaxeiros.
Para os primeiros, os consumidores e usuarios, o que pide a Fiscalía é que Audasa lles reintegre “os importes das peaxes que fosen aboadas, no treito da contorna da ponte de Rande, entre o 27 de febreiro de 2015 e o 1 de xuño de 2018, cos xuros legais desde a data de pagamento de cada peaxe”. A Fiscalía pide que o pagamento se efectúe “no caso das peaxes que no seu día fosen pagadas mediante tarxeta de crédito ou Vía T [telepeaxe], mediante transferencia á mesma conta bancaria na que no seu momento se fixo o cargo” mentres que “no caso dos usuarios que pagasen en efectivo, procederase conforme ás normas [da lei de axuizamento civil]” para asegurar o resarcimento, o que remite a unha posterior decisión sobre o xeito de pagamento que se debe habilitar por parte de Audasa que podería alongar aínda máis o proceso para eses usuarios.
A Fiscalía non só pide a devolución do cobrado de xeito “abusivo” para os usuarios que se visen afectados pola simple existencia de obras senón tamén indemnizacións para os que sufriron retencións de máis de dez minutos
Pero a Fiscalía non só pide a devolución do cobrado de xeito “abusivo” para os usuarios que se visen afectados pola simple existencia de obras senón tamén indemnizacións para os que sufriron retencións. Así, reclama “unha indemnización consistente no dobre do importe da peaxe a todos os usuarios (condutores ou pasaxeiros), que non sexan profesionais da condución e/ou titulares de empresas de transporte de mercadorías ou pasaxeiros, no desempeño de tales ocupacións profesionais ou empresariais, que acrediten terse atopado nun dos atascos sinalados, ou en calquera outro que implicase retencións superiores a dez minutos”. Para iso, os afectados deberán contar co recibo da peaxe ou “calquera outra proba”.
Pero o proceso que queda por diante non será breve. Agora o xulgado esperará dous meses a que os interesados en participar de xeito activo na causa con avogado e procurador así o manifesten, e posteriormente deberá dar audiencia a Audasa para que expoña os seus argumentos. Aínda quedan meses, ou anos, para que o xulgado decida se acepta todas, algunha ou ningunha das peticións da Fiscalía e, posteriormente, se hai sentenza condenatoria, vaia determinando as devolucións e indemnizacións correspondentes a cada usuario ou o xeito en que Audasa debe facelo.