0 Gardados para despois

Fomento certifica que a inauguración de Rande deixa obras pendentes en Chapela por máis de 11 millóns

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O próximo sábado o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, ten previsto inaugurar a ampliación da ponte de Rande, o que permitirá que ao longo dos próximos meses Fomento autorice a Audasa unha nova suba das peaxes coa que pagar a obra. Porén, este mércores o propio ministerio vén de ratificar que na parroquia de Chapela, en Redondela, a máis afectada pola ampliación, aínda quedan traballos por facer por importe superior a 11 millóns de euros, entre eles o traslado dun colexio.

O ministerio autoriza a Audasa a abrir a ampliación da ponte e cobrar por ela malia admitir que hai traballos para evitar molestias aos veciños que aínda nin comezaron

A parroquia de Chapela foi cortada pola metade pola AP-9 hai máis de tres décadas e a súa cidadanía leva anos advertindo de que os prexuízos aumentarían coa ampliación da autoestrada. Agora, coas obras na calzada a piques de rematar, Fomento admite que non foi tan rápido á hora de ter en conta eses efectos prexudiciais.

A obra máis significativa será o traslado do Colexio da Igrexa, ao que a ampliación da autoestrada inicialmente só ía levar parte do seu recinto exterior pero que finalmente se achegou tanto que obriga a ter que abandonar o actual edificio. O novo centro ten un orzamento de 4,6 millóns de euros, pero Fomento admite que aínda hai que concluír a tramitación urbanística e licitar e realizar as obras. Mentres, un muro de formigón será o que protexa o colexio actual do posible choque dun camión.

O traslado dun colexio, actuacións para reducir o ruído e a reposición de camiños afectados están aínda pendentes de que o Goberno autorice modificar o convenio con Audasa para ampliar a AP-9

Tanto o colexio como as numerosas vivendas da zona ven como a ampliación da autoestrada supón que o ruído do tráfico se achegue aínda máis. Porén, Fomento admite que tamén están pendentes de investirse 2,83 millóns en “actuacións para a redución do ruído”. Do mesmo xeito, o ministerio sinala que outras actuacións de reposición de camiños afectados pola ampliación suporán un gasto doutros 3,72 millóns de euros.

Todas estas actuacións, admite Fomento, están pendentes da aprobación dunha adenda ao convenio entre o ministerio e a concesionaria para a ampliación da autoestrada. Serán obras, polo tanto, que comezarán despois de que os vehículos comecen a circular polos novos carrís ampliados e Audasa poida empezar a cobrar por eles.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O BNG intensifica a súa campaña pola transferencia da AP-9 e a “supresión progresiva das peaxes”

Cargos do BNG nos concellos afectados pola AP-9 reuníronse este mércores en Pontevedra para facer público un “Manifesto pola transferencia a Galiza da AP-9 e a supresión progresiva das peaxes”. Coa portavoz nacional, Ana Pontón, e o rexedor de Pontevedra, Miguel Anxo Fernánde Lores á cabeza, os nacionalistas criticaron que o PP galego defenda “os intereses de Audasa e de Rajoy”.

Os nacionalistas criticaron que o PP galego defenda “os intereses de Audasa e de Rajoy”

O BNG presentará mocións nos concellos e no Parlamento para seguir reclamando a transferencia da infraestrutura e a supresión progresiva das peaxes e non descarta “outro tipo de protestas e presión social mancomunada con diferentes ámbitos económicos, sociais, políticos e sindicais”.