0 Gardados para despois

Catro explicacións políticas por tras dos atascos de Rande alén do tráfico e os accidentes

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


A ponte de Rande da AP-9 ampliouse a tres carrís por sentido para axilizar o tráfico e evitar os atascos que de xeito recorrente se producían nela por accidentes que colapsaban os seus anteriores dous carrís por sentido ou pola elevada afluencia de tráfico procedente de Vigo cara ao Morrazo en días non laborables e especialmente cando hai bo tempo. Esa ampliación inaugurouse por todo o alto o 30 de decembro coa presenza do propio presidente do Goberno central, Mariano Rajoy. Pero cinco meses despois a ponte segue a rexistrar atascos por accidentes e elevada afluencia de tráfico. Porque as obras aínda non están rematadas malia a decisión política de inaugurar a ampliación en decembro. Pero esa non foi a única decisión política, ou mudanza dunha planificación política previa, que explica os atascos.

Inauguración anticipada

Malia a inauguración anticipada da ampliación sen rematarse as obras na ponte, o acordo con Audasa di que a suba de peaxes se aplicará "simultaneamente coas revisións ordinarias de tarifas", algo que se produce en xaneiro

A ampliación da ponte de Rande corre por conta da concesionaria da autoestrada, Audasa, que segundo o acordo que asinou co Ministerio de Fomento podería comezar a recuperar o investimento a través dunha suba das peaxes en toda a autoestrada “a partir do 1 de xaneiro do ano seguinte a aquel en que finalicen as obras de ampliación”. Para garantirse cobrar canto antes, Audasa acelerou as obras da ampliación en si mesma, dos carrís exteriores que se engadiron á ponte orixinal, rematados coa inauguración oficial de decembro, pero deixou pendentes outras actuacións no seu taboleiro principal que son as que se veñen realizando nos últimos cinco meses e que motivaron o corte dos carrís centrais do viaduto e o aumento dos atascos. Porén, Fomento aínda non autorizou a Audasa a suba de peaxes. De feito, o acordo coa concesionaria contempla que ese incremento “aplicarase simultaneamente coas revisión ordinarias de tarifas”, algo que se produce en xaneiro, polo que a suba non se debera aplicar ata o próximo ano.

Obras pendentes en horario diurno

O ministro prometera en decembro que os traballos pendentes se realizarían "en período nocturno", pero en febreiro Fomento autorizou cortes de carrís permanentes, tamén durante o día

Cando o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, avanzou o pasado 20 de decembro en Santiago que, malia a inauguración que se produciría dez días despois, as obras continuarían na ponte de Rande, dixo que eses traballos pendentes se realizarían “en período nocturno”. Pero non foi así e o 12 de febreiro, mes e medio despois da inauguración, Fomento anunciou que as obras pendentes implicarían cortes de carrís durante varios meses, ata o verán, e que estes serían permanentes e non só en horario nocturno, como anunciara o ministro.

Ampliación mal planificada Chapela

O risco non previsto inicialmente que a ampliación supón para un colexio en Chapela levou a Fomento a restrinxir a circulación por un dos novos carrís da AP-9

As obras na plataforma central da ponte de Rande non eran as únicas que quedaron pendentes tras a inauguración. A autoestrada ampliouse tamén ao longo de varios quilómetros de acceso a Vigo, ao seu paso polo barrio de Chapela, en Redondela, onde o novo carril de circulación se aproximou tanto a un colexio que obrigou a Fomento a admitir que non planificara ben a obra e a engadir un muro de contención que protexese o centro escolar do posible choque dun vehículo pesado. A medida non foi suficiente e a presión das familias obrigou ao ministerio a unha segunda rectificación dos seus plans iniciais e a trasladar o centro educativo a outro emprazamento. Pero mentres non se constrúe o novo colexio, Fomento decidiu restrinxir o tráfico do carril a maiores ampliado nas proximidades do centro escolar, onde ademais hai restricións de velocidade. Outro obstáculo que engadir para dificultar a suposta maior fluidez do tráfico que ía lograr a ampliación da AP-9.

Fomento culpa ás obras da Xunta na Autovía do Morrazo

Fomento di que "a principal restrición nestes últimos meses foi a que xeraba o corte de tráfico no Corredor do Morrazo para a súa conversión en autovía", obra que a Xunta se comprometera a realizar mantendo a circulación

De xeito simultáneo ás obras de ampliación da ponte de Rande, a Xunta estivo a realizar as obras de conversión do Corredor do Morrazo en autovía. Unhas obras que, para facilitar os traballos das construtoras e malia a promesa inicial do Goberno galego de que se mantería a circulación, supuxeron o corte ao tráfico do Corredor durante varios meses e o desvío pola vella estrada convencional. A raíz dos atascos producidos nas últimas semanas, o Ministerio de Fomento aproveitou, en declaracións divulgadas pola axencia Europa Press na súa web, para cargar contra a Xunta e dicir que “a principal restrición nestes últimos meses foi a que xeraba o corte de tráfico no corredor do Morrazo para a súa conversión en autovía”. O ministerio evidenciaba así de xeito implícito que o Goberno galego non cumprira co seu compromiso de manter aberto ao tráfico o Corredor mentres se desdobraba en autovía, o que evitaría ese terceiro funil consecutivo, tras o de Chapela e o dos carrís cortados na propia ponte, que están por tras dos atascos dos últimos meses. A apertura da Autovía do Morrazo a pasada semana debera contribuír a mellorar ese punto.

Malia que estes elementos que condicionan a circulación pola AP-9 son coñecidos por Fomento desde hai meses e mesmo anos, non é ata este mércores que o ministerio pon sobre a mesa de Audasa a posibilidade de non cobrar peaxe cando se produzan atascos motivados polas obras aínda en marcha. Faino ao tempo que a Valedora do Pobo vén de iniciar unha nova queixa por esa cuestión ante Fomento e Audasa. E faino tamén cando as obras, agora si, segundo as súas últimas previsións antes do verán, están xa a piques de rematar despois de máis de tres anos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Fomento di agora que seguirá habendo “afeccións” ao tráfico en Rande máis alá do 31 de maio pero que serán “mínimas”

Na última frase dunha nota de prensa de máis de dous folios, o Ministerio de Fomento vén de anunciar este mércores que as obras de mellora da ponte de Rande continuarán máis alá do 31 de maio. Farano “con mínimas afeccións ao tráfico”, di o ministerio, que se coida moito de matizar que só estudará levantar as barreiras das peaxes na AP-9, e con iso reducir os beneficios da súa concesionaria, Audasa, como unha “posibilidade”, en situacións “excepcionais”, “casos moi concretos” e tras a “pertinente análise”.

Tras as protestas dos usuarios polas retencións que se veñen producindo na AP-9 despois da inauguración da ampliación da ponte de Rande do pasado 30 de decembro, este mércores Fomento emitiu unha nota de prensa na que publicita o “dispositivo especial” que habilitará para esta ponte das Letras Galegas. Nese comunicado o ministerio matiza que aquela suposta inauguración de decembro coa presenza do propio Rajoy foi só da “ampliación da capacidade da ponte”, isto é, dos novos carrís exteriores, pero que as obras constan doutras dúas fases.

O Ministerio só estudará levantar as barreiras das peaxes como "posibilidade" para "situacións excepcionais" e "casos moi concretos"

A segunda, de renovación do asfaltado dos taboleiros centrais da ponte e rehabilitación dos seus tirantes, que o ministro dixera que se realizaría “en período nocturno” pero que mantén cortados desde hai meses diversos carrís da ponte durante todo o día, rematará antes do 31 deste mes de maio. E posteriormente aínda quedará unha terceira fase de rehabilitación da vella estrutura metálica da ponte. Para esa terceira fase non se ofrece data de remate nin se garante que non terá efectos sobre a circulación senón só que as súas afeccións ao tráfico serán “mínimas”.

A nota tamén reduce as expectativas xeradas nos últimos días de que Fomento podería obrigar a Audasa a levantar as barreiras das peaxes en caso de retencións. O ministerio limítase a dicir que “intensificará a inspección da autoestrada na área metropolitana de Vigo, e no caso de situacións excepcionais, adoptará as medidas que resulten oportunas, entre elas a posibilidade de levantar en casos moi concretos e tras a pertinente análise da situación, as barreiras da peaxe”.