0 Gardados para despois

Oito meses despois da súa inauguración por Rajoy e Feijóo, as obras continúan na ponte de Rande

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O pasado 30 de decembro, coincidindo cos seus días de descanso en Pontevedra polo Nadal, o daquela presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, e o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, inauguraron a ampliación da ponte de Rande. Oito meses despois a concesionaria, Audasa, continúa con traballos no viaduto con afeccións puntuais ao tráfico que seguen a incumprir as reiteradas promesas en sentido contrario do Ministerio de Fomento. Os atascos reiterados que durante a pasada primavera causaron eses traballos non rematados tras a inauguración provocaron que a Fiscalía abrise unha investigación polo “deficiente funcionamento” da autoestrada.

En sucesivas ocasións Fomento reiterou que os traballos pendentes terían menos afección ao tráfico da que acabaron tendo, o que provocou a apertura dunha investigación por parte da Fiscalía

A ampliación de carrís da AP-9 ao seu paso pola ponte de Rande e no seu treito de circunvalación de Santiago foi inaugurada por duplicado por Rajoy e Feijóo os días 30 de decembro no primeiro treito e 3 de xaneiro no segundo. Xa daquela Fomento admitía que, malia esa inauguración para as cámaras, no treito de ampliación da ponte de Rande e o acceso a Vigo quedaban aínda obras pendentes de executar por importe duns 11 millóns de euros, entre elas o traslado dun colexio en Chapela no que non se previra o risco que supón para o alumnado a proximidade do novo carril de circulación.

Segundo admitía o propio ministerio, a inauguración acelerábase, entre outros motivos, polo interese da concesionaria en poder subir canto antes a peaxe e recuperar así o investimento que realizara nas obras, algo que finalmente aínda non ocorreu. O argumento que ofrecía Fomento era o de que a ampliación da ponte de Rande propiamente dita, os dous carrís exteriores que se lle engadiron, estaban xa rematados, malia que quedasen pendentes obras de renovación no vello taboleiro central do viaduto.

Fomento argumentou que a inauguración se producía porque a ampliación propiamente dita, os dous carrís exteriores que se lle engadiron á ponte, xa estaba rematada, malia que oito meses despois aínda seguen os traballos no vello taboleiro central

En sucesivas ocasións Fomento reiterou que os traballos pendentes terían menos afección ao tráfico da que acabaron tendo. Aos dez días da inauguración de Vigo o ministerio pechaba ao tráfico o novo carril máis próximo ao colexio de Chapela. Previamente, o daquela ministro, Íñigo de la Serna, avanzara que as obras pendentes no taboleiro central da ponte de Rande realizaríanse só en horario nocturno para minimizar o seu efecto sobre o tráfico, pero finalmente, dous meses despois da inauguración, cortáronse varios carrís de xeito ininterrompido durante varios días, tamén en horario diúrno. E, polas noites, chegou a haber un só carril de circulación dispoñible por sentido dos tres agora existentes, pechándose os novos engadidos no exterior da ponte e invalidando así o argumento de Fomento de que a ampliación propiamente dita estaba rematada malia que non o estivera a renovación do taboleiro central.

Varios meses despois da inauguración as obras chegaron a reducir a circulación en Rande a un só carril por sentido dos tres agora existentes [CC BY-SA Praza Pública]

A finais da pasada semana instaláronse unhas faixas semellantes a badenes redutores de velocidade, xa retiradas, que provocaron freadas bruscas de numerosos vehículos

Fomento tamén dixo que os cortes de carrís rematarían antes da chegada do verán, período de maior tráfico, pero nas últimas semanas volveron repetirse os peches en horario nocturno. E a finais da pasada semana a última novidade das obras aínda non rematadas en Rande e con efecto sobre o tráfico foi a instalación, sobre varias xuntas do taboleiro do viaduto, dunhas faixas de caucho ou plástico cuxa semellanza con badéns redutores de velocidade provocaron freadas bruscas de numerosos vehículos nun treito no que a limitación de velocidade habitual é de 80 quilómetros por hora. Eses supostos badéns foron retirados o sábado sen que nin a concesionaria Audasa, que hai anos que se nega a facilitar calquera tipo de información aos medios de comunicación, nin o Ministerio de Fomento informen aínda de cando estará rematada por completo unha obra supostamente inaugurada hai xa oito meses.

Novidades empresariais

No primeiro semestre deste ano Audasa, que vén de perder o seu último vínculo co capital galego, obtivo 21 millóns de euros de beneficios antes de impostos

Á espera de que rematen os traballos e a concesionaria sexa autorizada por Fomento a subir novamente as peaxes, as restricións ao tráfico non están a supor grandes prexuízos á empresa, que segue a mellorar semestre tras semestre os seus resultados. Só no primeiro semestre deste ano, segundo fixo público hai dúas semanas, os ingresos de Audasa por peaxes ascenderon a 66 millóns de euros e os beneficios antes de impostos a 21,3 millóns.

Este verán, ademais, a concesionaria vén de perder o seu último vínculo co capital galego. Abanca, herdeiro das antigas caixas galegas, desfíxose da súa participación do 23,8% en Itínere Infraestructuras, socio maioritario da concesionaria Audasa, que agora pasa a estar controlado nun 55,6% por Globalvía, unha transnacional formada por tres fondos de pensións internacionais.

A mudanza na propiedade da AP-9 prodúcese mentres segue sobre a mesa a petición de que as competencias sobre a autoestrada sexan transferidas polo Goberno de España ao Goberno galego

A mudanza na propiedade da AP-9 prodúcese mentres segue sobre a mesa a petición de que as competencias sobre a autoestrada sexan transferidas polo Goberno de España ao Goberno galego. Esta reclamación está actualmente viva en, cando menos, tres frontes diferentes. No Congreso dos Deputados están en marcha dúas proposicións de lei de En Marea despois de que o novo Executivo de Pedro Sánchez decidise erguer o veto co que as bloqueara. No Parlamento galego os grupos acordaron por terceira vez unha proposición de lei -redactada inicialmente polo BNG- para formular a mesma reclamación ante o Congreso -as dúas anteriores vetounas o Goberno de Rajoy-. Ademais, a transferencia está na axenda de negociacións políticas da Xunta co novo Executivo de Pedro Sánchez, que di ter a "porta aberta" a aprobalo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

A Xunta pide a Fomento “información continua e directa” sobre as obras en Rande

O Goberno galego reclama ao central “información continua e directa sobre aquelas actuacións na ponte de Rande que supoñan implicacións na mobilidade e a seguridade dos cidadáns”

Tras constatarse nos últimos días que as obras pendentes na ponte de Rande oito meses despois da súa inauguración por Rajoy e Feijóo están a afectar ao tráfico, en contra do prometido, o Goberno galego emitiu este martes unha nota de prensa na que di que vén de enviar unha carta ao Ministerio de Fomento pedíndolle “información continua e directa sobre aquelas actuacións na ponte de Rande que supoñan implicacións na mobilidade e a seguridade dos cidadáns”.

Tras ser menos agresiva durante o Goberno central do PP nas súas peticións de celeridade coas obras de Rande, agora a Xunta reclama do novo Executivo do PSOE que convoque a comisión de seguimento sobre a AP-9 creada hai ano e medio despois de que o PP paralizase a transferencia da autoestrada a Galicia e lle reitera “a importancia de contar coa información correspondente ás intervencións que o Goberno central realice na mesma”.

Na nota, o Goberno galego tamén pide celeridade na supresión da peaxe de Redondela, que implicará unha suba xeral das taxas no resto da autoestrada, segundo o acordado hai uns meses entre a Xunta e o Goberno central aínda dirixido polos populares.