0 Gardados para despois

Xunta e Fomento acordan subir aínda máis a peaxe en toda a AP-9 a cambio de suprimila en Redondela

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


“Fomento acepta a proposta da Xunta de Galicia de establecer a gratuidade da peaxe entre Vigo e Redondela vía compensación nas tarifas xerais da AP-9”. Con ese titular na súa nota de prensa confirmou este martes o Ministerio de Fomento que as peaxes de toda a AP-9 subirán aínda máis para compensar a Audasa pola gratuidade que a Xunta quere implantar para os tráficos entre Redondela e Vigo.

O ministro rexeitara que as contas estatais asumisen o pagamento a Audasa deses tráficos, como fai cos do Morrazo, e Feijóo admitira que a repercusión desa gratuidade no resto da vía era unha das posibilidades

A circulación pola AP-9 entre O Morrazo e Vigo, ao seu paso pola ponte de Rande, é gratuíta para o usuario grazas a que Fomento compensa por eses tráficos a Audasa, a concesionaria, a través dos orzamentos estatais e cun cálculo polo que esta estivo a obter un enriquecemento inxusto, segundo admitiu o propio ministerio. Porén, a circulación entre Redondela e Vigo, nun traxecto máis curto que non emprega a ponte, segue a ter unha peaxe de 0,90 euros para os turismos e de 1,95 euros para os vehículos de maior tamaño. Iso fai que moito tráfico, especialmente o pesado, opte por circular nese treito pola estrada convencional, que na práctica converteuse nunha rúa máis da cidade de Vigo.

O Concello de Vigo quere que tanto ese tráfico como outros procedentes dos peiraos situados ao norte da cidade empreguen a autoestrada e non as rúas da cidade, que está restrinxindo progresivamente aos vehículos pesados. A solución que impulsa a Xunta é a supresión da peaxe de Redondela para que parte deses tráficos se sintan atraídos a circular pola autoestrada e non polas vías convencionais. Pero Fomento rexeita asumir novamente esa gratuidade con cargo aos orzamentos do Estado, así que ou a Xunta a paga dos seus orzamentos, ou o único xeito de compensar a Audasa por esas peaxes que deixará de ingresar en Redondela é permitirlle que as suba no resto da autoestrada. E iso, como hai unhas semanas admitía Feijóo que podía suceder, é o que  acaban de acordar este martes Fomento e Xunta nun encontro entre a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e o secretario de Estado de Infraestruturas, Julio Gómez-Pomar, no marco da comisión de seguimento da AP-9 constituída entre as dúas administracións. Nin Fomento nin Xunta concretaron aínda os detalles desa subida xeral das peaxes na AP-9, que se acorda nun ano en que esas taxas xa van subir preto dun 4%.

Fomento e Xunta deitan no Concello de Vigo a responsabilidade de deseñar o novo enlace de Teis para captar cara a autoestrada parte dos tráficos pesados aos que o acceso de Redondela lles queda moi lonxe

Tras a reunión deste martes a Xunta tamén transmitiu que Fomento trasladará ao Concello de Vigo os requisitos que debe ter o proxecto técnico para construír o novo acceso á AP-9 que a cidade quere habilitar aínda máis preto do seu centro, en Teis, para captar a través del cara á autoestrada os tráficos aos que o acceso de Redondela lles queda moi lonxe. O alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, viña reclamando a Xunta e Fomento que fosen esas dúas administracións as que ofrecesen unha solución, pero estas respóndenlle que debe ser el quen deseñe ese novo enlace.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.