0 Gardados para despois

As cifras do adeus ao derradeiro vínculo galego na propiedade da AP-9

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Uns 722,8 millóns de euros. É o montante da operación económica polo que a Autoestrada do Atlántico (AP-9) quedará sen o máis semellante a un vínculo galego que restaba na súa propiedade. A pasada semana o que fora un dos xigantes da construción en España, Sacyr, oficializu ante a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) que viña de acordar con Abanca e Kutxabank, as entidades herdeiras das antigas grandes caixas de aforros galegas e vascas, a venda de cadansúas partes en Itínere Infraestructuras, o grupo empresarial propietario de Autopistas del Atlántico (Audasa). Xuntas sumaban o 55,6% do capital de Itínere e, no caso de Abanca, administraba as accións que foran de Novacaixagalicia.

A parte compradora destes máis de 251 millóns de accións de Itínere Infraestructuras é Globalvia, unha transnacional especializada en concesións de todo tipo de infraestruturas controlada dende hai algo máis de dous anos por tres fondos de pensións internacionais: OPTrust, de Canadá, PGGM, de Holanda, e USS, do Reino Unido. Estes fondos quedaron en 2015 coa compañía creada por Bankia e FCC e bloquearon a operación de venda a outro fondo, propiedade do Goberno de Malaisia. Ao tornar en accionista maioritaria de Itínere esta corporación será a que controle a AP-9, pero tamén a AG-55 da Coruña a Carballo e a AG-57 de Puxeiros ao Val Miñor. Isto xa sucedía dende 2015 coa autoestrada Santiago-Dozón, a AP-53.

O novo accionista maioritario do grupo propietario da AP-9 é Globalvia, unha transnacional controlada por fondos de pensións de Canadá, Holanda e Reino Unido que compra por 723 millóns as accións de Sacyr, Abanca e Kutxabank

Cando culmine a operación -Sacyr prevé que "estea formalizada no último trimestre de 2018"- Globalvia substituirá como principal accionista de Itínere a outro fondo multinacional, Corsair Capital, que participaba da compañía xunto a Kutkabank a través da empresa Arecibo Servicios y Gestiones. Corsair é contraria a esta operación de venda, como tamén o é Liberbank -entidade resultante da unión de Cajastur, Caja de Extremadura, Caja Castilla-La Mancha e Caja Cantabria no marco do rescate financeiro-.

Un negocio millonario baseado nas peaxes galegas

O principal atractivo económico de Itínere Infraestruturas para os fondos internacionais implicados na súa xestión son as peaxes galegas. Non en van, dos case 275 millóns de euros facturados por Itínere durante o pasado 2017, máis de 155 procedían das súas filiais galegas (Audasa e Autoestradas de Galicia), fundamentalmente dos ingresos por portaxes da AP-9. En apenas media década estes ingresos da principal autoestrada galega aumentaron un 13%, ata superar os 140 millóns de euros. Como informou Praza.gal, este volume de ingresos da AP-9 foi o maior da última década e permitiu a Audasa anotarse uns beneficios de máis de 40 millóns de euros por terceiro ano consecutivo.

Esperando o traspaso á Xunta

A mudanza na propiedade da AP-9 prodúcese mentres segue sobre a mesa a petición de que as competencias sobre a autoestrada sexan transferidas polo Goberno de España ao Goberno galego. Esta reclamación está actualmente viva e, cando menos, tres frontes diferentes. No Congreso dos Deputados están en marcha dúas proposicións de lei de En Marea despois de que o novo Executivo de Pedro Sánchez decidise erguer o veto co que as bloqueara. No Parlamento galego os grupos acordaron por terceira vez unha proposición de lei -redactada inicialmente polo BNG- para formular a mesma reclamación ante o Congreso -as dúas anteriores vetounas o Goberno de Rajoy-. Ademais, a transferencia está na axenda de negociacións políticas da Xunta co novo Executivo de Pedro Sánchez, que di ter a "porta aberta" a aprobalo.

A Xunta di que pedirá con "máis convicción, se cabe" o traspaso de competencias, que o goberno de Rajoy vetou tres veces e ao que o gabinete de Pedro Sánchez di "abrir a porta"

Tras facerse pública a operación de venda a Globalvia a Xunta asegurou, a través da conselleira de Infraestruturas, que a súa reclamación de traspaso terá "aínda máis convicción, se cabe", afirmou Ethel Vázquez, se ben non aclara se o PP mudará a súa postura nas Cortes Xerais ou se, pola contra, seguirá sendo negativa e contraria á mantida en Galicia. Dende En Marea reiterouse tamén nos últimos días a necesidade do traspaso e ademais a formación coida que "o custe da operación, por baixo dos 1.000 millóns" demostra que sería posible o rescate da concesión por un importe moi inferior aos 4.000 millóns estimados polo gabinete de Rajoy a través de cálculos erróneos. O BNG, pola súa banda, reclama  "luz e taquígrafos" sobre esta operación de compra-venda e subliña, por medio da súa vicevoceira, Olalla Rodil, a necesidade de acelerar a trasnferencia cunha negociación bilateral Xunta-Estado.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O accionariado por tras da AP-9, unha arañeira internacional por Europa e América

A operación coa que Sacyr, Abanca e Kutxabank prevén desfacerse das súas accións de Itínere a través da venda a Globalvia pon o foco de novo sobre a arañeira trasantlántica na que tornou o accionariado por tras da AP-9 dende que no ano 2003 o Goberno de Aznar vendeu a antiga Empresa Nacional de Autopistas (ENA). Aquela privatización foi gañada por un grupo empresarial liderado por Sacyr no que tamén participaban as daquela grandes caixas galegas, Caixanova e Caixa Galicia. Esta é a súa estrutura e así mudará se finalmente culmina a operación de venda de Itínere a Globalvia.

Onodo é un proxecto da Fundación Civio