0 Gardados para despois

Un fondo do Goberno de Malaisia controlará a autoestrada Santiago-Dozón

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Cousas do capitalismo -e de poñer infraestruturas públicas en mans privadas-. De agora en diante cando as persoas que viaxan por autoestrada entre Santiago e Dozón (AP-53), o treito de peaxe da vía que vai da capital galega a Ourense,  pasen por caixa para depositar os case 6 euros que custa o traxecto, eses cartos irán parar, en última instancia, ao Goberno de Malaisia. Isto será así porque a empresa concesionaria da infraestrutura, Globalvia, vai pasar a estar controlada por un fondo soberano deste país.

A Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) recibiu este 1 de xullo a comunicación na que Bankia indica que, xunto á empresa Fomento de Construcciones y Contratas (FCC), vén de completar o "acordo de compravenda co fondo estratéxico do Goberno de Malaisia Khazanah Nasional Berhad". Este acordo implica "a venda do 100% das accións de Globalvia Infraestructuras", unha sociedade que ata o momento compartían ao 50% a entidade financiera e o xigante da construción.

Bankia e FCC véndenlle ao fondo malaisio todas as accións de Globalvia, que controla o 61% de ACEGA, concesionaria da AP-53

A infraestrutura galega pasa a depender do fondo soberano malaio porque Globalvia é a propietaria do 61% da compañía Autopista Central Gallega (ACEGA), que en 1999 foi elixida polo Ministerio de Fomento como concesionaria da AP-53, a autoestrada entre Santiago e Dozón. Para esta infraestrutura a Xunta de Manuel Fraga puxo 60 millóns de euros a fondo perdido aínda que o Goberno de Aznar se negou a levala ata Ourense polo seu escaso tráfico -o segundo treito é de competencia autonómica-. 

Agora o fondo do goberno de Malaisia pon inicialmente sobre a mesa un primeiro pagamento de 166 millóns de euros, aos que no primeiro semestre de 2017 se engadirán "un máximo de 254 millóns de euros", suma final que dependerá "da valoración da sociedade" nese momento. Este movemento empresarial prodúcese mentres, no treito autonómico do vial, a Xunta optase en 2013 pola privatización da xestión e gastase 70.000 euros en contratar unha asesoría para esta operación. Finalmente, en 2014 a Consellería de Infraestruturas anunciou que renunciaba á privatización ao detectar que os gastos que lle supuña eran 600 millóns menos dos que calculaba. O Goberno galego culpou o bipartito deste desfase, aínda que o plan económico-financeiro data do ano 2003.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.