0 Gardados para despois

A Xunta privatiza a autovía Dozón-Ourense "para reducir débeda"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


De novo, a débeda. Como en en multitude de casos, o alivio da débeda pública da Xunta -incrementada en case un 100% dende o ano 2009- é a razón argumentada polo conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, para xustificar a decisión de "sacar a concurso a xestión e explotación", isto é, a privatización da autovía AG-53 que vai de Dozón a Ourense ou, o que é o mesmo, o treito libre de peaxe do vial que une Santiago coa capital ourensá e que conecta coa AP-53, a autoestrada coñecida polos alto custe económico para as persoas que a empregan. Hernández realizou este anuncio no marco da presentación dos orzamentos do seu departamento para 2013 e asegurou ter un único "obxectivo" coa privatización: "eliminar das contas públicas a débeda de 150 millóns de euros que aínda quedan por amortizar do investimento realizado".

Inicialmente concibida como unha autoestrada de peaxe, foi o Goberno bipartito o que decidiu mudar o sistema e abrila co sistema coñecido como peaxe na sombra, segundo o cal o Goberno abona unha cantidade variable en función dos tráficos, pero sen que os condutores e condutoras teñan que pasar por caixa cada vez que a utilizan. Esta privatización "non terá repercusión para usuarios" porque "manterá a súa condición de itinerario libre de peaxe", asegura a Xunta, que só ve bondades na decisión porque, ademais de "diminuír o endebedamento da comunidade autónoma", afirma, permitirá "diminuír dun xeito significativo o gasto plurianual que a Xunta está asumindo nesta infraestrutura", cifrado polo propio Goberno nuns 1.600 millóns de euros.

Os 150 millóns de euros dos que prevé librarse son menos do 2% do total da débeda pública da Administración galega

Algo menos desa cantidade, uns 1.552 millóns, será o que previsiblemente, segundo Hernández reciba a empresa privada que se faga cargo da autovía ata 2057, nun contrato que a obrigará tamén a asumir a débeda de 150 millóns de euros. Tras esta privatización desaparecerá Sociedade Pública de Investimentos (SPI), empresa pública que actualmente xestionaba o vial e que Feijóo prometera disolver na pasada lexislatura. A SPI asumira a explotación da autovía despois de que o Goberno disolvese nela a sociedade ACEOUSA.

Malia ao entusiasmo que amosa a Xunta con esta privatización, o alivio da débeda pública non será excesivo. Non en van, os 150 millóns de euros dos que prevé librarse supoñen apenas o 1,96% dos 7.622 millóns de euros que, segundo datos do Banco de España, compuñan o endebedamento da Xunta no remate do terceiro trimestre de 2012 -último dato dispoñible-. Do mesmo xeito, a cantidade é tamén inferior á partida que a Consellería de Facenda destinará a pagar xuros da débeda durante 2013, cifrada en 290,91 segundo o proxecto de contas públicas que se tramita no Parlamento. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.