0 Gardados para despois

A Xunta gasta 70.000 euros en asesoría para privatizar a autovía Dozón-Ourense

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O pasado xaneiro o conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, anunciaba no Parlamento o seu plan para privatizar a autovía AG-53, o treito libre de peaxe do vial que une Santiago e Ourense e conecta coa AP-53, unha das autoestradas máis caras do Estado. Dende a garantía de que "manterá a súa condición de itinerario libre de peaxe", Hernández sinalaba ante a Cámara que o único "obxectivo" da privatización é "eliminar das contas públicas a débeda de 150 millóns de euros que aínda quedan por amortizar do investimento realizado" na construción da infraestrutura, isto é, menos do 2% da débeda pública da administración autonómica. Malia ter clara a operación a realizar, a Consellería disponse a pagar máis de 70.000 euros en asesoría para consumala.

O departamento que dirixe Hernández vén de iniciar, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), os trámites para contratar un servizo de "apoio e asesoramento nunha operación de externalización da autoestrada Alto de Santo Domingo-Ourense e tamén o ramal desta vía que chega ata O Carballiño, a AG-54. Nos pregos de condicións do contrato a Xunta explica que a AXI e a propia Consellería "consideran preciso recorrer ao sector privado para garantir a continuidade da prestación do servizo público da autoestrada", polo que "se analizou a conveniencia de escindir esta parte do patrimonio da Sociedade Pública de Investimentos mediante unha operación de externalización".

A Xunta asegura que a Axencia de Infraestruturas "non dispón dos medios nin do persoal para desempeñar con dedicación plena os traballos"

Neste escenario, a axencia pública "considera preciso adoptar as medidas conducentes a garantir a viabilidade desta operación financeira complexa" e para isto precisa "un apoio, asesoramento e seguimento específico en materia de Corporate Finance", di o documento, que abranguerá "multitude de aspectos financeiros, xurídicos públicos e xurídicos privados e comerciais". Ademais, a empresa que se faga co contrato tamén vai realizar "un importante conxunto de servizos que facilitarán aos posibles investidores o acceso a toda a información documental e valoración do activo, condicións da venda, estudos técnicos...". 

Atendendo ao mesmo documento, a AXI "non dispón dos medios nin do persoal suficiente para desempeñar con dedicación plena os traballos que contempla" este procedemento e, ademais, "a especialización que se necesita nas tarefas a realiza, xustifica a necesidade de contratar os servizos técnicos dunha empresa especializada para levar a cabo esta prestación". A compañía adxudicataria terá que que co nfigurar a "operación da externalización", confeccionar "estudos económico-financeiros" sobre a operación que "garantan a viabilidade da mesma" ou asesorar a AXI "nos aspectos relacionados coas características dos investidores obxectivo". Do mesmo xeito, encomendaráselle a redacción dun "plan de marketing" co "listado" e "características dos posibles futuros investidores".

 O traballo da empresa chegará ata o propio momento da "sinatura da documentación contractual entre a AXI e o investidor seleccionado", incluíndo o "asesoramento na determinación das condicións definitivas do proceso de externalización, garantindo así a financiabilidade". Todo isto farao un equipo composto "como mínimo, de tres persoas", dúas delas licenciadas en Económicas, Empresariais ou Administración e Dirección de Empresas e unha terceira licenciada en Dereito. Para sufragar o contrato a Xunta reserva ata 71.635,03 euros.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.