Audasa volve gañar máis de 40 millóns nun ano tras ingresar o maior importe por peaxes da última media década

O monolito conmemorativo da inauguración de Rande, intres antes de ser descuberto CC-BY-SA Praza Pública

O negocio da AP-9 segue a xerar beneficios sen sobresaltos e a súa concesionaria, Audasa, continúa a levar o Estado aos tribunais para poder cobrar aínda máis. Autopistas del Atlántico Concesionaria Española vén de rexistrar na CNMV as súas contas do pasado ano e, aínda que inclúen varios laios e unha lixeirísima redución das ganancias, os números indican unha boa marcha malia ás obras de ampliación. A compañía volveu superar os 40 millóns de euros de beneficio neto por terceiro ano consecutivo e os seus ingresos por peaxes foron os maiores en media década tras volver rachar a barreira dos 140 millóns mentres os gastos de persoal volven experimentar unha redución.

Na documentación achegada para informar os accionistas Audasa láiase de que o incremento de case un 4% no tráfico con relación ao ano anterior -unha media de 20.803 vehículos diarios- non se corresponde coa evolución os ingresos, que avanzaron un 1,5% porque en 2017 non puido legalmente subir os prezos. Así e todo, e malia ás operacións financeiras derivadas das obras en Rande e Santiago os cadros reflicten uns beneficios despois de impostos moi semellantes aos do ano anterior: Audasa gañou 44,01 millóns de euros, apenas un millón menos que en 2016. A totalidade deste importe será repartido entre os accionistas como dividendos.

As queixas e pleitos xudiciais de Audasa chegan nun contexto no que a súa actividade ordinaria está caracterizada por unha redución de gastos de persoal -as cabinas automáticas de peaxe xa absorben un 30% do tráfico- ata os 9,5 millóns de euros tras prescindir doutras dúas persoas ata quedar en 153 homes e 94 mulleres. Mentres esta partida se reduce a facturación nas cabinas aumenta dende os 138,6 millóns de euros ingresados en 2016 ata os 140,8 millóns en peaxes do 2017, o que dá lugar a unha media diaria de 385.000 euros cobrados mesmo antes das novas subas de tarifas. Audasa, que non recadaba máis de 140 millóns nun ano dende 2011, mantén a previsión de ingresar uns 9.541 millóns de euros ata o remate da concesión, o 18 de agosto de 2048

Despois do ano no que o Goberno de España e o PP seguiron a impedir que as competencias sobre a AP-9 sexan transferidas á Xunta e no mesmo exercicio no que o Ministerio de Fomento recoñeceu que a compañía se beneficiou durante anos dun "enriquecemento inxusto" coa liberación de peaxes de Rande e A Barcala, Audasa explica como prevé tentar cobrar máis. Ese recoñecemento por parte do Goberno central chegou a través do decreto no que Fomento asume en exclusiva o pagamento desas compensacións por descontos na peaxe -ata agora a Xunta pagaba a metade-. A empresa considera que o novo cálculo non está "xustificado" e provocou que a súa facturación fose 2 millóns de euros menor da que podería ser.

Audasa levou o Ministerio de Fomento aos tribunais ao considerar que o novo cálculo por bonificacións de peaxes a prexudica e por non poder subir máis as peaxes tras a apertura da ampliación de Rande

Neste sentido, Audasa resalta que xa puxo interpuxo un recurso contencioso-administrativo contra o Goberno de España para recibir máis diñeiro por este concepto, pero ese litixio non é o único. Tampouco está de acordo con poder aplicar neste 2018 só un 1,91% de incremento de peaxes segundo o establecido na revisión de tarifas xa vixente. A Administración, lamenta, "non tivo en consideración" que a empresa pediu "un incremento extraordinario adicional do 1%" para comezar xa a compensar o investimento nas obras da ponte de Rande, segundo o fixado por Real Decreto no ano 2013. Por iso o pasado 22 de febreiro interpuxo un novo recurso, explica nun documento no que obvia que a ampliación foi inaugurada sen estar rematada por completo.

Así e todo, e mentres segue a pairar sobre a compañía a posibilidade de ser vendida, a concesionaria da AP-9 non teme grandes sobresaltos no seu negocio. "A sociedade veu marchando ao paso da evolución galega", sinala a memoria anexa ás súas contas anuais, e "tendo en conta o afianzamento no uso da nosa autoestrada e as melloras de xestión que se viñeron facendo", as "expectativas de crecemento resultan positivas no curto prazo" e "esperamos seguir mantendo crecementos sostibles da nosa actividade, semellantes aos que se produciron historicamente".

 

Feijóo, Pastor, Rajoy e De la Serna, no acto de inauguración da ampliación de Rande CC-BY-SA Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.