0 Gardados para despois

O Parlamento pedirá por terceira vez a transferencia da AP-9 tras o pau do Constitucional aos vetos do Goberno

Redacción | @prazapublica

Por terceira primavera consecutiva, e por iniciativa do BNG, o Parlamento de Galicia volverá pedir ao Congreso dos Deputados que debata unha proposición de lei para transferir a titularidade da autoestrada AP-9 do Ministerio de Fomento á Xunta. Farao despois de que o Tribunal Constitucional tombase os argumentos que viña empregando o Goberno central de xeito xenérico para vetar que se puidesen sequera debater no Congreso esa e outras iniciativas.

A Cámara galega inicia novamente, a iniciativa do BNG, a tramitación do traspaso despois de que o tribunal tombase os argumentos empregados de xeito xenérico por Rajoy para evitar sequera debater esa e outras iniciativas

O Parlamento de Galicia xa aprobou por unanimidade en marzo de 2016 e en maio de 2017 dúas proposicións de lei para pedir ao Congreso, que é o que ten as competencias, que aprobase unha lei de transferencia a Galicia das competencias sobre a AP-9. Nas dúas ocasións o Goberno central impediu que esas iniciativas fosen sequera debatidas no Congreso apelando á súa capacidade de veto, recollida na Constitución, de leis que poidan ter un efecto sobre os ingresos ou gastos dos orzamentos do Estado. Porén, o Tribunal Constitucional vén de tombar eses vetos criticando que neles non se poden argumentar posibles impactos en orzamentos futuros senón só nos xa aprobados. Malia que a iniciativa do Parlamento galego xa deixaba claro, para evitar ese veto, que a transferencia non debía supoñer ningún custo para as arcas estatais, o Goberno central evitou o seu debate empregando cálculos errados e inflados de hipotéticos custos futuros dun posible rescate da concesión.

PP e PSdeG apoian o inicio da tramitación pero queren que o texto finalmente aprobado sexa similar aos que saíron cara a Madrid co consenso de toda a Cámara nas dúas ocasións anteriores

Tras esa sentenza do Constitucional, este martes a portavoz do BNG, Ana Pontón, volveu defender na Cámara galega a toma en consideración dunha nova proposición de lei que volveu contar co apoio de todos os grupos. Porén, tanto o PSdeG como o PP avanzaron que o seu respaldo é para o inicio do debate no Parlamento galego, pero que nel queren introducir no texto do BNG modificacións para que a proposición finalmente aprobada sexa similar ás que saíron cara a Madrid co consenso de toda a Cámara galega.

Ademais dos dous vetos ás dúas peticións do Parlamento de Galicia, o Goberno tamén vetou neste tempo o debate no Congreso dunha terceira petición formulada alí por En Marea

Os catro grupos amosaron a súa disposición a consensuar o texto que finalmente o Parlamento envíe ao Congreso, ao tempo que os tres grupos da oposición criticaron os reiterados vetos do Goberno central e os cálculos errados en que se sustentaron. Ademais dos dous vetos ás dúas peticións do Parlamento de Galicia, o Goberno tamén vetou neste tempo o debate no Congreso dunha terceira petición formulada alí por En Marea.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.