0 Gardados para despois

O Constitucional desmonta o argumentario do Goberno de Rajoy para vetar a lei do traspaso da AP-9

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Advertírao a práctica totalidade dos grupos do Congreso diferentes do PP -agás Ciudadanos-, argumentárao a Asesoría Xurídica da Cámara Baixa nun informe asinado pola súa letrada xefa, Paloma Martínez, e agora senténciao o Tribunal Constitucional. O Goberno de España non ten capacidade ilimitada de veto para, amparándose en razóns orzamentarias, impedir que cheguen a debaterse proposicións de lei no Congreso e así non arriscarse a que sexan aprobadas. Este é o mecanismo que o Executivo de Mariano Rajoy utilizou dende que o PP perdeu a maioría absoluta no ano 2015 para frear a tramitación parlamentaria de arredor de 70 normas, entre elas as tres encamiñadas a transferir á Xunta as competencias sobre a autoestrada AP-9; dúas delas foron impulsadas dende a unamidade do Parlamento de Galicia e unha terceira, por En Marea.

Foi o propio Goberno central o que trasladou o conflito ao Constitucional nunha das ata agora escasas ocasións nas que a Mesa do Congreso ergueu o veto gobernamental para seguir adiante cunha lei, a impulsada polo PSOE para tentar derrogar a reforma educativa dos conservadores, a Lei Wert. En novembro de 2016 o Consello de Ministros aprobou dirixirse ao Constitucional para pedirlle que "revogase" o acordo da Mesa co argumento de que a eventual reforma da LOMCE alteraría os Orzamentos, xa que suporía "unha perda de ingresos procedentes de fondos comunitarios". O Goberno xustificaba así a activación do artigo 134.6 da Constitución, que dá ao Executivo a competencia exclusiva sobre os aumentos de gastos ou diminución de ingresos. Pero o aval que o gabinete de Rajoy buscaba vén de tornar nun pau por unanimidade.

"O veto orzamentario non poderá exercerse por relación a orzamentos futuros" e debe "precisar as concretas partidas orzamentarias que se verían afectadas"

Na sentenza feita pública este martes o tribunal de garantías constata que o Goberno pode vetar a tramitación de leis por razóns orzamentarias, pero con límites. "O veto orzamentario non poderá exercerse por relación a orzamentos futuros, que aínda non foron elaborados polo Goberno nin sometidos polo tanto a aprobación" e ademais debe "precisar as concretas partidas orzamentarias que se verían afectadas", toda vez que o veto ten unha "incidencia directa" sobre o poder lexislativo. 

O veto gobernamental a unha lei non pode basearse nunha incidencia orzamentaria "meramente hipotética", como a que o gabinete de Rajoy utilizou para protexer a LOMCE

A "conexión" entre os preceptos da lei que se estea a tramitar e unha mudanza nos orzamentos "debe ser directa e inmediata, actual", e "non meramente hipotética" e ademais, agrega a sentenza, "debe referirse ao Orzamento en particular, sen que poida aceptarse un veto do Executivo a proposicións que, no futuro, poderían afectar aos ingresos e gastos públicos, pois isto suporá un alargamento da potestade de veto incompatible co protagonismo que en materia lexislativa outorga ás Cámaras a propia Constitución". Se estes elementos non están presentes no escrito co que o Goberno veta unha lei a Mesa do Congreso, admite o TC, "poderá rexeitar" o veto se non é que de constatar que a incidencia nos Orzamentos é "real" e non "unha mera hipótese". Isto, xustamente, é o que sucedeu na lei do PSOE sobre a LOMCE.

Inconcreción e hipóteses para vetar a proposta galega

Hipóteses formuladas polo Goberno central para xustificar o segundo veto á lei do traspaso da AP-9

O Constitucional fai seus boa parte dos argumentos dos letrados do Congreso e deixa claro, daquela, que os vetos gobernamentais a leis no Congreso só poden aplicarse se as propostas a trámite "inciden directamente sobre o Orzamento aprobado" e non se apoia en "hipóteses" sobre o futuro. Nesta descrición encaixa o que dende La Moncloa se tentou facer coa devandita proposta socialista, pero tamén co que se fixo contra a transferencia da AP-9 nas tres veces en que foi vetada, as dúas primeiras mesmo contradicindo o voto afirmativo do PP en Galicia e a postura pública da Xunta.

Os tres vetos que o Goberno central aplicou para impedir tramitar a lei do traspaso da AP-9 estiveron baseadas en hipóteses e, ademais, en cálculos económicos erróneos ou falsos

Como veu informando este diario, o primeiro veto apoiouse no efecto que un hipotético rescate da AP-9 tería nas contas estatais de anos vindeiros e facíao, ademais, a partir de estimacións baseadas en cálculos económicos erróneos. Na segunda ocasión en que o Parlamento galego remitiu a proposición de lei fíxoa co asesoramento dos letrados da propia Cámara autonómica e explicitando que a súa aprobación non implicaría "incremento nin diminución" de créditos do Orzamento do Estado do ano en curso. Así e todo, o Goberno de España volveu botar man dun veto coa hipótese do rescate e con outra máis, a dos gastos que "podería" que ter que afrontar o Estado se a Xunta, cando se fixese cargo da autoestrada, decidise aplicar determinados descontos nas peaxes.

O escenario hipotético foi igualmente o empregado hai apenas un mes para o terceiro veto ao traspaso, o que reclamou En Marea a través dunha proposición de seu. O Goberno central replicou por terceira vez os seus cálculos erróneos e teorizou hipotéticos custos superiores aos 8.000 millóns de euros nun futuro indeterminado. En ningún dos tres casos os informes nos que se apoiou o veto incluían referencia ningunha ao Orzamento vixente nin a partidas concretas que supostamente se verían afectadas, condición que o Constitucional vén de sinalar como necesaria.

Esta sentenza do Constitucional supón un golpe político ao Goberno de Rajoy e un aval aos grupos que impulsaron o desbloqueo da proposta sobre a LOMCE, pero non ten efecto directo ningún sobre a transferencia da AP-9. Si podería telo se os grupos que apoian o traspaso actúan ao respecto e, á luz da sentenza do Constitucional, Ciudadanos se afasta do PP neste asunto, toda vez que ambos grupos non suman maioría no pleno do Congreso, pero si na súa mesa, e ambos sumaron os seus votos para manter o veto sobre a proposta galega.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.