0 Gardados para despois

O Parlamento volve pedir por unanimidade o traspaso da AP-9 e o PP non garante o apoio en Madrid

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Repítese a escena con leves mudanzas no guión. O pleno do Parlamento aprobou por unanimidade este martes a proposición de lei para solicitar no Congreso dos Deputados a transferencia á Xunta das competencias sobre a Autoestrada do Atlántico. O acordo chega apenas un ano despois do anterior, daquela en torno a unha iniciativa lexislativa promovida polo BNG e apoiada tamén por toda a Cámara que nin sequera chegou a ser debatida nas Cortes. A razón deste bloqueo foi o veto que o Goberno de Mariano Rajoy comezou a tramitar cando aínda estaba en funcións baseándose nun informe con cálculos económicos erróneos. Un veto que o PP galego, malia apoiar outra volta en Galicia a petición de traspaso, non garante que non se volva producir en Madrid.

A principal diferenza entre o texto aprobado hai un ano e o que agora será remitido é que esta segunda versión, rexistrada o pasado xaneiro coa sinatura de PP, En Marea, PSdeG e BNG, evita fixar un prazo máximo para a tramitación do traspaso -o anterior estipulaba seis meses- e explicita que a operación "non suporá incremento (...) nin diminución" nos Orzamentos Xerais do Estado. Do mesmo xeito, elimínase do texto a hipótese dun eventual rescate da concesión. O fin último de ambas mudanzas, introducidas co asesoramento dos servizos xurídicos do lexislativo galego, é tentar salvar un veto gobernamental cuxa utilización foi cuestionada mesmo polos letrados do propio Congreso nun duro informe.

A primeira versión da norma foi vetada polo Goberno de Rajoy cun informe baseado en cálculos erróneos

Con este pano de fondo os populares galegos dan o seu voto favorable á transferencia pero, a través do seu deputado Martín Fernández Prado, comezan a amortecer un eventual novo bloqueo. "Este obxectivo non vai ser fácil, é unha empresa difícil", di o deputado coruñés, quen define o veto impulsado dende Moncloa e o Ministerio de Fomento como "imposibilidade de tramitar a lei" por mor "de informes técnicos do Goberno e do Parlamento". "Ao contrario do que lles escoitamos, esta transferencia sería un feito sen precedentes, porque nin o caso vasco nin o catalán son asimilables", di, mentres asegura que "o Goberno galego van seguir demandando a transferencia".

Os populares xustifican o anterior bloqueo e advirten de que o trámite da nova lei "non vai ser fácil"

Na esquerda do hemiciclo as verbas de Fernández Prado lense en clave de augurio dun novo veto "antidemocrático, manipulador e mentireiro" como o anterior, en verbas do vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez. O PP, censura, "non pode garantir que ese garante de unidade do Estado español que seica é vaia votar o mesmo aquí que en Madrid" e abre a porta así a que a Audasa siga "hipotecando o futuro de Galicia", xa que "a transferencia é só un paso que non afecta ao fundamental, o rescate para o público desta infraestrutura".

"É de xustiza que a AP-9 sexa xestionada dende Galicia", engade dende o PSdeG Xoaquín Fernández Leiceaga, quen reclama tamén coherencia do PP e insta a aproveitar a "oportunidade" para "poñer sobre a mesa o saldo neto" da autoestrada e cuestións como a contía que a concesionaria paga en concepto de imposto de sociedades. Pola banda do BNG a súa portavoz nacional, Ana Pontón, lamenta ter que caer no "dejà vu" de volver tramitar unha lei por mor do "veto da vergoña". De ser finalmente aprobada, di, "daría posibilidades" ao Goberno galego para "intervir nas peaxes, cambiar as condicións da concesión" e "por unha vez", sancionar a Audasa polo "trato abusivo" que, di, infrinxe a través da súa "estafa legalizada".

Fernández Prado, Sánchez, Leiceaga e Pontón / PARLAMENTO DE GALICIA

O Bloque censura a súa "exclusión" na defensa da lei

O debate final sobre a lei do traspaso da AP-9 estivo salferido de referencias á outra decisión da xornada: a composición da comisión do Parlamento galego que, se chega a ser tramitada, defenderá a proposta no pleno do Congreso, unha delegación cun máximo de tres membros por imperativo da Constitución que estará composta por PP, En Marea e PSdeG, en virtude da votación celebrada no propio pleno. A xuízo de Pontón non resulta "honesto" nin "ético" que fique fóra desa delegación a "forza política que impulsou esta lei", que "a redactou" na súa primeira versión e que a "rescatou cando estaba condenada a morrer tras o veto de Rajoy e Ana Pastor".

Pontón lamenta que unha "pinza" do resto de grupos impida acudir ao Congreso á "forza que impulsou esta lei"

No Bloque, indica a voceira nacionalista, existe "satisfacción" pola aprobación da lei, xa que "o camiño non foi fácil", pero "hai que lembrar que hoxe non estaríamos aquí sen o impulso nin a xenerosidade do BNG". Así, cre de "agradecer" que "o señor Villares estivese á altura do que necesitaba este país" tras o primeiro veto de Rajoy, pero tamén "lamento profundamente que nun día" na que a "mensaxe" debera ser "de unidade", o "partidismo, oportunismo e deslealdade" dea lugar a unha "pinza entre PP, PSOE e En Marea". Así e todo, avanza, "imos seguir traballando para acabar con esta estafa legalizada" da AP-9.

"Se seguimos a liña do discurso do BNG, falaríamos todos do BNG e non da AP-9 e estaríamos facendo un favor ao PP, responsable do veto" á lei, retrucou dende En Marea Antón Sánchez, quen considera que, como "segunda forza do Parlamento", En Marea "non pode fuxir" das súas "responsabilidades". Dende o PSdeG Leiceaga considera a protesta do Bloque como un "lamentable vitimismo fóra de lugar", xa que a lei aprobada foi asinada por "todos os grupos", e o popular Fernández Prado insta a Pontón a "estar segura" de que a "decisión unánime" da Cámara será "ben" defendida en Madrid.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.