0 Gardados para despois

O Goberno de Rajoy veta por segunda vez a lei do traspaso da AP-9 a Galicia no Congreso

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Novo veto con diferente explicación pero con idéntica finalidade: que o Congreso dos Deputados non chegue a debater a lei para traspasar as competencias sobre a AP-9 á Xunta, toda vez que o actual xogo de maiorías permitiría, con toda probabilidade, que saíse adiante. O Goberno de España vén de iniciar unha manobra parlamentaria, a segunda en apenas medio ano, para vetar a tramitación nas Cortes da proposición aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia o pasado maio cunha redacción reformulada para, precisamente, tentar salvar o bloqueo que o gabinete de Mariano Rajoy xustificou aínda estando en funcións a partir de cálculos erróneos

O vicevoceiro parlamentario de En Marea e responsable deste grupo en materia de Infraestruturas, Antón Sánchez, revelou este venres que o secretario de Estado de Relacións coas Cortes, José Luis Ayllón, vén de rexistrar na Cámara Baixa no que o Ministerio de Fomento recoloca a súa estratexia para, a falta de mencións explícitas na lei galega a un eventual rescate da autoestrada, -motivo no que baseou o anterior veto, aínda que figurase no texto só como hipótese-, procurar un novo argumentario para o veto. Trátase, ao cabo, de outorgarlle arquitectura xurídica á intención política xa evidenciada polo ministro, Íñigo de la Serna, con razóns que no primeiro veto nin sequera aparecían.

Desta volta Fomento elaborou un informe, a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, notablemente máis elaborado que o de 2016 e no que inclúe un percorrido pola historia da AP-9, a súa privatización polo Goberno de Aznar e os sucesivos acordos para as súas ampliación, así como para a bonificación das peaxes. Ademais de inserir de novo no seu informe o devandito cálculo erróneo do rescate da concesión -4.400 millóns que non se corresponden co establecido na lexislación vixente na materia- Fomento aférrase precisamente a esas ampliacións e descontos para concluír que o traspaso tería impacto nos Orzamentos Xerais do Estado e, daquela, pode invocar o artigo 134.6 da Constitución, que permite que o Goberno vete os proxectos de leis que supoñan incremento de gastos ou mingua de ingresos.

Tras a eliminación no texto da mención ao eventual rescate o Goberno de España procura outra arquitectura xurídica para o veto á lei que en Galicia foi aprobada por unanimidade

A proposición galega, esgrime Fomento, estipula que unha vez aprobada a transferencia á Xunta o Goberno de España seguiría asumindo os gastos derivados de acordos asinados mentres as competencias foron estatais, caso por exemplo das obras de ampliación e das bonificacións. Dado que a lei aprobada por unanimidade en Galicia sinala tamén que a Xunta pasaría a ter competencias sobre tarifas, peaxes e descontos, Fomento lánzase a formular outra hipótese: como os convenios asinados con Audasa en 2011 en 2013 prevén financiar s obras "con cargo ao incremento das tarifas da peaxe", estas obras "poderían non ser compensadas desa forma e terían que ser asumidas na súa totalidade polo Estado" cun gasto, calcula, duns 224 millóns de euros.

Fragmento do informe rexistrado polo Goberno de España no Congreso para vetar a lei galega

Fomento formula un veto a partir da hipótese de que a Xunta podería rebaixar as peaxes e non compensar as obras de ampliación e as bonificacións

Adicionalmente, sinala o Ministerio, as bonificacións de peaxe vixentes dende 2006, "cifradas nuns 7 millóns de euros cada ano, aproximadamente", e as fixadas en 2013, na contorna "dos 4 millóns anuais". Estas cantidades segundo a lei galega, di, "tamén seguirían sendo abonadas polo Estado", o que "implica un custo da orde de 210 millóns de euros", por unha banda, e de 120 pola outra ata a fin da concesión en 2048. Aínda que Alberto Núñez Feijóo vén resaltando que de agora en diante Fomento será quen se faga cargo deses pagamentos o Ministerio asegura agora que "non existen consignacións nos créditos orzamentarios" do departamento para tal fin.

Neste contexto, o Goberno de España suma todas as súas propias estimacións para asegurar que tras o traspaso tería que se facer cargo de 554 millóns de euros que "poderían ascender ata un total de 4.570 millóns de euros", agrega sumando "repercusións económicas" ata a fin da concesión. Por todo isto o Goberno central "non presta a conformidade" á tramitación da lei, contradicindo así o expresado reiteradamente polo PPdeG e polo Goberno de Galicia e ratificando os temores expresados pola oposición durante a tramitación da norma. Obvia, do mesmo xeito, que a propia lei galega estipula que sería unha comisión mixta Galicia-Estado a que fixaría as condicións concretas do traspaso a través dunha negociación.

"Un informe mentireiro" polo que debe "responder" Feijóo

Antón Sánchez: "Ou Feijóo é cómplice desta operación mentireira ou non pinta nada e non exerce de presidente"

Tras facer público o novo veto o vicevoceiro de En Marea pon o foco na "responsabilidade" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, neste "informe mentireiro e cheo de falsidades" co que o Goberno de España, di Antón Sánchez, "volve faltar ao respecto ao pobo galego". "Ou o señor Feijóo é cómplice desta operación mentireira, desta estafa" ou "non pinta nada e non exerce de presidente" e por iso "deixa facer este tipo de cousas ao seu partido" contra unha lei aprobada por unanimidade en Galicia, afirmou en declaracións á prensa no Parlamento.

O feito de que o propio informe estea baseado en "hipóteses" é para Sánchez a demostración de que "isto non é unha cuestión técnica", senón mostra da "vontade política de que esta infraestrutura non se controle" dende Galicia. "Recorren a mentiras, falan de modificacións orzamentarias baseadas en hipóteses" e "ademais, falsas", di, para evitar que se chegue a votar unha lei que, lembra, foi redactada "baixo a supervisión dos letrados do Parlamento" para evitar, precisamente, que colisionase co artigo 134.6 da Constitución. "Se non hai un pronunciamento claro, contundente e con resultados" por parte do presidente, advirte, "teremos que concluír " que colabora "no obxectivo de manter o negocio" da AP-9 o máis "afastado" posible das persoas que a utilizan e pagan, di.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

PSdeG e BNG fan responsable a Feijóo e esixen a Ana Pastor que erga o veto

O resto da oposición galega reaccionou tamén de xeito case instantáneo ao veto á transferencia da AP-9 rexistrado no Congreso por parte do Goberno de España. Á luz do informe revelado por En Marea tanto o socialista Xoaquín Fernández Leiceaga como a nacionalista Ana Pontón fan responsable a Alberto Núñez Feijóo do bloqueo e ollan cara a Ana Pastor, presidenta do Congreso e deputada por Pontevedra, para que erga o veto cando sexa abordado na Mesa da Cámara Baixa, órgano competente para decidir se o mantén ou o ergue.

Leiceaga: "A única maneira que ten Feijóo de demostrar que non está por tras desta burda manobra é desbloquear o debate da iniciativa"

A xuízo de Leiceaga é responsabilidade do presidente da Xunta "deixar de tomar o pelo aos galegos". "A única maneira que ten de demostrar que non está por tras desta burda manobra é desbloquear o debate da iniciativa", afirma o socialista, que insta a Feijóo a "non dicir unha cousa en Galicia e facer en Madrid a contraria, furtándolle a Galicia a posibilidade de recabar a competencia" que o propio Parlamento galego reclamou por unanimidade na lei agora vetada.

Nun sentido semellante, a portavoz nacional do Bloque lamenta que o titular da Xunta se revele como "incapaz de defender os nosos intereses" e amose que "non pinta absolutamente nada". "Este informe -di Pontón- non deixa de ser unha nova mostra do agravio, do desprezo co que se trata a Galiza desde Madrid", cun gabinete de Rajoy que se escuda en "problemas de desequilibrio orzamentario" mentres executa "amnistías fiscais ilegais".

O papel da Mesa do Congreso

Pontón: "Agardo que unha deputada galega como Ana Pastor non volva cometer unha traizón a este país"

Tanton Pontón como Leiceaga resaltan que, alén da intención política do Goberno de España, é a Mesa do Congreso a que ten a última palabra sobre o veto. Neste sentido, o voceiro socialista resalta que na anterior ocasión en que se abordou o asunto neste órgano de nove membros houbo catro votos a prol -dous do PSOE e outros dous de Unidos Podemos- e que foron os tres representantes do PP os que, xunto cos dous de Ciudadanos, "bloquearon o debate". "Ana Pastor, ata onde sabemos, forma parte do PP de Pontevedra", polo que "sería suficiente co seu voto para desbloquear a iniciativa".

"Agardo -agrega Ana Pontón- que unha deputada galega como Ana Pastor non volva cometer unha traizón a este país e non sexa cómplice dun novo agravio". "Non podemos asumir isto dende a normalidade", advirte.