0 Gardados para despois

Rajoy inaugura a ampliación da AP-9 por segunda vez en catro días

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O pasado sábado día 30 de decembro o presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, inaugurou o seu habitual descanso de Nadal en Pontevedra cun acto de posta en servizo da ampliación da AP-9 ao seu paso pola ponte de Rande. Este mércores, catro días despois, o presidente inaugurou outra ampliación da mesma autoestrada, no seu treito de circunvalación de Santiago, empregando na súa intervención boa parte dos mesmos elementos que xa empregara no acto previo.

O presidente do Goberno e o da Xunta repiten boa parte dos seus discurso nuns actos a poucos quilómetros do lugar de descanso de Rajoy nos que este aproveitou para lanzar mensaxes sobre Catalunya e a caída do paro

Os actos, celebrados a poucos quilómetros de distancia do lugar de descanso de Rajoy, serviron para que o presidente emitise dous discursos en clave estatal, o do sábado enfocado na política e o deste mércores na economía. Se o sábado o presidente apelou a tender pontes en aberta referencia a Catalunya, este mércores salientou a caída do paro e a recuperación económica. No resto das súas intervencións, o presidente salientou tanto nunha como noutra as mesmas actuacións en Galicia en materia de obras viarias ou ferroviarias, información que xa debullara polo miúdo o 20 de decembro noutro acto tamén en Santiago o propio ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, que este mércores, igual que o sábado, actuou de convidado de pedra. Tamén o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, repetiu tanto o sábado como este mércores boa parte do contido dos seus discursos, evidenciando que as dúas obras inauguradas por separado con catro días de diferenza sempre estiveron ligadas unha á outra.

A súa ausencia o sábado da misa da traslación do Apóstolo para estar presente na inauguración de Rande non impediu que este mércores o presidente Feijóo salientase a relación de Compostela co culto a Santiago

Por outra banda, a inauguración da ampliación de Rande do pasado sábado coincidiu no tempo coa celebración en Santiago da cerimonia relixiosa que lembra o traslado lendario dos restos do Apóstolo a Compostela. Malia que a ausencia desa misa do alcalde da cidade, Martiño Noriega, de Compostela Aberta, provocou hai dous anos duras críticas por parte do PP, as inauguracións foron programadas de xeito que a de Rande fose o sábado e a de Santiago este mércores. Así, o sábado, ao tempo que se celebraba esa anteriormente polémica misa, Rajoy e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, inauguraban a ponte de Rande. A súa ausencia da misa do sábado non impediu que este mércores, agora na inauguración da AP-9 en Santiago, tanto o vídeo introdutor do acto como Feijóo fixeran referencia ao papel na cidade do culto ao Apóstolo, o Camiño e o Xacobeo.

Mentres, entre a inauguración do sábado e a deste mércores Rajoy evidenciou a través da súa conta de Twitter o seu descanso de Nadal en Sanxenxo (Sanjenjo, segundo escribiu) e os seus habituais paseos matinais pola contorna (cunha foto co presidente do PP pontevedrés e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o seu amigo José Benito Suárez, presidente do porto de Marín e marido de Ana Pastor).

Publicacións de Mariano Rajoy na súa conta de Twitter durante o seu descanso de Nadal en Sanxenxo

Representantes do BNG volveron protestar a poucos metros da inauguración e o alcalde de Santiago reclamou o novo enlace orbital ao norte dos existentes actualmente para dar servizo aos polígonos industriais

A ampliación da autoestrada AP-9 ao seu paso por Rande e Santiago por parte da súa concesionaria, Audasa, foi acelerada nos últimos meses para poder abrir os novos carrís canto antes e comezar así a cobrar o incremento das peaxes nun 1% cada ano durante os próximos 20 anos co que o Goberno autorizou que se paguen as obras, que custaron uns 200 millóns no caso de Rande e 85 en Santiago. Esa présa da concesionaria está detrás, segundo a CIG, da sinistralidade rexistrada nas obras, nas que morreu un obreiro e se rexistraron outros dous accidentes graves. Este mércores, como o sábado pasado en Rande, representantes do BNG protestaron a uns metros da inauguración polo que consideran mala xestión da autoestrada por parte do Goberno central.

Desde o Concello de Santiago o alcalde, Martiño Noriega, salientou que “calquera infraestrutura é positiva” pero alertou de que a cidade segue a reclamar unha nova conexión coa AP-9, o denominado enlace orbital, máis ao norte dos actuais e que conectaría cos polígonos empresariais. Un enlace que pediu que non se vexa recortado por parte do Goberno central a respecto das previsións iniciais.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.