0 Gardados para despois

A Fiscalía investiga os colapsos nas obras inacabadas de Rande inauguradas por Rajoy e Feijóo

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O pasado 30 de decembro Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo encabezaron o acto solemne de inauguración das obras de ampliación da autoestrada AP-9 ao seu paso pola ponte de Rande, proxecto que contemplaba o alargamento a tres carrís por sentido para evitar os frecuentes engarrafamentos provocados por accidentes ou pola elevada afluencia de vehículos no verán. A posta en servizo da ampliación antes do 1 de xaneiro era condición indispensable para que Audasa, concesionaria da autoestrada, puidese aplicar unha primeira suba de peaxes para compensar as obras. No entanto, na estrutura orixinal da ponte quedaban obras pendentes que nos últimos meses xeraron frecuentes colapsos nos que agora vai indagar a Fiscalía.

As "informacións recibidas" directamente polo Ministerio Público, as novas dos medios de comunicación e unha queixa formulada a través da Valedora do Pobo levou a Fiscalía Provincial de Pontevedra a abrir dilixencias civís polo "deficiente funcionamento" da AP-9 en Rande, toda vez que se trata de colapsos "sostidos nos últimos meses" e non puntuais. Con independencia dos resultados destas pescudas a Fiscalía xa liga directamente os atascos reiterados ás propias "obras de ampliación de capacidade" concibidas, precisamente, para alixeirar a circulación.

A Fiscalía resalta que os colapsos foron "sostidos" nos últimos meses e abre a porta a que as persoas usuarias podan reclamar o pagado nas peaxes

O que tentará de aclarar a Fiscalía con estas "dilixencias preprocesuais" é se foron lesionados os dereitos das persoas usuarias da autoestrada e, se considera que isto sucedeu, iniciará o coñecido como Acción Colectiva de Cesamento. Como resultado deste procedemento, caso de iniciarse, Audasa podería ser obrigada a non cobrar polas portaxes neste tramo mentres non ofreza o servizo nas condicións correctas e, aclara a Fiscalía, "podería ser ademais solicitada a indemnización ou restitución aos usuarios afectados como consecuencia do tránsito por este treito, das cantidades devengadas no período de referencia". Isto é, quen pagasen peaxe e quedasen atascados poderían recuperar o abonado.

Neste sentido, a Fiscalía lanza unha advertencia ás persoas usuarias. No caso de que esta acción colectiva de defensa dos dereitos dos consumidores chegue a "prosperar", sería necesaria a "conservación da documentación que acredita o uso da autoestrada no período de duración da obra", como poden ser xustificantes de pagamento en cabinas manuais ou automáticas ou, no caso dos dispositivos de telepeaxe, da documentación equivalente de uso do treito nestes meses.

Traballos durante o día e as obras do colexio de Redondela

Como informou Praza.gal, a explicación aos colapsos de Rande tras a inauguración oficial da ampliación non se atopa unicamente na gran afluencia ás praias da zona nas primeiras fins de semana de bo tempo ou en accidentes puntuais e imprevisibles. Así, aínda que o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, anunciou que os traballos pendentes se ían realizar durante as noites, a mediados de febreiro o seu propio Ministerio admitía que as obras ían obrigar a cortar carrís de xeito permanente e non só durante determinadas horas de cada xornada.

A mala planificación da ampliación ao seu paso pola beira dun colexio e as obras no corredor do Morrazo contribuíron a incrementar as restricións e os atascos

A esta circunstancia engadíronse, cando menos, outras dúas. A mala planificación da ampliación da autoestrada ao seu paso por Chapela (Redondela), forzou o Ministerio a rectificar por dúas veces o proxecto, toda vez que a autoestrada quedaba demasiado preto dun colexio. Tras unha engádega dun muro de contención, as autoridades deron en admitir entre protestas das familias a necesidade de construír un novo centro escolar; pero mentres isto non sucede, o tráfico na contorna está restrinxido. A estas restricións sumáronse, ao tempo, as derivadas das obras de conversión do Corredor do Morrazo en autovía. competencia da Xunta.

A ausencia de competencias do Goberno galego sobre a AP-9 provoca que a Consellería de Infraestruturas non poida actuar directamente sobre nada do que sucede na ponte de Rande. As negociacións e posibles sancións están nas mans do Ministerio de Fomento, que xa advertiu de que só contempla como excepción para casos urxentes e puntuais a posibilidade de obrigar a Audasa a erguer as barreiras de peaxe a causa dos colapsos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.