O Goberno galego presenta varias ideas ornamentais para a ponte ao tempo que pon o foco nas actuacións compensatorias pendentes máis de dous anos despois de asistir á inauguración
O 30 de decembro de 2017 o daquela presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, inauguraba a ampliación da AP-9 ao seu paso pola ponte de Rande acompañado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e diversos cargos autonómicos. Facíano malia que o propio Ministerio de Fomento certificaba que aínda quedaban obras pendentes por máis de 11 millóns de euros, algunhas delas que mesmo seguiron afectando ao tráfico na zona durante varios meses. Máis de dous anos despois, parte daquelas obras seguen sen concretarse, pero é agora, cun Goberno central socialista, cando o Goberno galego pon o foco nelas para esixir a súa execución. Faino ao tempo que propón instalar un alumeado ornamental na ponte no que a Xunta di estar disposta a poñer cartos públicos.
Segundo cal fose a proposta elixida, o investimento inicial oscilaría entre os 200.000 e o millón de euros, sen ter en conta o mantemento posterior
Este luns, coa presenza do vicepresidente, Alfonso Rueda, e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, a Xunta presentou en Vigo catro ideas de alumeado ornamental variable da ponte de Rande propostas por tres empresas que agora lle serán trasladadas ao Ministerio de Transportes, administración titular da infraestrutura do que depende a decisión final. A idea de alumear Rande foi lanzada pola Xunta o pasado setembro, ao tempo que na cidade xa se comezaba a falar novamente dos preparativos do alumeado de Nadal que o goberno local de Abel Caballero vén convertendo nos últimos anos en sinal de identidade. Daquela, como este luns, o Goberno galego amosou a súa disposición a poñer cartos públicos para un alumeado ornamental de Rande que segundo a proposta elixida oscilaría entre os 200.000 e o millón de euros só como investimento inicial, sen ter en conta o seu mantemento posterior.
"A Xunta non ten competencias nin achega fondos para este proxecto", retrucou o Ministerio, que reprocha "deslealdade" ao Executivo galego por esta presentación
A Xunta asegura que a súa iniciativa é ben acollida pola concesionaria da autoestrada, Audasa. Non obstante, poucas horas despois do acto de Rueda e Vázquez, o Ministerio de Transportes emitiu un comunicado no que o departamento que dirixe José Luis Ábalos amosa a súa "sorpresa" por que o Goberno galego actúe con "deslealdade" neste proxecto. "A Xunta non ten competencias nin achega fondos para ese proxecto, polo que o avance informativo que realizou é de todo punto improcedente", subliña.
As propostas ornamentais da Xunta para Rande lánzanse apenas dous días despois de que o pasado sábado a conselleira Vázquez se reunise con representantes dos afectados polas obras pendentes derivadas da ampliación da AP-9 ao seu paso pola parroquias de Chapela e Trasmañó, no concello de Redondela, na aproximación á ponte de Rande desde Vigo, onde nalgún punto se fixeron ata dous novos carrís a cada lado da autoestrada. Alí faltan aínda pantallas contra o ruído e reparacións de vías municipais que foron afectadas polas obras da autoestrada, reclamacións que a conselleira comprometeuse a trasladar ao Goberno central.
O ensanchamento da autoestrada puxo en perigo un colexio de Chapela que houbo que trasladar e no que aínda agora, máis de dous anos despois, comezará a funcionar o sistema de calefacción
A principal actuación pendente tras a inauguración da ampliación de Rande, que evidenciou eivas na planificación da obra por parte do anterior Goberno central popular cando autorizou o proxecto despois acometido por Audasa, foi o traslado do Colexio Igrexa, en Chapela. A ampliación da autoestrada faría que vehículos pesados pasasen a escasos metros do centro, o que primeiro levou a construír un muro de protección e despois a decidir o seu traslado a un novo emprazamento, previa anulación durante varios meses da circulación polo carril recentemente ampliado máis próximo ao colexio.
Malia quedar actuacións pendentes, o Goberno inaugurou e deu por rematada a AP-9, o que permitiu que en outubro de 2018 Audasa comezase a aplicar o aumento anual engadido das súas peaxes para compensar as obras
O novo colexio comezou a funcionar co actual curso escolar, ano e medio despois da inauguración da ampliación da autoestrada, pero fíxoo sen que a calefacción estivese aínda dispoñible. A Xunta tivo que instalar calefactores provisionais á espera de que, agora si, segundo vén de informar Faro de Vigo, esa instalación térmica xa estea á fin rematada, máis de dous anos despois da inauguración da obra da autoestrada que orixinou todas as mudanzas.
Que todas estas obras non estivesen aínda rematadas non impediu ao Goberno central inaugurar e dar por finalizada oficialmente a ampliación da AP-9, o que permitiu que en outubro de 2018 Audasa comezase a aplicar o aumento anual engadido das súas peaxes para compensar o custo das obras.