Audasa remata obras derivadas da ampliación de Rande dez meses despois de subir as peaxes

Feijóo, Pastor, Rajoy e De la Serna, no acto de inauguración da ampliación de Rande o 30 de decembro de 2017 CC-BY-SA Xunta

O ensanchamento da autoestrada puxo en perigo un colexio de Chapela que houbo que trasladar, operación non prevista inicialmente que culminará nuns días e que mentres se concretou obrigou a restrinxir o tráfico en período lectivo

Cando no nadal de 2017 o daquela presidente Mariano Rajoy inaugurou a ampliación da autoestrada AP-9 ao seu paso pola ponte de Rande o propio Ministerio de Fomento admitía que o acto se realizaba malia que quedaban traballos pendentes de rematar. Entre outros, o traslado non previsto inicialmente dun colexio de Chapela, no límite de Redondela con Vigo, ao que a ampliación de carrís executada ao seu carón puña en perigo. Audasa asumiu a obra, que a Consellería de Educación confirma que culminará en cuestión de días, xa para este curso que comeza en setembro. Será dez meses despois de que a concesionaria comezase a subir as peaxes para cobrarse eses traballos de ampliación que implicaron o traslado do centro educativo.

A ampliación da ponte de Rande por parte de Audasa, que asumiu o seu custo inicial para despois recuperalo subindo as peaxes, foi realizada a partir dun proxecto supervisado polo Ministerio de Fomento. Porén, nin a concesionaria nin o ministerio tiveron en conta que a ampliación de carrís tamén no treito da AP-9 que atravesa a zona de Chapela ía achegarse tanto ao Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Igrexa que os pais e nais ían protestar pola inseguridade que ao seu ver provocaría a circulación de vehículos pesados tan preto das aulas e lugares de xogo dos seus fillos. 

CEIP Igrexa, en Chapela, trasladado despois de que se construíse un muro de protección fronte a ampliación da AP-9 Dominio Público Google Street View

O carril que foi ampliado a costa do recinto exterior do colexio foi restrinxido para a maioría dos tráficos precisamente polo seu risco para ese colexio ao que se aproximou a autoestrada

As reclamacións foron atendidas e Audasa acabou asumindo o custo do traslado do colexio a outro emprazamento por 4,6 millóns de euros. Pero mentres non se concretou, e malia a construción dun muro de formigón entre a autoestrada e o colexio, Fomento restrinxiu o tráfico durante os períodos lectivos no carril máis próximo ao centro educativo. Ese carril que viña de ser ampliado a costa do recinto exterior do colexio quedou inutilizado para a maioría dos tráficos precisamente polo seu risco para ese colexio ao que se aproximou a autoestrada.

O propio Ministerio de Fomento cuantificou en máis de 11 millóns de euros as obras que quedaban pendentes despois da inauguración de Rajoy

Malia non estar nin sequera iniciadas as obras do novo colexio, que o propio Ministerio de Fomento vinculou directamente coa ampliación de Rande, xunto con outros traballos pendentes que cuantificaba daquela en 11,15 millóns de euros, Rajoy inaugurou a actuación o 30 de decembro de 2017. As obras na propia ponte aínda continuarían varios meses tras a inauguración, e o Goberno central tardaría outro tanto en autorizar a Audasa a suba de peaxes coa que recuperar durante os próximos anos o investido na ampliación, pero a concesionaria acabaría aumentando as súas taxas o 1 de novembro de 2018

A Consellería de Educación confirma que salvo imprevistos o novo colexio estará xa operativo para o comezo do novo curso escolar o 11 de setembro

Agora, dez meses despois daquela primeira suba, que foi seguida doutra o 1 de xaneiro que se repetirá nos vindeiros anos, a Consellería de Educación confirma que traballa coa previsión de que o traslado do centro educativo ao novo edificio construído por Audasa noutro emprazamento afastado da AP-9 estará culminado, salvo imprevistos, para o comezo do novo curso escolar o próximo 11 de setembro. 

Carril ampliado da ponte de Rande CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.