Outros 45,9 millóns de beneficios para Audasa no primeiro semestre, un 3,1% máis

Cabinas de peaxe da AP-9 © Audasa

Un terzo dos ingresos da concesionaria da AP-9 proveñen de fondos públicos para subvencionar peaxes

Audasa, concesionaria da autoestrada AP-9, presentou este mércores as súas contas do primeiro semestre deste ano ante a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV). Uns números que revelan unha constancia imperturbable no incremento constante de beneficios da empresa, con 45,9 millóns de euros de ganancias despois de impostos entre xaneiro e xuño, un 3,1% máis que no mesmo período do ano anterior. Uns beneficios que en gran medida son froito dos fondos públicos que recibe para subvencionar as peaxes dos usuarios.

Segundo as contas de Audasa, no primeiro semestre do ano o tráfico medrou un 3,1%, e ese é tamén este ano o aumento dos seus beneficios despois de impostos, tras varios anos nos que o aumento de ganancias viña sendo superior ao aumento do tráfico. 

Dos 106 millóns que ingresou por peaxes entre xaneiro e xuño, 38 procederon de fondos públicos para subvencionar aos usuarios

Desta volta, Audasa ingresou un total de 108,2 millóns de euros, dos que 1,9 procederon das áreas de servizo da autoestrada e o resto, 106,3 millóns, de ingresos por peaxes, unhas cifras lixeiramente superiores ás do ano anterior. Pero dentro dos ingresos por peaxes consolídase en arredor dun terzo o que a empresa obtén non dos usuarios senón do Estado a través de subvencións. No primeiro semestre do ano eses fondos públicos recibidos foron un total de 38,3 millóns de euros, o 34,3% do total dos ingresos por peaxes, en liña co ano anterior.

As contas da empresa tamén reflicten un novo aumento no uso do sistema de telepeaxe por parte dos usuarios, ata o 81% do total.

A concesión da AP-9 debía rematar hai agora tres anos, en agosto de 2023, se en 2000 o Goberno de José María Aznar non a prorrogase 25 anos máis a cambio de que a concesionaria acelerase a súa prolongación ata Ferrol como treito libre de peaxe. Unha prórroga que foi outorgada de xeito discrecional e sen un novo concurso público xusto antes de privatizar a empresa, o que para a Unión Europea foi ilegal. Porén, malia o preito que mantén a Comisión Europea con España desde hai anos e que así llo reclaman desde Galicia tanto a Xunta como BNG e PSdeG, o actual Goberno insiste en que rescatar a concesión sería máis gravoso que seguir subvencionando as peaxes dos usuarios, como vén facendo de xeito crecente nos últimos anos.

Por outra banda, a pasada semana o Congreso dos Deputados aprobou finalmente a lei para traspasar as competencias sobre a autoestrada do Estado á Xunta. Unha norma adiada durante anos por PP e PSOE que agora deixa os seus efectos prácticos en mans da negociación política entre os gobernos galego e español. 

Destaques do texto da lei do traspaso da AP-9, publicada no Boletín Oficial das Cortes tras ser aprobada polo Congreso CC-BY-NC-SA Praza.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.