Besteiro pide "gratuidade total" da AP-9 aproveitando a fin do prazo da UE pola prórroga ilegal de Aznar

Viaduto da AP-9 en Portas © Audasa

Este 17 de setembro expira a marxe de dous meses que a Comisión Europea deu ao Estado para cumprir a lei infrinxida por Aznar ao estender a concesión da AP-9 ata 2048

O pasado xullo a Comisión Europea concluíu que a prórroga concedida polo Executivo do PP de José María Aznar a Audasa foi ilegal. Aquela decisión levou a concesión da AP-9 dende o 18 de agosto de 2023 ao mesmo día de 2048. 

As explicacións ofrecidas polo actual Goberno de España ao respecto non convenceron as autoridades comunitarias. Así, o procedemento de infracción aberto en 2021 tras unha denuncia da asociación En Colectivo, acabará no Tribunal de Xustiza da UE a non ser, advertiu a Comisión, que o Estado adoptase "as medidas necesarias" para respectar a lexislación comunitaria na materia nun prazo de dous meses que expira este 17 de setembro.

José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG, este 15 de setembro ante unha imaxe de San Vicente de Leira, aldea arrasada polos incendios, que pide non "esquecer" CC-BY-NC-SA PSdeG

Esas "medidas necesarias" pasarían, necesariamente, pola fin da actual concesión con Audasa. Acto seguido, o gabinete de Pedro Sánchez tería diversas opcións ante si, dende convocar un novo concurso conforme á lei para que a autoestrada seguise sendo explotada por unha compañía privada ata mantela en réxime de peaxe con xestión pública ou liberala de pagamento directo, como fixo o Ministerio de Transportes en autoestradas da súa competencia á que lles rematou a concesión.

O líder do PSdeG defende elevar os descontos da autoestrada do 75% actual ao 100% sen "ter que esperar" á resolución definitiva que "con independencia da decisión" do Goberno de España, coida, "acabará nos xulgados"

Con este pano de fondo e "con independencia da decisión" que o Estado adopte e que dun xeito ou doutro "acabará nos xulgados", considera, o secretario xeral do PSdeG aposta por aproveitar este "momento extraordinario" para que os xa vixentes descontos nas tarifas da AP-9, que agora chegan ata o 75%, dean un "pequeno gran salto ata chegar ao 100%". Que sería tanto, defende José Ramón Gómez Besteiro, como "a gratuidade".

"Sempre insistimos en que o prioritario é a gratuidade e neste momento demos dar ese salto" e iso, avanza, é o que vai "pedir" o PSdeG ao Goberno de España. Que "non teñamos que esperar á resolución desas cuestións xudiciais para ese compromiso final" coa gratuidade "total", resume.

O aumento dos descontos na AP-9 foi tamén unha das materias centrais nos pactos asinados polo PSOE co BNG para a investidura de Pedro Sánchez, primeiro co 50% e despois, co avance ata o 75%. Esas bonificacións veñen implicando un notable incremento dos fondos públicos nas contas de Audasa, que no primeiro semestre deste 2025 ingresou 33 millóns de euros das arcas estatais para sufragalas mentres os seus beneficios se disparaban ata os 105 millóns en seis meses. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.