A Comisión Europea (CE) considera que España quebrantou as leis da UE ao prorrogar a concesión da Autoestrada do Atlántico (AP-9) sen concurso público e inicia un procedemento de infracción contra o Estado. O Executivo comunitario fixo público este 23 de setembro que vén remitir ao Goberno de España unha "carta de emprazamento" ao respecto, primeiro paso dun procedemento no que as autoridades españolas poden acabar ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea se non introducen os cambios precisos para cumprir a normativa.
A Comisión Europea atende a denuncia da asociación En Colectivo sobre a prolongación aprobada polo Goberno de España no 2000 e considera que incumpriu unha directiva comunitaria de 1993, porque a prórroga "equivale a unha nova concesión" que debe ser sometida a concurso público
A orixe deste apercibimento está nunha denuncia da asociación viguesa En Colectivo, constituída inicialmente para reclamar a Audasa, concesionaria da autoestrada, as peaxes cobradas durante as obras da ponte de Rande malia non ser posible circular con normalidade. Na súa denuncia, En Colectivo pedía á Comisión que "estudase a legalidade" dos dous Reais Decretos que, en 1994 -co Goberno de Felipe González- e 2000 -co de Aznar- prorrogaron a concesión por dez anos -ata 2023- e por outros vinte e cinco adicionais -ata 2048-, respectivamente.
Os avogados da asociación apelaban a un caso semellante en Italia para advertir de que, atendendo a unha directiva comunitaria do ano 1993, "as prórrogas aprobadas en 1994 e 2000 equivalen a unha nova concesión" e, daquela, deberon ser obxecto de cadanseu concurso público. Agora a CE apóiase nese mesmo antecedente italiano e subliña que "segundo o Dereito da UE, a prórroga dun contrato de concesión equivale a unha nova concesión que só pode adxudicarse mediante licitación", isto é, por concurso público. Pero cínguese á última prórroga, a do ano 2000, segundo confirman fontes da Comisión en resposta a Praza.gal.
Como en Italia -na Autostrada Tirrenica-, "España ampliou a duración da concesión da autoestrada AP-9 sen iniciar previamente un procedemento de licitación pública" e a Comisión "considera que tamén incumpriu" a devandita directiva. Agora, o Goberno de España ten dous meses para responder este primeiro apercibimento. Se tras as alegacións do Estado, a UE segue considerando que existe un quebrantamento da lei, pasaría a emitir o denominado "ditame motivado", un emprazamento formal a cumprir a devandita directiva nun prazo que adoita ser duns dous meses. Se o incumprimento persiste, chegaría o momento de que a CE acudise ao Tribunal de Xustiza da UE e abriría a posibilidade de sancións.
O contexto das dúas ampliacións
A ampliación cuestionada é a máis recente e prolongada. Aprobouna o Goberno de Aznar, que no 2000 outorgou a Audasa 25 anos máis, ata 2048, a cambio de estender a autoestrada ata Ferrol. Tres anos despois, privatizou a Empresa Nacional de Autopistas e con ela, á propia concesionaria da AP-9
A ampliación cuestionada pola UE é a máis recente e prolongada da concesión da AP-9. Trátase da aprobada no ano 2000 polo Goberno do PP de Aznar. Despois de que, en 1998, a plataforma Discoverer Enterprise batese contra a ferrolá ponte das Pías e deixase incomunicada a cidade, o Executivo dos populares encomendou a Audasa estender a AP-9 ata Ferrol a cambio, compensouna prorrogando a concesión por decreto vinte e cinco anos máis, ata o 18 de agosto de 2048.
Antes, en 1994, o Goberno do PSOE de Felipe González aprobara tamén unha prórroga, no seu caso por dez anos -de 2013 a 2023- a cambio de accións como liberar de peaxe o tramo urbano da autoestrada ao seu paso por Vigo e prolongar o seu percorrido cara ao sur. Antes xa se producira unha primeira prórroga, de apenas un ano -de 2012 a 2013-, pero fora en tempos da UCD, no inicio da construción da autoestrada e cando España aínda non era membro da daquela denominada Comunidade Económica Europea.
Ambas prórrogas, a de González e a de Aznar, foron concedidas a Audasa cando era parte dunha compañía pública, a Empresa Nacional de Autopistas (ENA). O propio Executivo socialista creáraa en 1984, un ano despois de mercar Audasa -e outras dúas- a xeito de rescate por mor dos seus fondos problemas económicos para rematar de construír a AP-9 e exercer como concesionaria en plena vaga expansiva da crise do petróleo de finais dos anos 70.
A diferenza fundamental entre ambas operacións, alén da duración das prórrogas, é que apenas tres anos despois, en 2003, o Goberno de Aznar privatizou ENA por 1.586 millóns de euros e con ela, Audasa (e tamén Autoestradas de Galicia, a concesionaria da AP-53) pasou a mans privadas. O beneficiario da privatización fora un grupo empresarial encabezado pola construtora Sacyr (50%) e no que, entre outras, tamén participaban varias entidades financeiras, entre elas o Santander (20%), Caixa Galicia (10%) e Caixanova (10%).