Máis de dous anos despois de aceptalo por primeira vez e cando xa transcorreu máis de media década dende a primeira unanimidade ao respecto no Parlamento de Galicia, o pleno do Congreso dos Deputados volveu aceptar este martes por ampla maioría volver iniciar a tramitación da lei para o traspaso das competencias sobre a AP-9 ao Goberno galego. Cos votos a prol de todos os principais grupos da Cámara baixa -agás Vox, que optou polo "non" entre diatribas sobre a lingua galega-, o texto legal reinicia un camiño que está a ser moito máis longo do que fixan os prazos do propio Congreso por mor do bloqueo ao que estivo sometida por parte do Executivo do PP de Mariano Rajoy de 2016 a 2018.
Diego Calvo (PP), Ana Pontón (BNG) e Gonzalo Caballero (PSdeG) conformaron a delegación do Parlamento de Galicia encargada de defender o traspaso ante o pleno do Congreso, que o avalou con 287 votos a prol e 51 en contra (estes últimos, só de Vox). Os tres destacaron a unanimidade que esta petición ten por tras en Galicia e os tres ligárona intimamente coa necesidade de rebaixar as peaxes, aínda que con notables matices tanto na xénese do problema como no destino final que a Autoestrada do Atlántico debera acabar tendo unha vez que as competencias correspondan á Xunta.
Calvo (PP): "A Xunta pode xestionar a AP-9 con maior eficacia que o Estado"
Para o popular Calvo, tamén vicepresidente do lexislativo galego, os grupos do Congreso non deberan poñer obstáculos en que esta transferencia acabe sendo aprobada por ser "causa común" dunha Galicia que é "leal a España" e que reclama xestionar directamente unha infraestrutura que é "patrimonio dos galegos" e non da empresa concesionaria, esgrimiu. Admite o conservador que o "percorrido" da iniciativa está a ser "demasiado longo", se ben atribúe os anteriores fracasos a un "convulso panorama político" que "fixo imposible que prosperase" e non ao veto que o gabinete de Rajoy aplicou forzando o artigo 134.6 da Constitución e esgrimindo razóns orzamentarias que non se correspondían coa realidade.
Defende Calvo que a Xunta "pode xestionar a AP-9 con maior eficacia que o Estado" e contribuír a baixar os importes dunhas peaxes que tamén centraron boa parte da intervención da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, dende a tribuna do Congreso. A xuízo da líder do Bloque e da oposición no Parlamento de Galicia, cómpre comezar a emendar, coa decisión política da transferencia, as decisións políticas previas (como as prórrogas da concesión por Gobernos do PSOE e do PP ata a privatización da autoestrada en tempos de Aznar, citou) que fixeron da AP-9 a "historia dun saqueo que nos custou miles de millóns de euros en peaxes".
Pontón (BNG) ve no traspaso un "primeiro paso" para "acabar cunha discriminación histórica" porque "xa é hora de ter unha AP-9 galega e libre de peaxes"
Nesta liña, subliñou Pontón, para o BNG a transferencia segue sendo só "un primeiro paso" para "acabar cunha discriminación histórica" e debe producirse coa autoestrada "libre de cargas". "Queremos unha AP-9 rescatada, igual que se rescataron as radiais madrileñas" con fondos públicos porque "xa é hora de ter unha AP-9 galega e libre de peaxes", subliñou.
Para a portavoz do BNG, esta nova aprobación da lei do traspaso debe ser áxil e concluír no actual período de sesións (que chega ata xullo). E paralelamente, subliñou dirixíndose ás bancadas do PSOE, deben converterse en realidade as "rebaixas históricas" de peaxes pactadas entre ambas formacións e incluídas nos Orzamentos Xerais do Estado para 2021. Mentres non se apliquen, advertiu, "o Goberno do Estado está incumprindo o seu compromiso non co BNG, senón con Galiza".
A aplicación deses descontos dáa por feita o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, que lembra que non serían posibles se os Orzamentos do Estado para 2021 non chegasen a ser aprobados. Na súa quenda, o líder socialista considerou tamén relevante poñer o foco na diferenza de trato a respecto da AP-9 entre os gobernos do PP e o actual Executivo presidido por Pedro Sánchez. "Mentres o Goberno de Aznar prorrogou a concesión da autoestrada ata 2048 e o Goberno de Mariano Rajoy o vetou de xeito continuo", resumiu, a actual maioría permite "avanzar na rebaixa das peaxes e no traspaso da autoestrada" e así "aliviar" os efectos do "regalo envelenado que nos deixou Aznar".
Para Caballero, non existen "argumentos" non só para non permitir tramitar a lei, senón tampouco para acabar aprobándoa e aplicándoa. "Os argumentos que se poidan aducir en contra do traspaso da AP-9 véñense abaixo á vista dos precedentes" noutros puntos do Estado, defendeu, máis aínda cando "noutras autoestradas da mesma época regresan ao público e se levantan peaxes".
Gonzalo Caballero (PSdeG) defende o traspaso de competencias e os descontos nas peaxes incluídos nos Orzamentos do Estado como a vía para "aliviar" o "regalo envelenado" que Aznar deixou na AP-9
Alén das razóns económicas, Gonzalo Caballero destaca que, do punto de vista político, o traspaso das competencias sobre a AP-9 ao Goberno galego encadra no ideario do "único partido" dos presentes no debate que "participou na redacción do Estatuto de Autonomía de Galicia" e que segue a reivindicar o galeguismo. "A posición dos socialistas galegos non é romper España, senón fortalecela na súa diversidade" e non "baleirar o Estado, senón construír un Estado eficiente, responsable e moderno" no que a "xestión racional da AP-9" pasa por transferila, conclúe.
As posturas da delegación galega foron referendadas por cadanseus representantes no Congreso nas quendas de intervención de PSOE, PP e BNG. Por parte de Unidas Podemos o seu deputado galego Antón Gómez-Reino amosábase "satisfeito" antes do debate por que "por fin se poida dar este primeiro paso" para "transferir unha infraestrutura clave na vertebración do país". Gómez-Reino di "agardar" que, cando a lei culmine o seu trámite e "se convoque a comisión Estado-Xunta" para facer efectivo o traspaso, "o presidente Feijóo amose a súa firme determinación para recuperar a xestión cen por cen pública da autoestrada".
Tras este visto e prace inicial, a proposición de lei formulada polo Parlamento de Galicia inicia un trámite durante o cal os diferentes grupos do Congreso poderán formular emendas. Dese proceso dependen aspectos clave como o pagamento das bonificacións de peaxes, entre outros. De chegar a concluír coa aprobación da lei e a frutificar o traspaso entre ambos Gobernos, as competencias da AP-9 serían as primeiras en chegar á Xunta tras trece anos sen ningún traspaso novo, o período máis prolongado na historia da autonomía.