Este martes, 2 de febreiro de 2021, o Congreso dos Deputados debate o traspaso das competencias sobre a autoestrada AP-9 á Xunta. A Cámara Baixa volve pronunciarse favorablemente sobre unha transferencia á que xa deu o seu visto e prace en decembro de 2018 e que decaeu por mor das eleccións xerais de 2019, pero cuxas orixes son moi anteriores. Como reivindicación política e social, pero tamén como lei promovida polo Parlamento de Galicia para o seu trámite no Congreso.
A lei que agora retoma o Congreso ten a súa orixe en 2015, nunha proposición do BNG avalada pola unanimidade do Parlamento galego que o Goberno de Rajoy vetou en varias ocasións esgrimindo cálculos que non se correspondían coa realidade
O proceso que agora se retoma ten a súa orixe no outono de 2015, cando o Parlamento galego aprobou por unanimidade por unanimidade unha proposición de lei do BNG para reclamar o traspaso. O Goberno de España, dirixido naquela altura polo PP de Mariano Rajoy, manobrou para vetar a súa tramitación -mesmo estando en funcións- forzando o artigo 134.6 da Constitución, tal e como acabarían constatando os servizos xurídicos do propio Congreso, e esgrimindo razóns orzamentarias que non se correspondían coa realidade.
O gabinete de Rajoy aínda vetaría o traspaso dúas veces máis. Unha, cando o Parlamento de Galicia volveu promover a lei por unanimidade -redactada doutro xeito para tentar esquivar o veto-. Outra, cando a formulara En Marea no Congreso. En todas as ocasións, o Goberno do PP mesturara cálculos económicos erróneos ou falsos con outros argumentos que tampouco se correspondían coa realidade, como que a AP-9 conecta directamente con Portugal (faino a autovía A-55).
A tramitación da lei do traspaso interrompeuse polas eleccións xerais de 2019
Con este pano de fondo, en maio de 2018 chegou a moción de censura que desbancou a Rajoy e o Goberno do PSOE de Pedro Sánchez suprimiu o veto á lei do traspaso da AP-9. Concretamente, á súa primeira versión, á promovida polo BNG en 2015 e apoiada unanimemente polo Parlamento de Galicia. Así foi como en decembro daquel mesmo ano, o pleno do Congreso deu o seu visto e prace a iniciar a transferencia por ampla maioría (só Ciudadanos se opuxo).
Pero en 2019 a lexislatura estatal rematou abruptamente cun adianto electoral. Tras os comicios do 28 de abril de aquel ano non houbo Goberno e o bloqueo derivou noutra chamada ás urnas o 10 de novembro, despois da que Pedro Sánchez si logrou ser investido, neste caso á fronte dunha coalición con Unidas Podemos. Na nova lexislatura, o texto galego que vaga polo Congreso dende 2015 retomou a tramitación e este 2 de febreiro regresa ao pleno.
Pontón vén urxindo, alén do traspaso, "máxima axilidade" na aplicación dos descontos nas peaxes negociados polo BNG co PSOE e incluídos nos Orzamentos do Estado para 2021
Como corresponde a este tipo de leis, unha delegación do Parlamento galego defenderá ante o pleno do Congreso a aprobación do texto. Está composta por tres membros, un de cada grupo: Diego Calvo, do PP, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero. O debate chega no período máis longo da historia da autonomía sen novas transferencias de competencias para a Xunta, pero tamén mentres aumenta o malestar social polas tarifas da AP-9 e en plena espera pola concreción dos descontos nas peaxes incluídos nos Orzamentos Xerais do Estado deste 2021.
A aplicación desa partida para os descontos nas peaxes, que deriva dun dos puntos do acordo do BNG co PSOE para a investidura de Sánchez, vén sendo urxida por parte do Bloque nos últimos meses. Nesta liña, a finais de 2020 Pontón dirixíase por carta ao ministro de Transportes, José Luis Ábalos, para reclamar "máxima axilidade" na súa aplicación, subliñaba a líder da oposición. Do contrario, vén advertindo a formación soberanista, optarán por retomar a vía da mobilización. O Bloque vén subliñando, non obstante, que o seu horizonte segue sendo o da gratuidade.
Gonzalo Caballero subliña que "é cun Goberno progresista co que se van reducir as peaxes e se abre o debate da transferencia" mentres "foi Aznar quen ampliou a concesión ata 2048"
Por parte do PSdeG o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, insta a lembrar que este debate chega nun contexto no que "é cun Goberno progresista" no Estado "co que se van reducir as peaxes e se abre o debate da transferencia da AP-9" mentres que "foi Aznar quen ampliou a concesión ata 2048, cunha decisión inmensamente lesiva para os galegos e galegas". Tamén o delegado do Goberno de España en Galicia, Javier Losada, ve neste debate "histórico para Galicia" un "compromiso cumprido do Executivo" de Sánchez e presenta os descontos xa orzamentados como inminentes.
Dende o outro grupo que sustenta o Goberno de España, Unidas Podemos, Antón Gómez-Reino, tamén sinala como "compromiso inédito" as partidas orzamentarias para descontos das peaxes, que "suporán un certo alivio para os petos de moitas galegas e galegos", se ben "en Unidas Podemos queremos chegar máis alá dunha solución provisional" e ir a outra "definitiva, que poña fin ao espolio de Audasa" e que "pasa pola transferencia" que agora se vota, mais tamén por que "sexa pública e de balde" para quen a utilice.