0 Gardados para despois

A vaga expansiva da corrupción tomba o Goberno de Rajoy e leva a Pedro Sánchez á presidencia

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Na noite do 19 de xuño de 2005 o ambiente na compostelá Praza da Quintana oscilaba entre a festa, os nervios e o medo abstracto. Os colectivos que impulsaran o proxecto Hai que botalos! a prol do cambio político en Galicia convocaran unha celebración ante a previsible perda da maioría absoluta por parte do PP de Manuel Fraga. O escrutinio das urnas indicara que a mudanza ía acontecer coa suma do PSdeG e do BNG, pero cun resultado tan axustado que podía variar cando se recontase o mal chamado voto emigrante, que daquela aínda chegaba en sacas descontroladas con tal volume que tiña a capacidade para mover escanos. Se un só cambiaba, Fraga seguía. Por iso había quen non se atrevía a celebrar nada.

Coas obvias diferenzas entre o contexto, o lugar, o clima político e os protagonistas, o ambiente que na mañá deste venres arrodeaba a segunda sesión do debate da moción de censura do PSOE ao Goberno de Mariano Rajoy era, en boa medida, semellante ao daquel 19 de xuño en Galicia. As intervencións da primeira xeira do debate auguraban a vaga expansiva da corrupción retratada na sentenza do caso Gürtel aglutinara votos dabondo para que Pedro Sánchez rematase a sesión como novo presidente do Goberno de España. Todos os grupos agás Ciudadanos, UPN e o propio PP avanzaran un "si" á censura dende cadansúas posturas. En total, 180 votos, dez máis que a última investidura de Rajoy.

Sobre o Congreso pairaban varias sombras; dende unha dimisión de Rajoy 'in extremis' que culminase a escena do restaurante ata un sorpresivo 'tamayazo'

Pero pouca xente se fiaba plenamente. Sobre o Congreso dos Deputados pairaban varias sombras. Dende unha dimisión de Rajoy in extremis que puxese o corolario ás oito horas de restaurante da tarde do xoves ata un sorpresivo tamayazo, en lembranza daqueles dous deputados tránsfugas que a comezos do século impediran á esquerda gobernar a Comunidad de Madrid e abriran as portas a outra era inzada de presuntas tramas corruptas, a do PP de Esperanza Aguirre.

O pleno decisivo comezou con Rajoy aínda ausente tras o episodio do restaurante e coa socialista Margarita Robles a evocar os anteriores cambios de Goberno en España protagonizados polo PSOE en circunstancias ben distintas. O espírito de "modernización" de González en 1982 e as mudanzas en clave social da primeira xeira de Zapatero foron lembradas por Robles entre apupos dun PP que evidenciaba abatemento e desconcerto mentres desempoaba as armas opositoras, aquelas da "traizón aos mortos" e da ruptura da unidade do Estado, entre outras. Agora, dixo Robles, non pode continuar a gobernar "un presidente que falte á verdade para tapar a corrupción" como, resaltou, quedou patente na sentenza da Gürtel que deu lugar á censura mesma. "Basta de tapar a corrupción", aseverou.

Rivera, tras dirixirse a Sánchez despois do triunfo da moción de censura / PSOE

A oposición da traizón aos mortos está de volta pero cunha novidade; o PP está doído co "hiperventilado" líder de Ciudadanos

Malia aos temores, o guión agardado cumpriuse. Tamén no que atinxiu á intervención do popular Rafael Hernando no nome do PP, centrada en especular sobre "obxectivos" ocultos de Pedro Sánchez para gobernar tras "perder as eleccións", dixo, situando en pé de igualdade a elección dun Executivo sen o grupo con máis escanos con "non aceptar o resultado das urnas", unha "fraude" sen "lexitimidade". Hernando negou a corrupción, que cinguiu a persoas concretas que xa non están no PP, e bosquexou un futuro relato de oposición conservadora baseado en "amizades" con "golpistas" cataláns, lembranzas dos anos previos ao golpe franquista e contactos do PSOE cos "antiguos amigos de la ETA".

Tamén o xuíz De Prada, do tribunal do caso Gürtel, ten amizades "proetarras", sentenciou Hernando con Rajoy aínda ausente. A oposición á traizón aos mortos en atentados terroristas está de volta pero cunha novidade; o PP está doído co "hiperventilado" líder de Ciudadanos, Albert Rivera. E Rajoy, augurou, será lembrado como un "gran" presidente.

O adeus de Rajoy

Rajoy recibiu dos seus tres desas longas ovacións de adeus: "Grazas e sorte, polo ben de España", despediuse"

Alén de evidenciar o carácter "constitucional" do mecanismo da moción de censura e que a "democracia parlamentaria" se basea na elección dos goberno nas Cámaras, Sánchez aproveitou o peche do debate para dirixirse ao Rajoy ausente como "ex-presidente" que conta con "todo o seu respecto" e ao "conxunto da Cámara" para augurar o inicio dun "novo tempo" no Estado. Foi neste punto no que apareceu Rajoy. Entre berros de "presidente, presidente" e dúas longas ovación da bancada popular. Unha desas ovacións de adeus.

O aínda líder do PP consumiu os seus derradeiros minutos presidenciais asumindo o resultado e adiantando os parabéns a Sánchez. Ao contrario que o seu voceiro, Rajoy evidenciou a súa "aceptación, como demócrata, do resultado da votación" que non "comparte". "Foi unha honra" e "pido desculpas" a quen puidese "ofender", sinalou un Rajoy abertamente abatido. "Grazas e sorte, polo ben de España", rematou antes de volver por vez derradeira á bancada azul e recibir outro deses aplausos. O definitivo.

A votación da mudanza

Contra as 11 da mañá comezou a votación da mudanza. Coa respiración contida na beira socialista do hemiciclo, fóronse sucedendo os "si" e "non" a viva voz, mesmo cun erro dun deputado do PP que corrixiu no instante. Non houbo sorpresa: 180 a prol, 169 en contra e unha abstención. Na fin da sesión, berros de "sí, se puede" na bancada de Unidos Podemos e bágoas dispares; de emoción entre membros do PSOE e de mágoa, no PP. Comeza un Goberno central aguilloado pola corrupción case unha década despois do estourido da Gürtel e sustentado nun apoio parlamentario tan plural como inédito.

A bancada do PSOE aplaude a Sánchez tras ser elixido presidente

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.