0 Gardados para despois

Gürtel tornou o ex-número tres do PPdeG no primeiro deputado da historia da autonomía galega encarcerado por corrupción

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


No marco das celebracións do seu trixésimo quinto aniversario o Parlamento de Galicia editou o pasado ano un libro conmemorativo con breves biografías de todos os deputados e deputadas da historia da autonomía. Nese case medio milleiro de perfís inclúese o de Pablo Crespo Sabarís, secretario de organización do PP galego de 1995 a 1999 e membro do lexislativo durante apenas nove meses, dende que foi elixido nas eleccións de outubro de 1997 como número cinco na candidatura dos populares por Pontevedra ata que foi remudado, no verán de 1998, pola actual responsable de Turismo de Galicia, Nava Castro. Crespo non pasará á historia polo seu practicamente inexistente labor parlamentario, senón por ser o primeiro membro do lexislativo galego que acabou encarcerado por delitos de corrupción.

O nome de Crespo regresou neste maio de 2018 aos titulares por mor da sentenza da peza central do caso Gürtel, na que foi condenado a 37 anos de prisión que se engaden aos 13 do primeiro ditame xudicial firme ligado á rede corrupta. A Audiencia Nacional considerouno culpable dun amplo catálogo de delitos como suborno, prevaricación, falsidade ou malversación como un dos máximos responsables do grupo empresarial liderado por Francisco Correa, ao que chegou xusto despois de abandonar en 1999 o que, de facto, era o terceiro posto en importancia no organigrama do PPdeG.

Pablo Crespo, que vén de sumar 37 anos ás súas condenas pola trama Gürtel, foi secretario de organización do PPdeG de 1995 a 1999 e membro do Consello de Portos de Galicia ata 2005

O que fora director de sucursal de Caixa Galicia en Vilagarcía de Arousa e presidente do PP local na vila do Salnés non se desvinculou, así e todo, totalmente das institucións galegas cando deixou de ser secretario de organización dos populares galegos nun contexto de enfrontamentos internos e contas turbias. Como recolle a devandita biografía parlamentaria -paradoxalmente ilustrada cunha imaxe de Crespo no banco dos acusados nunha das sesións do xuízo da Gürtel, a levar na súa lapela unha insignia moi semellante ao escudo da Cámara-, o considerado número dous da trama continuou como membro do Consello de Administración de Portos de Galicia, ente dependente da Consellería de Política Territorial ao que chegara en 1996 da man de Xosé Cuíña.

Crespo mantivo a súa condición de membro do Consello de Portos cando en xaneiro de 2003 Cuíña foi destituído como conselleiro e substituído por Alberto Núñez Feijóo, quen á súa vez encomendou a presidencia de Portos a quen despois foi alcalde da Coruña, Carlos Negreira. O 'xerente da Gürtel' non perdeu ese asento ata decembro de 2005, cando foi destituído polo Goberno de PSdeG e BNG xunto ao resto de representantes herdados do Executivo de Fraga. Tanto Feijóo como Negreira restáronlle importancia nos últimos anos a esa permanencia de Crespo en Portos, afirmando que non asistía ás xuntanzas do órgano reitor do ente público e mesmo asegurando que nin sequera o coñecían.

Outros membros da Cámara condenados

Barreiro encadrara a súa condena nunha "manobra" para "eliminalo" da vida política

Crespo, que coñeceu a súa nova condena no cárcere onde xa está a cumprir a anterior, é polo momento o primeiro e único membro da historia do lexislativo galego encarcerado por un caso de corrupción, pero non o único condenado. A principios da década dos 90 o Tribunal Supremo condenou por prevaricación a seis anos de inhabilitación o que fora vicepresidente con Alianza Popular e co tripartito, Xosé Luís Barreiro Rivas, revogando así a absolución que ditaminara a Audiencia da Coruña polo caso da concesión do que ía ser a lotaría galega. Barreiro Rivas, que xa non ocupaba cargos públicos cando a condena foi ratificada, encadrou a sentenza nunha "manobra" dos populares para "eliminalo" da vida política. O proceso xudicial partira dunha denuncia presentada por cargos do Goberno do ex-presidente Fernández Albor, entre eles Mariano Rajoy, no día antes da moción de censura que derrubaría o Goberno de Alianza Popular.

Cobián deixou o escano tras ser imputado e a sentenza do caso Campeón condenouno por tráfico de influencias

Máis recentemente, en 2017, outro ex-membro do Parlamento galego foi tamén condenado nun proceso xudicial contra a corrupción. Trátase do antigo deputado Pablo Cobián, membro da Cámara dende 2009 e ata 2011, cando se viu obrigado a dimitir pola súa imputación na trama Campeón. Segundo a sentenza, Cobián realizou "funcións de intermediación" entre o Instituto Galego de Promoción Económica, dependente da Xunta, e o considerado líder da trama, Jorge Dorribo, as cales resultaron "determinantes"  para a "obtención fraudulenta" dun préstamo público. Tras un acordo coa Fiscalía o ex-parlamentario foi condenado por tráfico de influencias a 8 meses de prisión, dous anos de inhabilitación de 45.000 euros de multa.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Toda a oposición galega esixe explicacións a Feijóo, que "apoia" a Rajoy porque "nunca serei un Xudas"

Villares, Leiceaga e Pontón, este luns en rolda de prensa / En Marea - PSdeG - BNG

D.L.

As tres forzas da oposición parlamentaria galega reiteraron este luns a necesidade de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ofreza explicacións adicionais á Cámara tras a dura sentenza do caso Gürtel. En Marea, PSdeG e BNG coinciden, alén de apoiar a moción de censura formulada polo Grupo Socialista no Congreso, en situar o PP galego entre os xermolos da trama corrupta mentres Feijóo se esforza en facer ver que non está a participar nunha operación interna para derrubar a Mariano Rajoy. É por iso que asinan unha petición conxunta de comparecencia do presidente.

Villares: "En materia de corrupción só hai dúas posicións: denunciar e calar de forma cómplice"

"Feijóo forma parte da dirección dun partido condenado por corrupción", pero tamén "formaba parte do goberno popular nos tempos de Crespo como alto cargo e durante o esplendor da trama Gürtel na dirección do PP de Galicia, e polo tanto ten moitas contas que render", resume dende En Marea o seu voceiro, Luís Villares. "En materia de corrupción só hai dúas posicións: a de quen a denuncia e a de quen cala de forma cómplice", por iso, resalta, a formación esixe a comparecencia do presidente ademais de formular medidas preventivas como a reclamación da posta en marcha en Galicia dunha Fiscalía Anticorrupción.

Leiceaga: "Aínda que ás veces pase por alto, o presidente da Xunta está na cúpula do PP"

Tamén o voceiro do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, resalta que "aínda que ás veces pase por alto, o presidente da Xunta está na cúpula do PP", ademais de evidenciar que "un dos principais protagonistas" da trama Gürtel "foi seretario de organización do PPdeG e ostentou cargos por designación directa desta comunidade autónoma ata 2005". Os socialistas, resalta, piden a comparecencia sen "desacartar outras opcións", como a "proposta dun pleno extraordinario" ao respecto.

Pontón: "A Gürtel nace en Galiza e aparece trufada de relacións co PPdeG"

Dende o BNG, alén de ver necesaria a comparecencia que xa reclamou a pasada semana, a súa portavoz nacional advirte do inicio dunha "ofensiva institucional" para que Feijóo dea contas sobre "a trama galega do caso Gürtel". "A Gürtel nace en Galiza e aparece trufada de relacións co PPdeG empezando por un dos cabecillas, Pablo Crespo", o mesmo que "en 2013 declaraba nun programa televisivo de máxima audiencia que o 65% do diñeiro das campañas do PP en Galiza era en negro", di en referencia á entrevista a Crespo no espazo Salvados, de laSexta.

Feijóo evoca a súa chegada ao liderado do PPdeG para reiterar que "vou apoiar o presidente Rajoy"

Neste sentido, Ana Pontón resalta que o Bloque solicitará que o Consello de Contas "investigue os 2.500 contratos da Xunta coas 16 empresas citadas polo ex-tesoureiro Bárcenas" no seu relato das doazóns e do funcionamento da caixa B do PP, que o tribunal da Gürtel dá por acreditada. Cómpre tamén, ao seu xuízo, un "pleno monográfico" para que Feijóo "explique a corrupción do seu partido e as derivadas da trama en Galiza" sen quedar na "pouca vergoña" de "pretender despachar a condena por corrupción limitándose a dicir que Bárcenas non foi un tesoureiro moi exemploar e iso puido contaminar o PP".

Diante destas esixencias de explicacións e esixencias de remuda no Goberno de España o presidente da Xunta só dá en admitir que o PP debe pedir "desculpas" polos casos de corrupción, pero sempre dende o "apoio" a Mariano Rajoy. Así, despois de que un colaborador de El Confidencial apuntase a conversas de Feijóo con diferentes líderes territoriais do seu partido para preparar un eventual intento de facerse co liderado estatal, o titular da Xunta evoca o discurso co que tomou posesión da presidencia do PPdeG en 2006 para afirmar que, igual que daquela "viña dicir que eu nunca sería un Xudas", esa aifrmación "segue estando plenamente vixente" e por iso "vou apoiar o presidente Rajoy".