0 Gardados para despois

Primeira sentenza da Gürtel: 13 anos de cadea para Pablo Crespo, ex-número 3 do PP en Galicia

Voro Maroto


Praza PúblicaPraza Pública | @prazapublica


É tan só a primeira pero Pablo Crespo terá que volver á cadea. O Tribunal Superior de Xustiza da Comunitat Valenciana vén de condenar a 13 anos de prisión os líderes da trama Gürtel, Francisco Correa, Álvaro Pérez El Bigotes e o ex-secretario de Organización do PP. Todos eles por delitos de malversación de diñeiro público, suborno, falsidade, tráfico de influencias e asociación ilícita. 

Correa, o 'Bigotes' e Crespo son condenados por malversación de diñeiro público, suborno, falsidade, tráfico de influencias e asociación ilícita

Condénase ademais a 9 anos a unha ex-consellera do PP, Milagrosa Martínez, pola operación na que concederon de xeito irregular varias adxudicacións da Generalitat entre 2004 e 2009, cando o PP gobernaba esta autonomía, a unha empresa desta trama. O xefe de gabinete de Martínez, Rafael Betoret, que xa fora condenado no caso dos traxes no que Francisco Camps fora absolto, foi castigado a seis anos de cadea, mentres que outra ex-consellera de Turismo, Angélica Such, tfoi absolta, ao igual que o ex-xefe xurídico da Agencia Valenciana de Turismo, Juan Bover. 

A Fiscalía Anticorrupción solicitou que os líderes da trama corrupta ingresen xa na cadea

A Fiscalía Anticorrupción xa pediu que se execute a sentenza contra os líderes da trama e que ingresen os tres en prisión as penas. Fíxoo ao pouco de coñecerse o ditame e serán os días 14 e 15 cando o tribunal, logo dunha vistilla, se pronuncia sobre esta reclamación. Así, o tribunal da Audiencia Nacional que xulga a primeira época da Gürtel na Audiencia Nacional xa suspendeu a sesión do martes á espera da decisión. No caso de que entren na cadea, Correa, Crespo e El Bigotes terían que ir ás sesións do xuízo en furgón desde o cárcere. 

A condena limítase ao caso da adxudicación irregular á trama Gürtel dos traballos do pavillón do Goberno valenciano en Fitur

En total, 11 dos 13 encausados nesta primeira condena limitada á Comunitat Valenciana foron condenados nunha sentenza notificada a primeira hora deste venres. Investigaba o tribunal se a Generalitat, tal e como defendía a Fiscalía, adxudicara de maneira irregular entre 2005 e 2009 a Orange Market, unha empresa da trama Gürtel, os traballos do pavillón valenciano en Fitur. 

Segundo a acusación pública, fíxoo malia a falta de experiencia da compañía, dos seus prezos -case sempre os máis caros- e de que a xustificación dos traballos facíanse alegando tarefas non feitas ou directamente facturas falsas. Orange Market facturou 5 millóns de euros só cos seus encargos para Fitur. Precisamente, o ditame chega un día despois de que varios empresarios, contratistas habituais da Administración, recoñecesen que financiaron ilegalmente o PP valenciano. 

Pablo Crespo fo secretario de Organización do PP durante case unhah década e conselleiro do Portos de Galicia entre 2003 e 2005

A sentenza, que xulga feitos cometidos desde 2005, tardou dez meses en redactarse desde a conclusión do xuízo e fontes xudiciais confirman que condicionará a estratexia de defensa de Correa e os seus achegados no resto das causas xudiciais da Gürtel. 

É esta a primeira condena para Pablo Crespo, un dos grandes líderes da gran trama corrupta vinculada ao PP e que xa anunciou que a recorrería. Este ex-director de sucursal de Caixa Galicia en Vilagarcía de Arousa foi número 3 do PPdeG e exerceu durante case unha década como como secretario de Organización dos populares galegos, entre 1995 e 2003. Foi neste último ano, logo da dimisión de Xosé Cuíña como secretario xeral do PP galego, cando Xesús Palmou o relevou, pero acabou como conselleiro de Portos de Galicia (2003-2005), sendo o actual presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, conselleiro de Política Territorial e até que o goberno bipartito accedeu a San Caetano. 

Durante a súa etapa no PPdeG foi un home discreto, pero todo o mundo sabía do seu poder: era o home do maletín nunha época na que circulaban moreas de lendas sobre o financiamento irregular do partido. 

 

Discreto home do maletín no PPdeG

Pasou máis dunha década e tres anos de cárcere para que Crespo, acusado dunha lista interminable de delitos como un dos xefes de Gürtel, develase os segredos económicos do PP de Fraga en 2013 a Jordi Évole no programa Salvados: "Declarabamos que nas campañas se gastaban 1,2 millóns de euros, cando en realidade custaban tres ou catro. Recibía doazóns que non se declaraban. Cada ano, polo menos uns 300.000 euros, o cal se incrementaba moitísimo en campaña. Entre un 35% do diñeiro era regular e o 65% era irregular, non declarado, por así dicilo. Metíase nuns cartafois de cartón azul con gomas que había hai anos. Era diñeiro non declarado. Era parte do meu traballo, eu tiña que coidar que esas doazóns que chegaban non se perdesen polo camiño. A organización por dentro funcionaba así e até hai pouco seguía facéndoo. O meu traballo era conservar a estrutura aboiando, que a xente cobrase a fin de mes e os provedores cobrasen a fin de mes. Eu era consciente de que eran métodos irregulares".

En 2013 revelou os segredos económicos do PPdeG: "Entre un 35% do diñeiro era regular e o 65% era irregular, non declarado"

Nunha entrevista de hai case catro anos, recoñecía tamén que "no PPdeG era normal recibir doazóns en metálico". "É certo que eu lle entreguei, no meu papel de secretario de Organización do partido, 21 millóns de pesetas ao tesoureiro nacional do PP, concretamente a Álvaro Lapuerta", dicía. E así o deixou escrito Luis Bárcenas  nos seus famosos papeis. 

Porque esta primeira condena é a menor. No caso que leva a Audiencia Nacional, a Fiscalía pídelle 85 anos de cárcere por unha morea interminable de delitos: "fraude continuada ás Administracións Públicas, suborno activo continuado, falsidade continuada, malversación de caudais públicos continuada, delito continuado de malversación en concurso con delito de prevaricación continuada, delito contra a Facenda Pública polo concepto de IRPF de 2003 e 2004, branqueo de capitais, tráfico de influencias continuado, delito continuado de fraudes e exacciones ilegais ás Administracións". Foi, ademais, durante ese xuízo onde ratificou as débedas que o PPdeG mantiña coa Gürtel e asumiu que a trama reclamou a Fraga unha débeda por campañas electorais de 1999 e 2001. 

A Fiscalía aínda lle pide 85 anos de cárcere por unha morea interminable de delitos no caso da Gürtel que leva a Audiencia Nacional

Rematadas as guerras fratricidas no PPdeG, tan só un pequeno círculo de dirixentes están convencidos de que Crespo podería aínda contar máis. Por exemplo, os sobresoldos que recoñeceu pagar a varios políticos do PP galego "co coñecemento da dirección do partido", cando Rajoy era secretario xeral. Pero polo momento, decidiu calar.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Feijóo cre que a sentenza é "especialmente boa para o PP" e que "hai que varrer en moitos sitios"

Alberto Núñez Feijóo asegurou este venres logo de coñecer a condena aos líderes da trama Gürtel por amañar contratos de Fitur coa Generalitat valenciana, entre os que se atopa o ex-número tres do PPdeG Pablo Crespo, que a sentenza é "boa para a democracia e para todos os partidos, moi especialmente para o PP"

A sentenza é "boa para a democracia e para todos os partidos, moi especialmente para o PP"

O presidente da Xunta de Galicia, logo dunha xuntanza mantida coa alcaldesa de Lugo, celebrou que se vaia aclarando o alcance "desas condutas irregulares". Con todo, e preguntado sobre se considera que hai moito que varrer dentro das filas do Partido Popular, Feijóo expresou a súa "sensación" de que "hai que varrer en moitos sitios". 

Pola súa banda, o vicesecretario de Organización do PP, Fernando Martínez-Maillo, cre que a sentenza demostra que "a Xustiza funciona é independente e o que a fai págaa". "Só podemos respectar a decisións dos tribunais", asegurou. 

Unha organización creada para manipular concursos públicos

A primeira sentenza da Gürtel, de 558 folios, é demoledora. Segundo o trbunal, o grupo de empresas de Correa e Crespo era unha organización empresarial creada ex profeso para manipular concursos públicos e participar activamente no cambio das condicións esixidas aos adxudicatarios. Aínda máis, as mercantís de Correa -Orange Market e demais- carecían de medios persoais e materiais para executar eses traballos, que se limitaban a subcontratar a terceiros.

As empresas do grupo carecían de medios persoais e materiais para executar os traballos, que se limitaban a subcontratar a terceiros

Así, sen apenas estrutura e grazas ás súas conexións co poder, obtiñan un enriquecemento irregular ao lucrarse cunhas marxes de beneficio desproporcionadas, duplicando partidas ou facturando gastos inexistentes, di o tribunal. Varios organismos da Generalitat - Agencia Valenciana de Turismo, Conselleria de Turismo, Conselleria de Territorio e Vivenda e Conselleria de Infraestruturas e Transporte- non só non controlaban os custos, senón que alteraron os criterios de adxudicación dos contratos para beneficio irregular das empresas de Correa.

Estes beneficios eran estratosféricos. Na edición de Fitur de 2005, "facturaron á Administración Pública valenciana por un total de 1.772.636,08 euros" que produciron "un beneficio de 523.906,93 euros", di o ditame. Os custos xustificáronse con facturas que incluían "partidas inexistentes ou duplicadas" "por un importe total de 257.540,07euros".

As empresas da Gürtel tiñan, di a sentenza, información privilexiada, coñecían por anticipado as condicións dos contratos públicos e en moitos casos conseguían modificar estes á súa conveniencia coa conivencia da Generalitat. Isabel Jordán (seis anos), Mónica Magariños (catro) e Cándido Herrero (tres), traballadores das empresas da Gürtel, tamén foron condenados por asociación ilícita e prevaricación administrativa.