Corenta anos de AP-9: da denuncia da navallada á espera pola transferencia

O presidente preautonómico Rosón inaugura a AP-9, primeiros vehículos circulando e obras da autoestrada en Pontevedra e Santiago © Imaxes de TVE (27/4/1979) e do documental de Llorenç Soler sobre as mobilizacións contra a construción da AP-9

Ás cinco da tarde do 27 de abril de 1979, hai hoxe corenta anos, un vehículo conducido polo profesor padronés Francisco Mene acompañado pola súa dona, Mercedes Nistal, e varios parentes, atravesaba a peaxe da Autoestrada do Atlántico situada en San Lázaro (Santiago). O seu Seat 1430 foi o primeiro en pasar a barreira para transitar polos primeiros 63 quilómetros que discorrían en dirección norte, ata A Barcala; non tivo que pagar as 80 pesetas -uns 50 céntimos actuais, ao cambio- da peaxe e mesmo recibiu algúns agasallos de Audasa. O percorrido de hora e media pasaba a ser de apenas corenta minutos.

A inauguración do primeiro treito da AP-9 aquel 27 de abril de 1979 chegaba tras o primeiro remate dunhas obras acompañadas de forte controversia social, reflectida no documental de Llorenç Soler 'Autopista, unha navallada á nosa terra'

Como amosan as imaxes recuperadas esta semana por TVE, o presidente da Xunta preautonómica, Antonio Rosón, fora o encargado de cortar a cinta inaugural da primeira parte rematada nunhas obras acompañadas pola controversia e o forte rexeitamento social. Dous anos antes o documental Autopista, unha navallada á nosa terra do realizador e activista catalán Llorenç Soler, reflectira a intensa loita agrupada en torno á Coordinadora Nacional de Afectados pola Autopista do Atlántico

Naquela coordinadora confluían reivindicacións moi diversas. Dende as alertas do impacto ambiental das obras da autoestrada ata o rexeitamento ás baixas compensacións polas expropiacións. Tamén fortes protestas contra a división de leiras e núcleos de poboación e reflexións máis de fondo: a navallada era física pero, sobre todo, socioeconómica; ía contribuír a concentrar definitivamente a riqueza e o dinamismo económico e demográfica do país na súa fachada atlántica, como finalmente sucedeu.

Os bancos que lograran a concesión do goberno franquista non deron feito rendible o proxecto e en 1984 a autoestrada foi rescatada polo Estado, que aplicou a primeira prolongación da concesión

Na concesión aprobada polo goberno franquista reunido no Pazo de Meirás en agosto de 1973 había moitos intereses en xogo. Os dos bancos concesionarios -Hispano Americano, Pastor, Banco del Noroeste, Banco de Bilbao, Banco Atlántico e Unión Industrial Bancaria-, os dalgunhas das caixas galegas da época -Vigo, Pontevedra e Santiago- e mesmo os dalgúns medios de comunicación que cargaban abertamente contra as protestas veciñais, como lembraba Vieiros hai unha década

Pero todos aqueles intereses económicos xuntos non deron feito rendible o seu proxecto en plena vaga expansiva da crise do petróleo de finais dos 70. En 1984, ano no que tras múltiples atrasos como os do tramo da ponte de Rande foi inaugurado o da Barcala á Coruña, Autopista del Atlántico Concesionaria Española, S.A., acabou sendo rescatada polo Estado. Naquela operación a concesión foi estendida dez anos, ata 2023.

O Goberno de Aznar vendeu a AP-9 en 2003

Así, como empresa pública, Audasa foi construíndo todos os seguintes tramos da AP-9 ata finais dos anos 90, cando o accidente do Discoverer Enterprise que impactou contra a ponte das Pías e deixou illada a cidade de Ferrol impulsou o Goberno de Aznar a encargarlle á Empresa Nacional de Autopistas (ENA), grupo público no que se integraba Audasa, ampliar a AP-9 ata Ferrol. Como contrapartida, a concesión quedaba ampliada ata 2048. Apenas tres anos despois, o mesmo Goberno vendeu ENA con Audasa dentro e o rendible negocio da AP-9 pasou a ser privado.

Catro décadas despois a AP-9 é un lucrativo negocio cuxos beneficios reverten nunha arañeira internacional de compañías mentres, no ámbito político, continúa a espera polo traspaso de competencias á Xunta

Catro décadas despois a AP-9 segue a ser un lucrativo negocio cuxos cuantiosos beneficios -40 millóns de euros, no último ano completo coñecido- reverten nunha arañeira internacional de empresas privadas sen máis vínculo galego que o territorio polo que transcorre a autoestrada. Tras as baixadas dos peores anos da crise a Autoestrada do Atlántico gaña tráfico de maneira sostida dende hai cinco anos malia ás repetidas e controvertidas subas de peaxe e malia ser sinalada polo Estado formalmente polo seu "enriquecemento inxusto".

Mentres, no ámbito político, o eterno debate sobre a transferencia de competencias da AP-9 á Xunta avanzou un chisco nos últimos meses coa súa aprobación inicial no Congreso a finais de 2018. O asunto, non obstante, estará nas mans do Goberno que saia das urnas este 28 de abril.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.