En 2017 o ministerio reduciu unilateralmente á metade a compensación que viña pagando á concesionaria pola supresión do cobro acordada en 2006 e o preito está pendente de resolución xudicial
En xullo de 2017 o Ministerio de Fomento reduciu á metade (de 12 a 6 millóns) de xeito unilateral a compensación que a medias coa Xunta viña pagando a Audasa pola supresión das peaxes nos treitos Vigo-O Morrazo e A Coruña-A Barcala acordada en 2006. Un dos argumentos que esgrimía o ministerio era que esa supresión provocara un efecto chamada, un aumento do tráfico entre Vigo e O Morrazo moi superior ao experimentado no resto da AP-9, e que iso lle estaba a supoñer á concesionaria un “enriquecemento inxusto” a cargo das arcas públicas que asumiran esas peaxes liberadas. A proposta que fixo Audasa fonte a esa acusación foi “que se restablecera a peaxe”.
Aquela decisión de Fomento de modificar o sistema de cálculo da súa compensación a Audasa pola supresión das peaxes do Morrazo e A Barcala foi precedida dun longo intercambio de argumentos entre as partes do que dá conta o Consejo de Estado no informe co que finalmente avalou a postura do ministerio. Nese ditame o órgano consultivo, presidido polo ex-conselleiro e ex-ministro galego José Manuel Romay Beccaría, reflicte como Fomento someteu a consulta a súa proposta de modificación da compensación a Audasa en novembro de 2015 e un mes despois chegaba a resposta da concesionaria.
Ante a intención de Fomento, logo confirmada, de reducirlle a compensación, a empresa ofreceuse “para analizar coa Administración as medidas que podían adoptarse a fin de evitar que, ao amparo da gratuidade do recorrido O Morrazo-Vigo e inverso, puideran aproveitarse usuarios en prexuízo da Administración pública e da sociedade concesionaria”
Na súa proposta, Fomento pasou a ter en conta para calcular a compensación a Audasa o modesto incremento xeral do tráfico experimentado en toda a autoestrada, fronte ao incremento moito maior rexistrado xusto nos treitos en cuestión polo feito de estar liberados de peaxe, a xeito de efecto chamada. A resposta de Audasa, segundo reflicte o informe do Consejo de Estado, foi ofrecerse “para analizar coa Administración as medidas que podían adoptarse a fin de evitar que, ao amparo da gratuidade do recorrido O Morrazo-Vigo e inverso, puideran aproveitarse usuarios en prexuízo da Administración pública e da sociedade concesionaria”. E engadía o órgano consultivo que a empresa “propuña, como alternativa, que se restablecera a peaxe nos percorridos afectados”. Aquelo non pasou e a peaxe entre Vigo e O Morrazo segue a estar liberada.
O Consejo de Estado avalou finalmente en xuño de 2017 a modificación unilateral imposta por Fomento, que un mes máis tarde a publicou no BOE e pasou a asumir en solitario a metade da compensación a Audasa que antes pagaba a medias coa Xunta (de 12 a 6 millóns). A concesionaria, pola súa parte, recorreu ante a xustiza, que está pendente de emitir a súa resolución ao respecto. Ese preito fai que agora o Goberno galego dea por feito que Audasa tamén recorrería xudicialmente se Fomento aceptase a proposta da Xunta de volver modificarlle unilaterlamente á concesionaria o acordo polo que as obras de ampliación da ponte de Rande se pagarán con aumentos das peaxes.