A Xunta pide pagar a ampliación de Rande con fondos estatais e non con peaxes aínda que Audasa denuncie

Carril ampliado da ponte de Rande CC-BY-SA Praza Pública

O Goberno galego reclama ao central 53 millóns ao ano durante cinco anos para pagar a obra e outros 13 millóns anuais para rebaixar as viaxes de ida e volta

Xunto coa transferencia da titularidade da AP-9 a Galicia, paralizada novamente pola disolución das Cortes, a estratexia de reclamacións da Xunta sobre a autoestrada vén de engadir unha nova baza negociadora que o Goberno galego asegura que impulsará goberne quen goberne en Madrid tras as próximas eleccións xerais. A Xunta pedirá formalmente que o custo da ampliación da ponte de Rande sexa asumido por Fomento directamente con cargo aos orzamentos do Estado pagando 53 millóns ao ano durante cinco anos, e non a través da suba xa en vigor dun 1% anual das peaxes de toda a autoestrada durante 20 anos. O Goberno galego asume que Audasa rexeitaría esa proposta e levaría a Fomento aos tribunais.

O pasado mércores, antes de que fracasase a votación dos orzamentos do Estado que abocou á convocatoria de eleccións xerais, o presidente Feijóo avanzou no Parlamento de Galicia unha proposta que este luns, xa con data para os comicios, foi detallada pola conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez. A Xunta argumenta que o modelo de pagamento da ampliación da ponte de Rande decidido en 2011 polo PSOE aumentando as peaxes de toda a autoestrada un 1% anual durante 20 anos suporá un total de máis de 1.400 millóns de euros en todo ese período para unha obra que cuantifica en 223 millóns. Así que o que propón agora é que Fomento pague esa contía directamente a razón de 53 millóns ao ano durante cinco anos. 

Cabinas de peaxe da AP-9 © Google

Segundo a conselleira, estas propostas veñen sendo estudadas pola Xunta desde hai meses e serán defendidas goberne quen goberne tras as eleccións xerais e de xeito paralelo á negociación pola transferencia da titularidade da AP-9

Esa proposta suporía dar marcha atrás ao acordo xa asinado por Fomento con Audasa, que vería reducirse os seus beneficios, polo que o Goberno galego xa asume que a empresa recorrería ante os tribunais. Xa o fixo, nun preito aínda pendente de resolución, cando hai un par de anos Fomento decidiu modificar outro acordo asinado en 2006 coa concesionaria para liberar de peaxe os treitos do Morrazo e A Barcala por considerar que a empresa estaba a obter un “enriquecemento inxusto” co modelo de cálculo e llo reduciu á metade. 

A Xunta tamén reclama que Fomento poña outros 13 millóns de euros ao ano para rebaixar as peaxes dos usuarios frecuentes en toda a autoestrada. Actualmente, Audasa ofrece unha rebaixa do 25% na viaxe de volta aos usuarios que a fagan no mesmo día laborable e con telepeaxe. A proposta do Goberno galego é dun 25% de desconto tamén na viaxe de ida, calquera día da semana e tamén para os vehículos pesados. 

Segundo a conselleira, estas propostas veñen sendo estudadas pola Xunta desde hai meses e serán defendidas ante Madrid goberne quen goberne tras as eleccións xerais e de xeito paralelo á negociación pola transferencia da titularidade da AP-9.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.