O sistema de cálculo polo que o Ministerio de Fomento e a Xunta veñen aboando desde 2006 as peaxes de todos os vehículos que empregan a autoestrada AP-9 nos treitos Vigo-O Morrazo e A Coruña-A Barcala é “prexudicial para as administracións implicadas, e ven supondo un certo enriquecemento inxusto para a sociedade concesionaria”, Audasa. Así o di Fomento no Boletín Oficial del Estado (BOE) deste sábado, no que publica o Real Decreto co que modifica ese sistema de cálculo para pagar menos e asume en solitario esas peaxes liberando así á Xunta de ter que achegar a metade do custo, que agora será menor.
O ministerio, que asume o pagamento en solitario, muda o sistema de cálculo co que desde 2006 viña asumindo a gratuidade a medias coa Xunta por “prexudicial para as administracións”, pero non indica desde cando nin en que cantidade
A gratuidade das circulacións pola AP-9 nos treitos da ponte de Rande e A Barcala foi asumida en 2006 polo daquela Goberno central do PSOE a medias co bipartito da Xunta. As dúas administracións decidiron pagarlle a Audasa por cada vehículo que circula por eses treitos a cambio de que non o tivesen que facer os usuarios. Desde que se liberaron de peaxe para os condutores eses treitos, o tráfico por eles incrementouse en maior medida que no resto da autoestrada, “polo que os importes abonados pola Administración Xeral do Estado e a Xunta de Galicia en concepto de compensación difiren substancialmente dos que percibiría a sociedade concesionaria de non adoptarse a citada medida”, di Fomento no BOE. Isto é, o incremento de tráfico que provocou esa liberación de peaxes para os condutores fixo que nestes anos os ingresos de Audasa pola compensación que recibe da Administración se incrementasen moito máis do que o farían se eses ingresos dependesen da peaxe que lle pagase cada usuario. Isto, di agora Fomento, é “prexudicial para as administracións implicadas, e ven supondo un certo enriquecemento inxusto para a sociedade concesionaria”.
Agora fomento terá en conta á hora de pagar a Audasa polos tráficos de Rande e A Barcala o incremento xeral de tráfico experimentado en toda a autoestrada pero non o incremento moito maior rexistrado xusto neses treitos polo feito de estar liberados de peaxe
Así que a partir de agora Fomento, que asumirá en solitario eses pagamentos liberando á Xunta da súa metade, implantará un novo sistema de cálculo que terá en conta como factor de corrección “a variación dos ingresos de peaxe do resto de percorridos da autoestrada [...] respecto aos obtidos en 2005”. Isto é, Fomento deixará de pagar por eses vehículos a maiores que decidiron comezar a empregar a AP-9 para eses traxectos porque agora sexan libres de peaxe. O ministerio terá en conta á hora de pagar a Audasa polos tráficos de Rande e A Barcala o incremento xeral de tráfico experimentado en toda a autoestrada pero non o incremento moito maior experimentado xusto neses treitos por estar liberados de peaxe.
Os gobernos de PSOE e PP en España mantiveron este sistema cadanseus 5 anos; en Galicia o bipartito conviviu con el de 2006 a comezos de 2009 e o Executivo conservador, durante os últimos 8 anos
Porén, no Real Decreto publicado este sábado no BOE non se indica desde cando nin en que medida ese sistema de cálculo implantado en 2006 é “prexudicial para as administracións” e está a enriquecer de xeito “inxusto” a Audasa. O que se sabe polos orzamentos públicos é que tanto Xunta como Fomento veñen pagándolle cada unha máis de seis millóns de euros ao ano. Durante estes anos, este sistema "inxusto" para os fondos públicos foi mantido o mesmo tempo, máis de cinco anos cada un, polos Gobernos de España do PSOE e do PP, que agora o modifica. En Galicia o sistema conviviu dous anos co bipartito e 9 co PPdeG.
O Real Decreto tamén modifica os prazos de pagamento a Audasa, que ata agora eran anuais e implicaban tamén un maior custo ás arcas públicas. “A fin de reducir o custo dos xuros que implica o pagamento anual da compensación, inclúese a posibilidade de efectuar os pagamentos trimestralmente, de tal xeito que non se xeren xuros de demora se se abonan as cantidades no prazo acordado desde a súa facturación”, di o BOE.
Feijóo rexeitaba a titularidade da autoestrada se implicaba asumir a outra metade desas peaxes que pagaba Fomento, pero o ministerio di que co novo sistema de cálculo terá que aboar menos el só que o que prevía en 2006 cando acordou pagar a medias coa Xunta
Esta asunción por parte de Fomento da totalidade das peaxes de Rande e A Barcala, liberando así á Xunta de asumir a metade, como viña facendo desde 2006, vén sendo presentada polo presidente Feijóo como un logro persoal a cambio do ao seu ver mal menor de non lograr a transferencia a Galicia da titularidade da autoestrada, como reclama de xeito unánime a Cámara autonómica. Feijóo chegou a dicir que non quería asumir a titularidade da AP-9 se iso implicaba que Fomento se desentendese de pagar a súa metade das peaxes e a Xunta tivese que aboar o dobre. Porén, a argumentación que emprega agora Fomento no BOE para asumir en solitario o pagamento das peaxes evidencia que co novo sistema de cálculo non vai ter que gastar o dobre polo feito de que a Xunta deixe de achegar a súa metade. “Os novos importes de compensación calculados [co novo sistema] son inferiores aos compromisos de gasto autorizados [en 2006], o cal permite e motiva que a Administración Xeral do Estado asuma por completo o financiamento”.