As Cortes Xerais disolveranse en pouco máis de dúas semanas, tempo insuficiente para que rematen os traballos parlamentarios pendentes
A data do 28 de abril elixida por Pedro Sánchez para celebrar as eleccións xerais implica que as Cortes, segundo os prazos legalmente establecidos, serán disoltas 54 días antes, o 5 de marzo. Iso deixa pouco máis de dúas semanas de lexislatura por diante, tempo insuficiente para que remate a tramitación de dúas das iniciativas parlamentarias máis relevantes que tiña abertas Galicia no Congreso, o traspaso da AP-9 e a comisión de investigación sobre o accidente de Angrois.
No caso da AP-9, a iniciativa para o seu traspaso a Galicia xa viña herdada da anterior lexislatura e agora volverá quedar pendente para a seguinte. Esta mesma semana o presidente Feijóo reiterou que os populares galegos intentarán emendar o texto da transferencia antes da súa votación, o que dilatará novamente o debate. En todo caso, este non volvería darse ata que así o decida a Mesa do Congreso, como pasou nesta lexislatura, na que o PP e a presidenta da Cámara, Ana Pastor, a bloquearon en varias ocasións.
Despois de tres lexislaturas, e cinco anos e medio despois do accidente, a investigación política do mesmo queda sen conclusións
Canto á comisión de investigación sobre o accidente de Angrois, que as vítimas reclamaron desde poucos meses despois do sinistro, PP e PSOE bloqueárona ata que a volta de Pedro Sánchez á secretaría xeral dos socialistas fixo que estes cambiasen de postura e deixasen de vetala a mediados de 2017, catro anos despois do accidente. Porén, desde aquel momento outros obstáculos impostos por socialistas e populares impediron que as comparecencias comezasen ata o pasado xullo. Estas remataron o pasado luns, coas intervencións dos ex-ministros José Blanco e Ana Pastor, pero está pendente unha posible nova comparecencia a porta pechada das vítimas ante os portavoces dos partidos e, despois, a elaboración das conclusións e as negociacións sobre as mesmas entre todas as formacións, para o que xa non queda tempo antes da disolución das Cortes. Con ela, a comisión de investigación darase tamén por rematada, sen conclusións, que só poderían retomarse se así o decide o próximo Congreso dos Deputados.
Ademais destas dúas cuestións pendentes no Congreso con incidencia directa en Galicia, o desencadeante da actual convocatoria, o fracaso dos orzamentos estatais para 2019 presentados polo Goberno de Sánchez, fará que sigan en vigor, prorrogados, os orzamentos de 2018, que permitirán que sigan avanzando as actuacións xa en marcha que neles tiñan partidas. A nivel estatal, moitas outras medidas quedan no aire á espera do que o Goberno poida aprobar por decreto nas dúas próximas semanas.