O socialista di que só se arrepinte de non aceptar antes a comisión de investigación e pide desculpas ás vítimas se iso lles engadiu máis dor, mentres que a popular admite que o seu trato aos afectados puido ser mellor e negou ter obstaculizado as investigacións
“Foron debates no ámbito técnico” ou “esa é unha decisión técnica”. Esas foron as respostas que ofreceron este luns os ex-ministros de Fomento José Blanco e Ana Pastor ás preguntas que se lles formularon no Congreso sobre as eivas de seguridade xa constatadas na instrución xudicial do accidente do tren Alvia en Angrois do 24 de xullo de 2013 no que morreron 80 persoas. Alí, na comisión de investigación política sobre o sinistro, o socialista dixo que só se arrepinte de non aceptar antes ese foro de análise político e pediu desculpas ás vítimas, que o viñan reclamando, por se iso lles engadiu máis dor. A popular, pola súa banda, admitiu que o seu trato aos afectados puido ser mellor e negou ter obstaculizado as investigacións.
O socialista Blanco estaba no cargo cando se inaugurou a liña de AVE Ourense-Santiago na que ocorreu o accidente con menos seguridade da inicialmente prevista, mentres que a popular Pastor puxo en servizo nela os trens Alvia dos que aos poucos días se desconectou o sistema de control da velocidade, decisións nas que as vítimas querían coñecer o papel xogado polos daquela ministros. Ademais, Pastor é cuestionada tamén polos afectados polos obstáculos postos por Adif e Renfe ás investigacións posteriores sobre o sinistro.
A comparecencia de Blanco e Pastor no Congreso prodúcese dous meses despois de que o xuíz instrutor da causa penal propuxese, co apoio posterior do fiscal, dar por rematada esa investigación e xulgar ao maquinista do tren, Francisco José Garzón, e a un ex-director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, por delitos de homicidio por imprudencia grave profesional, no primeiro caso por despistarse e non frear a tempo o tren Alvia antes da curva de Angrois, na que descarrilou, e no segundo por non habilitar medidas que evitasen ese previsible erro humano. Nas súas comparecencias tanto no xulgado como no Congreso o pasado outubro, Cortabitarte, en cargos de libre designación con PSOE e PP, sempre negou recibir presións políticas para tomar as decisións que tomou, pero estaba por saber cantos detalles coñecían Blanco e Pastor sobre esas decisións. Os dous insistiron en que descoñecían as decisións técnicas que tomaban cargos intermedios de Adif e Renfe que seguiron nos seus postos con un e outro goberno.
José Blanco
Blanco pide desculpas ás vítimas por se o bloqueo durante catro anos da comisión de investigación puido incrementar a súa dor
O primeiro en intervir este luns foi Blanco, quen comezou a súa intervención inicial explicando por que está en contra de comisións de investigación políticas como esta mentres estea aberta unha instrución xudicial, e salientou que ese é o criterio no Parlamento Europeo. Porén, engadiu que co tempo, ao ver que esa postura era interpretada como un intento de encubrir feitos ou dificultar a súa investigación, arrepentiuse. Foi nese punto cando o socialista, que xa se reunira con afectados en novembro de 2015 en Bruxelas, pediu “desculpas” ás vítimas por se esa negativa á comisión de investigación puido incrementar a súa dor. Tamén negou que esa postura súa se debese a ningún tipo de estratexia para promover un relato concreto sobre o sinistro, en referencia aos focos que desde o primeiro momento se puxo sobre o maquinista do Alvia.
Nesa liña, Blanco centrou a súa intervención inicial en desmentir varias das acusacións que desde distintos ámbitos se lanzaron contra el nos últimos anos. En particular, o socialista negou que houbese présa por inaugurar a liña Ourense-Santiago ante a proximidade das eleccións xerais de finais de 2011. Blanco lembrou que xa en xullo de 2009 Fomento acordara coa Xunta a súa posta en servizo a finais de 2011. Ese ano, en xuño, antes de que se soubera a data concreta dos comicios, Fomento xa anunciara que a liña se abriría a comezos de decembro, o que finalmente ocorreu tres semanas despois das eleccións do 20 de novembro que apartou o PSOE do Goberno central e que fixo que Blanco actuase xa na inauguración como ministro en funcións. “Non me apetecía nada aquel acto despois de perder as eleccións”, chegou a dicir Blanco.
Ante as críticas sobre posibles présas por inaugurar a liña, Blanco, que xa era ministro en funcións, dixo que o PP autorizouno a facelo na data prevista
Este luns Blanco achegou ao respecto unha información descoñecida ata agora. Segundo dixo, tras perder as eleccións, consultou na comisión encargada do traspaso de poderes entre socialistas e populares se debía seguir adiante coas inauguracións xa previstas. Blanco di que, así como os populares lle impediron seguir adxudicando novos contratos, permitíronlle seguir con esa inauguración.
Sobre os cambios que houbo no proxecto orixinal para operar o treito Ourense-Santiago en ancho ibérico e non no ancho internacional do resto do AVE, que acabaron afectando á configuración dos sistemas seguridade na curva de Angrois, Blanco dixo que ademais desa modificación concreta houbo moitas máis en toda a liña e que todas elas supuxeron atrasos nas obras, non adiantos, pero que a el non se lle dixo nada a respecto de que afectase á seguridade da liña. “Desa cuestión tiven coñecemento con posterioridade ao accidente”, dixo, e engadiu posteriormente, durante a quenda de preguntas, que descoñece quen propuxo esa modificación da seguridade.
“O accidente interpélame todos os días, síntome concernido”, dixo Blanco
Blanco atribuíu todos os debates sobre esa cuestión ao “ámbito técnico” e insistiu en que el non ten criterio ao respecto das cuestións de seguridade ferroviaria, “eu non son un experto”, dixo. Igualmente, o ex-ministro tamén negou que os cambios de seguridade na liña se debesen a cuestións económicas ou comerciais. “Por intereses comerciais nunca se tería feito esta liña”, dixo, asegurando que o seu interese en impulsar o AVE galego debeuse a “o interese de dar un mellor servizo aos cidadáns”.
Sobre a actuación do maquinista, o ex-ministro salientou as recentes declaracións que este fixo a La Sexta nas que dixo que tiña a conciencia tranquila. “Alá cada un coa súa conciencia”, dixo Blanco, salientando que “se o maquinista cumprise co seu cometido, non estariamos nesta situación” e engadindo máis adiante que a el mesmo “o accidente interpélame todos os días, síntome concernido”.
Ana Pastor
Blanco tamén puxo o foco en que el encargou os trens Alvia que circulan por esa liña, pero que foi coa súa sucesora Pastor coa que se homologaron e se puxeron en servizo, en xuño de 2012. Poucos días despois, desconectábase neles o sistema de control constante da velocidade porque fallaba. Sobre esa desconexión do sistema de seguridade a bordo dos Alvia, Pastor dixo que “esa é unha decisión que é técnica” e lembrou que foi tomada polos daquela directores de Seguridade na Circulación de Adif e Renfe, Andrés Cortabitarte e Antonio Lanchares, o primeiro imputado na causa xudicial, “que estaban xa co Goberno anterior e que nunca na miña vida lles din eu unha instrución”. “É non meterse un onde non se ten que meter”, dixo sobre as súas propias responsabilidades daquela como ministra.
Na súa intervención inicial, Pastor insistiu no discurso que vén repetindo nos últimos cinco anos e medio cando se lle pregunta por calquera outra cuestión do caso e opta por centrar as súas respostas en que a súa “prioridade” foi e segue sendo o seu apoio expreso ás vítimas. Porén, Pastor admitiu que o día en que deixou o ministerio para asumir a presidencia do Congreso, xornada na que tiña fixada unha reunión coas vítimas, actuou mal ao darlles plantón e non chamalas para dicirlles que xa non podía reunirse con elas como ministra que xa non era. “Seguro que hai cousas que se podían facer mellor”, dixo Pastor noutro momento en referencia ao seu trato aos afectados.
Pastor lembrou a comparecencia que tivo no Congreso dúas semanas despois do accidente na que anunciou diversas medidas de mellora da seguridade ferroviaria, a maioría das cales se puxeron en marcha nos anos seguintes. Como daquela, insistiu este luns en que a obriga dun político ante un accidente así é “traballar para que se saiba toda a verdade”.
Pastor asegura que “xamais” deu “unha soa instrución para que non se dera toda a información que tiveran” ás autoridades xudiciais
Malia esa promesa de quen daquela era ministra, as súas subordinadas Adif e Renfe ocultaron ou demoraron en diversas ocasións a entrega de documentación relevante ao xulgado instrutor do caso, que as apercibiu varias veces. Este luns a Pastor preguntóuselle se ela deu orde de obstaculizar a investigación para incidir na visión do sinistro que se proxectaba desde diversos departamentos de Fomento de que fora culpa do maquinista. A ex-ministra respondeu que “xamais” deu “unha soa instrución para que non se dera toda a información que tiveran” ás autoridades xudiciais.
Cando se lle insistiu nas diversas ocasións en que os xuíces criticaron a falta de colaboración de Adif e Renfe, Pastor dixo descoñecer eses feitos malia ser publicados en diversas ocasións por varios medios de comunicación. “Nunca recibín un oficio dun xuíz de que non se enviara información”, limitouse a argumentar.
Pastor non quixo facer "ningún comentario" sobre a actuación de subordinados seus como o daquela secretario de Estado Rafael Catalá ou o cargo imputado de Adif
Sobre a investigación técnica que elaborou no seu momento a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) dependente de Fomento, que tamén puxo o foco no maquinista e influíu inicialmente na investigación xudicial pero que foi descualificada pola Axencia Ferroviaria Europea, Pastor negouse a valorar o seu traballo e limitouse a amosar o seu respecto pola súa independencia. Tamén se lle preguntou pola acusación, despois rectificada por el mesmo, que lanzou o daquela presidente da CIAF de que Pastor lle impedira reabrir esa investigación técnica cando foi criticada pola UE. “Eu xamais falei con el”, negou Pastor, que se referiu á idade avanzada dese técnico.
Pastor tamén eludiu valorar a acusación que unha vítima, a ex-deputada do PP na Asemblea de Madrid Teresa Gómez-Limón, lanzou contra o daquela número 2 do ministerio, o despois ministro Rafael Catalá, de que a chamara para pedirlle que non fose tan crítica cos populares a respecto do accidente. “Non vou facer comentarios do resto de comparecentes”, limitouse a dicir Pastor sobre o seu daquela subordinado Catalá. Pastor tampouco quixo facer “ningún comentario” sobre o cargo imputado de Adif.