O xuíz que investiga o accidente do tren Alvia no que o 24 de xullo de 2013, hai este martes cinco anos, morreron 80 persoas e 144 resultaron feridas ás portas de Santiago sospeita, ao igual que a Audiencia Provincial da Coruña que supervisa as súas decisións, que Adif e Renfe puideron non cumprir coa normativa ferroviaria ao avaliar os riscos que existían na curva de Angrois. Alí, na liña de AVE Ourense-Santiago, o maquinista, Francisco José Garzón, despistouse tras recibir unha chamada do interventor do convoi e non freou a tempo sen que houbese activo ningún sistema que evitase ou paliase o seu previsible erro humano. Xunto a el están tamén imputadas na actualidade por esa falta de seguridade outras seis persoas: os directores de Seguridade na Circulación de Adif e Renfe, Andrés Cortabitarte (hoxe noutro posto inferior) e Antonio Lanchares (no mesmo posto), que ocuparon ese cargo con gobernos socialistas e populares, así como un subordinado do primeiro e tres técnicos da tamén empresa pública Ineco.
A investigación penal, que acumula seis imputados ademais do maquinista, tivo que loitar contra múltiples impedimentos; a comisión política foi bloqueada durante catro anos por PSOE e PP por medo ao seu efecto sobre os ex-ministros Blanco e Pastor
Hai un mes un informe da Axencia Ferroviaria Europea reforzou as sospeitas xudiciais de que Adif e Renfe non avaliaran como debían os riscos desa curva. Un informe que o xulgado tardou un ano en obter, o que volveu poñer en evidencia a lentitude do sistema xudicial. Esa e outras demoras, xunto con ocultacións de documentos e intereses políticos que bloquearon ata este verán a investigación política do sinistro no Congreso dos Deputados (PSOE e PP temen o seu efecto sobre os ex-ministros de Fomento José Blanco e Ana Pastor, no cargo cando se deseñou e inaugurou a liña ferroviaria, e cando ocorreu o accidente e parte da súa investigación, respectivamente) dificultan que, cinco anos despois, as vítimas teñan aínda respostas a todas as súas dúbidas.
Ocultacións e demoras de Adif e Renfe
Tras o accidente, a daquela ministra Ana Pastor prometeu colaboración coa xustiza; ás poucas semanas Adif xa amosaba as súas reticencias
Tras o accidente, a daquela ministra de Fomento, a popular Ana Pastor, prometeu toda a colaboración coa xustiza para esclarecer os feitos. Un chamamento que tería que reiterar só unhas semanas despois, tras reticencias de Adif a informar ao xulgado dos nomes e cargos dos responsables do seu departamento de seguridade. En decembro o propio xulgado reprochaba xa a Adif que non o informase como lle pedía dos criterios que seguira para non sinalizar mellor a curva de Angrois.
Ese mesmo decembro tamén a dirección de Renfe, tras ser coñecedora de que un ano e medio antes do sinistro un maquinista xa alertara por escrito do risco dun accidente na curva de Angrois como o que acabou ocorrendo, decidiu non informar deses feitos ao xuíz ata que os desvelou o avogado do condutor do Alvia en xaneiro de 2014. O argumento que deu a empresa pública cando o instrutor se enterou e lle esixiu que en menos de tres días lle comunicase o que sabía ao respecto desde un mes e medio antes foi que durante ese tempo estivera facendo unha investigación interna antes de revelar a existencia desa alerta previa. Segundo o xuíz, tivera “tempo máis que de sobra”.
Ese mesmo xaneiro de 2014 Adif entregoulle ao xuíz un listado coas 324 viaxes realizadas na liña de AVE Ourense-Santiago na que ocorreu o sinistro antes da súa posta en servizo comercial, pero alí non aparecían dúas viaxes, en ambos os dous sentidos, realizadas oito días antes da inauguración para mostrar a liña aos xornalistas.
A Avogacía do Estado acusou o instrutor de pretender unha "inquisición xeral" para non entregarlle documentación que tivo que acabar facilitándolle días despois
En febreiro dese ano Adif informou o xuíz de que non conservaba nos seus arquivos un documento de 1991 que o instrutor lle reclamaba. E en marzo a Avogacía do Estado, que actúa en defensa de Adif, acusou ao daquela primeiro xuíz instrutor do caso, Luis Aláez, de pretender unha “inquisición xeral” do sistema ferroviario e recorreu para non ter que entregarlle documentación que este lle reclamara. Tivo que acabar facilitándolla varios días despois.
Un ano máis tarde, en febreiro de 2015, Renfe sería apercibida “de desobediencia” polo xuíz despois de sete meses sen recibir información que este lle pedira xa en dúas ocasións sobre as probas psicofísicas que debera pasar o maquinista. Outro ano despois, en maio de 2016, no auto co que a Audiencia da Coruña pediu ao xuíz que seguise investigando o caso e pescudase en particular como se fixera a análise de riscos da curva de Angrois, o tribunal salientaba que “non toda a documentación relativa á xestión de riscos ten sido aportada” á causa por parte de Adif. E en outubro dese 2016 a propia Adif entregaba no xulgado “documentos relevantes”, como os cualificaba ela mesma, dos que dicía que “omitira por erro” enviar durante máis de tres anos.
Ademais das dificultades para obter información en Adif e Renfe, os xuíces lamentan a "complexidade" e "fragmentación" do sistema ferroviario español que está a dificultar a determinación da responsabilidade penal
Posteriormente aínda terían que ser as vítimas e o avogado do maquinista os que, en xaneiro deste 2018, presentasen no xulgado actas internas de Adif nas que varios cargos debatían sobre a necesidade ou non de avaliar mellor os riscos da curva de Angrois.
A todas estas dificultades atopadas polo xulgado para obter información en Adif e Renfe hai que engadir a propia “complexidade” e “fragmentación” do sistema ferroviario español, reprochadas ao longo destes anos tanto polos xuíces instrutores como pola Audiencia da Coruña e que está a dificultar a determinación das responsabilidades penais.
Neste tempo á fronte das presidencias de Renfe e Adif estiveron inicialmente os populares Julio Gómez-Pomar e Gonzalo Ferre. O primeiro pasaría máis tarde a ser secretario de Estado, substituíndoo en outubro de 2014 Pablo Vázquez, que previamente estivera á fronte de Ineco, e en decembro de 2016 Juan Alfaro. Nesa mesma data Juan Bravo ocupou a presidencia de Adif. Tras a chegada dos socialistas ao Goberno, desde hai só un mes á fronte de Renfe e Adif están respectivamente Isaías Táboas e Isabel Pardo de Vera, esta última tras unha larga traxectoria en postos inferiores con varios gobernos. Este diario púxose en contacto cos departamentos de comunicación das dúas empresas públicas e de Fomento pero non realizaron comentarios ás ocultacións e demoras de documentos rexistradas nestes cinco anos.
Outros obstáculos xudiciais
Nestes cinco anos o caso cambiou de instrutor e fiscal, os maxistrados cometeron erros nos seus autos e a Xunta impuxo dous peritos sen experiencia en materia ferroviaria
Por outra banda, nestes cinco anos o propio sistema xudicial evidenciou algunhas eivas e demoras. Os propios maxistrados implicados na causa cometeron en varias ocasións erros nos seus autos ao citar normativa ferroviaria ou nomes que eles mesmos acabarían corrixindo posteriormente en novos escritos días, semanas ou mesmo meses despois.
Os peritos xudiciais encargados de analizar o accidente tardaron medio ano en comezar a traballar porque dous dos inicialmente elixidos polo xuíz por sorteo de entre os mellores profesionais de cada colexio de enxeñeiros foron substituídos pola Xunta por dous funcionarios seus sen experiencia previa en materia ferroviaria. Posteriormente un deles plaxiaría partes da súa peritaxe da investigación oficial realizada por Fomento que facía responsable só ao maquinista. E os outros peritos terían que pedir en varias ocasións ao xuíz que lles axudase a reclamar a varias empresas públicas e privadas documentos que non lles querían facilitar.
Un ano despois do sinistro o primeiro xuíz instrutor, Luis Aláez, conseguiu un cambio de xulgado e un novo maxistrado, Andrés Lago Louro, tivo que tomarse varias semanas para facerse cun sumario que xa daquela acumulaba máis de 40 tomos. Posteriormente ese segundo instrutor tomaríase o seu tempo para ir chamando a declarar aos peritos (cinco meses desde que entregaron os seus informes ata que os ratificaron verbalmente). E hai un ano cambiaría tamén o fiscal do caso, despois de que o primeiro, Antonio Roma, centrado só en investigar o maquinista, conseguise outro posto.
Á folga da Xustiza de comezos deste ano engadiuse a demora dun ano en obter un informe relevante da Unión Europea
E a principios deste 2018 unha folga do persoal da administración de Xustiza en Galicia provocaría demoras de catro meses nas declaracións de varios imputados, testemuñas e peritos previstas para comezos de ano.
Pero unha das demoras máis significativas é a que quedou en evidencia hai un mes. Hai un ano o xulgado pediu á Axencia Ferroviaria da Unión Europea un informe para aclarar varias cuestións sobre a normativa a aplicar nas análises de risco ferroviarias nas que discrepaban dous peritos. Ese informe considerado de desempate pola maioría das partes persoadas foi solicitado en xuño de 2017, pero o xulgado trabucouse inicialmente de enderezo e enviou a súa petición á estación de tren de Valencienes (Francia) en vez de á sede da axencia europea noutra rúa desa mesma cidade. A petición tardaría cinco meses en chegar ao ente comunitario, que elaborou o seu informe en dous meses e o entregou o 15 de xaneiro ao sistema xudicial francés para que o remitise ao español. Porén, non foi ata hai un mes que o xuíz de Santiago informou ás partes de que ese informe aínda non lle chegara.
Ao coñecerse a demora, vítimas do sinistro e a eurodeputada do BNG Ana Miranda puxéronse en contacto coa axencia ferroviaria, que en só dous días fixo chegar o seu informe de xeito directo ao xulgado de Santiago. Nel desmóntanse boa parte dos argumentos que viñan empregando Fomento, Adif e Renfe para facer responsable do sinistro só ao maquinista e sinálase que eran preceptivas varias análises de risco que, segundo declararon no xulgado varios técnicos da consultora pública Ineco, non se realizaron na curva de Angrois.
Obstáculos políticos
Os obstáculos políticos máis evidentes foron os activados por PSOE e PP para impedir durante catro anos a creación dunha comisión de investigación política do sinistro no Congreso dos Deputados
A estes obstáculos do sistema xudicial hai que engadir outros de tipo político, a maiores da imposición por parte da Xunta ao xulgado dos seus funcionarios como peritos, malia que nos catro anos posteriores ao sinistro o Goberno galego si aceptou máis de 1.300 peritaxes externas independentes noutras causas xudiciais.
Os obstáculos políticos máis evidentes foron os activados por PSOE e PP para impedir durante catro anos a creación dunha comisión de investigación política do sinistro no Congreso dos Deputados, como pediron as vítimas desde pouco despois do sinistro. A versión oficial é a de que a comisión política podería interferir na investigación penal que xa está en marcha. Pero fontes socialistas e populares do máis alto nivel admiten que a razón real é o temor ao efecto que ese tipo de análise política puidese ter sobre os ex-ministros de Fomento José Blanco e Ana Pastor, no cargo cando se deseñou e inaugurou a liña de AVE o primeiro, e cando ocorreu o sinistro e parte da súa investigación posterior a segunda.
As vítimas entenden que Blanco e Pastor non son responsables penais do accidente, pero cren que deben dar explicacións políticas
As vítimas entenden que Blanco e Pastor non son responsables penais do accidente, pero cren que deben dar explicacións políticas sobre a xestión do ministerio e dos cargos de libre designación de Adif e Renfe implicados na causa penal. En particular, sobre as decisións adoptadas por Adif en 2010, durante o mandato do primeiro, de eliminar da curva de Angrois o sistema de control constante da velocidade (ERTMS), e en 2012, xa coa segunda á fronte, de desactivar a bordo dos Alvia ese mesmo sistema, que puido evitar o despiste do maquinista xusto antes da curva aínda que alí non estivese instalado nas vías.
O cambio na dirección do PSOE facilitou que en setembro do pasado ano os socialistas mudasen de postura e aprobasen finalmente, xunto ao resto de grupos parlamentarios agás o PP, a creación desa comisión de investigación política. Porén, novos obstáculos dos populares impediron que comezase a traballar de xeito efectivo ata o pasado maio.
No Congreso as vítimas e o maquinista veñen de denunciar a "cacería" do Goberno do PP contra o condutor para evitar outras responsabilidades
Pero incluso coa comisión xa activa as vítimas seguen a criticar novos obstáculos de PP e PSOE, como o feito de impedir que sexan os propios afectados os que realicen as últimas comparecencias para así matizar con datos e documentos as inexactitudes ou mentiras que poidan dicir os técnicos e políticos que interveñan nela. Socialistas e populares decidiron que as vítimas fosen as primeiras en intervir e que os políticos teñan a última palabra. Poderán así responder ás acusacións de afectados e do propio maquinista no Congreso de que o Goberno do PP fixo unha "cacería" para culpabilizar do sinistro só ao condutor e evitar outras responsabilidades.
Non só no Congreso senón tamén en Galicia as vítimas veñen criticando interferencias políticas. En particular, lamentan que desde o primeiro aniversario do sinistro a Xunta se apropiase da data do mesmo para adiantar un día a entrega das Medallas de Galicia que tradicionalmente se outorgaban o día grande do 25 de xullo. Consideran que eses actos oficiais contribúen a restar visibilidade ás súas peticións de verdade e xustiza, as que este 24 de xullo, cinco anos despois, volverán reclamar nas rúas de Santiago.