Vítimas de Angrois e BNG mobilízanse e conseguen en dous días un informe europeo demorado un ano na xustiza

Vítimas de Angrois, ante os xulgados de Santiago Dominio Público Plataforma de Víctimas del Alvia 04155

A mobilización das vítimas do accidente de Angrois e da deputada do BNG no Parlamento Europeo Ana Miranda vén de conseguir en só dous días un informe clave da Axencia Ferroviaria Europea para o futuro da investigación do sinistro que o xulgado de Santiago que leva o caso non foi quen de obter en todo un ano e que está bloqueado nalgún punto dos sistemas xudiciais francés ou español. Tras desvelar o xuíz instrutor do caso que aínda non conta co informe que lle solicitou hai xusto un ano ao ente comunitario sobre a actuación de Adif no sinistro, as vítimas e Miranda solicitáronllo á axencia europea, que agora vén de remitilo directamente ao xulgado.

A valoración da Axencia Ferroviaria Europea sobre a actuación de Adif no sinistro está bloqueada desde hai meses nalgún punto dos sistemas xudiciais francés ou español

O 26 de xuño do ano pasado o xulgado que investiga o accidente de Angrois emitiu un auto solicitando á Axencia Ferroviaria Europea que se pronunciase sobre se Adif debía ou non, de acordo coa normativa comunitaria, avaliar o risco específico dun accidente por exceso de velocidade como o que acabou producíndose na curva de Angrois, e que era previsible pero que a empresa pública dependente de Fomento non  analizou. Por esa actuación de Adif está imputado o seu daquela director de Seguridade na Circulación, Andrés Cortabitarte.

Primeiro o xulgado trabucouse de enderezo e a súa petición non chegou á axencia europea ata o 22 de novembro, cinco meses máis tarde. Posteriormente a axencia, segundo revela agora o seu director executivo, Josef Doppelbauer, elaborou ese informe en menos de dous meses e entregoullo o 15 de xaneiro ao sistema xudicial francés (a sede da axencia está na cidade francesa de Valenciennes) tanto nese idioma como xa traducido ao castelán para que fose á súa vez remitido ao sistema xudicial español. Porén, o pasado venres o xuíz instrutor emitiu un novo auto informando ás partes personadas na causa de que aínda non recibira “contestación á comisión rogatoria remitida no seu día a Francia”.

O director da axencia comunitaria comunicou este martes a Ana Miranda que, ao tempo que averigua que pasou co documento que entregou ao sistema xudicial francés, vén de envialo de novo directamente ao xulgado de Santiago

Tras revelarse este luns ese auto do venres, tanto a plataforma de vítimas do accidente como a eurodeputada do BNG Ana Miranda, que está a actuar como embaixadora de facto das vítimas ante diversas institucións comunitarias, escribiron correos electrónicos aos responsables da axencia europea interesándose pola situación. O director da axencia respondeu o mesmo luns asegurando que o informe fora entregado á xustiza francesa o 15 de xaneiro. E este martes, nun novo correo electrónico, o responsable do ente comunitario comunicou a Miranda que, de xeito paralelo ás xestións que di que xa está a facer coas autoridades francesas para averiguar que pasou co documento, a Axencia xa enviou na tarde do propio martes o informe directamente ao xulgado de Santiago tanto a través do seu correo electrónico corporativo como a través de mensaxería exprés.

Esta é unha máis das diversas demoras e erros de todo tipo que leva sufrido a investigación xudicial de Angrois, o que leva á plataforma de vítimas a amosar o seu malestar polo funcionamento dun sistema xudicial que, consideran, si está a ser áxil con outros casos pero non coa investigación da morte de 80 persoas.

Envío devolto do xulgado de Angrois á praza da estación de trens de Valenciennes (Francia) e non á sede da UE nesa cidade Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.