O xuíz de Angrois desvela agora que aínda non recibiu un informe clave pedido hai un ano á UE

Vítimas de Angrois en Bruxelas con responsables da Axencia Ferroviaria Europea, entre eles o xefe de seguridade, Christopher Carr, segundo pola dereita Dominio Público Plataforma de Vítimas de Angrois

En xuño do ano pasado o xulgado que investiga o accidente do Alvia decidiu preguntar á Axencia Ferroviaria Europea se era ou non obrigatorio de acordo coa normativa comunitaria realizar unha análise de riscos específica sobre a curva de Angrois que Adif non fixera argumentando que non era necesaria. Primeiro o xulgado trabucouse de enderezo e a petición tardou cinco meses en chegar á axencia europea. Agora, sete meses máis tarde, o xulgado comunica ás partes presentes na causa que aínda non recibiu resposta, malia que segundo varias fontes esta xa foi emitida pola axencia.

A Axencia Ferroviaria Europea debe pronunciarse sobre a actuación de Adif, pero primeiro o xulgado trabucouse de enderezo e logo deixou pasar sete meses antes de preguntarlle agora ás partes que opinan do silencio europeo

O foco da investigación xudicial do accidente de Angrois está pousado actualmente en se Adif debía analizar mellor o risco previsible dun exceso de velocidade como o que ocorreu na curva de Angrois e que provocou 80 mortos, feitos polos que, ademais do maquinista do tren, está imputado o director de Seguridade na Circulación da empresa pública dependente de Fomento, Andrés Cortabitarte. Dous peritos xudiciais discrepan sobre se era ou non obrigatoria esa análise específica de riscos, así que en xuño do ano pasado o xulgado decidiu pedir a súa opinión á Axencia Ferroviaria Europea, que xa avanzara previamente ás vítimas do sinistro a súa visión crítica coa actuación de Adif. As vítimas, de feito, mantiveron un contacto directo coa axencia europea que non logrou o xulgado de Santiago.

Pero o xulgado trabucouse de enderezo e, en vez de enviar a súa petición á sede da axencia na cidade francesa de Valenciennes remitiuna á estación de tren desa localidade. O erro implicou que a petición non chegase finalmente á axencia ata o 22 de novembro pasado. Pero sete meses despois o xulgado di agora non ter aínda resposta. Así llo vén de comunicar ás partes nun auto emitido o pasado venres: “Dado o tempo transcorrido sen que se recibira contestación á comisión rogatoria remitida no seu día a Francia, dese traslado ás partes e ao Ministerio Fiscal para que aleguen o que ao seu dereito conveña”.

Segundo varias fontes, o informe xa foi entregado pola axencia europea ás autoridades xudiciais francesas, que o deberan remitir ás españolas

Porén, en marzo Europa Press preguntou á axencia europea por ese informe e esta respondeulle que xa o entregara en xaneiro ás autoridades xudiciais francesas para que estas o remitisen ás españolas. Así o ratifican varias fontes consultadas por este diario que á súa vez mantiveron contacto neste tempo con membros da axencia europea. Pero cinco meses despois dese suposto envío do informe por parte da axencia europea, o xulgado de Santiago aínda non o recibiu.

Retómanse as declaracións tras a folga na Xustiza

No auto deste venres o xulgado tamén fixa novas datas para retomar as declaracións de testemuñas interrompidas pola folga na Xustiza galega iniciada o pasado febreiro

No auto deste venres o xulgado tamén fixa novas datas para retomar as declaracións de testemuñas interrompidas pola folga na Xustiza galega iniciada o pasado febreiro. O xulgado cita para os próximos días 26 e 29 de xuño a dous cargos de Renfe e dous técnicos das empresas que instalaron os sistemas de seguridade da liña de AVE Ourense-Santiago na que ocorreu o accidente. Os catro estaban citados para o pasado 19 de marzo pero as súas declaracións suspendéranse pola folga. Ademais destas catro testemuñas, tamén están pendentes de ser citados novamente tras suspenderse as súas declaracións catro peritos propostos polas partes e outros dous cargos de Adif. Un deles, Fernando Rebón, xerente da Área de Seguridade na Circulación do Noroeste, en calidade de imputado tras a declaración feita polo seu superior Andrés Cortabitarte, tamén imputado, indicando que ninguén o alertara do risco da curva.

Envío devolto do xulgado de Angrois á praza da estación de trens de Valenciennes (Francia) e non á sede da UE nesa cidade Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.