Un erro nun enderezo demora de novo a instrución do accidente de Angrois

Emprazamentos en Valenciennes (Francia) da praza da estación de tren á que o xulgado enviou o seu escrito e da axencia europea CC-BY-SA Praza Pública sobre Google Maps

A Axencia Ferroviaria Europea, ou European Union Agency for Railways en inglés, ou Agence de l'Union européenne pour les chemins de fer en francés, ten a súa sede na cidade francesa de Valenciennes, xunto á fronteira con Bélxica. Porén, esa sede non está na estación de tren da localidade, a onde o xulgado que instrúe o accidente do Alvia en Santiago enviou un escrito con varias preguntas técnicas que quere que lle responda o organismo europeo. A carta foi devolta, o que vén de provocar unha nova demora nunha instrución salpicada de erros e atrasos ao longo dos máis de catro anos que pasaron xa desde o 24 de xullo de 2013 en que o tren Alvia descarrilou en Angrois deixando 80 mortos.

As preguntas que o xuíz quere que responda a Axencia Ferroviaria Europea foron enviadas á estación de tren de Valenciennes e non á sede do organismo noutra rúa desa cidade francesa

O pasado 26 de xuño o xuíz instrutor do accidente, Andrés Lago Louro, emitiu un auto no que acordou formularlle oito preguntas á Axencia Ferroviaria Europea para aclarar se era obrigatorio ou non conforme á normativa europea que Adif fixese unha avaliación integral de riscos na liña de AVE Ourense-Santiago na que ocorreu o accidente. Adif e o seu director de Seguridade na Circulación, Andrés Cortabitarte, imputado na causa, negan que fose obrigatorio mentres que o avogado do maquinista tamén imputado polo accidente e as vítimas consideran que si era esixible e que de facerse detectaría o risco existente na curva de Angrois. Foran precisamente as vítimas do sinistro as que, un ano antes, lograran a implicación no caso da axencia europea, que emitiu un duro informe sobre a investigación técnica que no seu momento realizou do accidente o Ministerio de Fomento.

Esas oito preguntas decididas polo xuíz foron enviadas polo seu xulgado, o de Instrución número 3 de Santiago, nun escrito postal en castelán dirixido a “Presidente  de la Agencia Europea del Ferrocarril, Place de la Gare” en Valenciennes. Porén, nesa praza da cidade francesa o que se atopa é a estación de tren da localidade. A sede do organismo comunitario está a case un quilómetro de distancia. A consulta da páxina web da axencia permite comprobar que a primeira das pestañas dispoñibles nela é a dos contactos da mesma (Contact Us), e que dentro dela hai outro apartado no que se indica o enderezo postal (Postal Address). Alí danse dous enderezos en Valenciennes, un apartado postal para as cartas e a propia sede da axencia para os envíos doutro tipo, no número 120 da rue Marc Lefrancq.

Un plaxio, erros dos maxistrados ao citar normativas ou demoras de Adif e Renfe á hora de achegar documentos reclamados polos xuíces son outros dos obstáculos rexistrados xa na instrución do accidente

Este venres, máis de dous meses despois de enviarse o escrito, o xuíz, nun auto no que comunicou ás partes outras cuestións, incorporou ao sumario a devolución da carta. Varias partes, algunhas das cales queren ampliar as preguntas a formular á axencia con novas cuestións, xa anunciaron que solicitarán que se volva enviar a petición se aínda non se fixo e lembran que o enderezo do organismo europeo xa aparecía noutros documentos dese organismo achegados hai meses á instrución.

Esta non é a primeira vez que a instrución do accidente de tren de Angrois rexistra erros e atrasos. Ao longo dos seus máis de catro anos rexistrouse unha peritaxe plaxiada, equivocacións dos propios maxistrados ao citar normativas ou demoras de Adif e Renfe á hora de achegar á causa documentación reclamada polos xuíces.

Envío devolto do xulgado de Angrois á praza da estación de trens de Valenciennes (Francia) e non á sede da UE nesa cidade Dominio Público Praza Pública
Web da axencia ferroviaria europea co seu enderezo postal correcto Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.