O xuíz de Angrois imputa outros dous cargos de Adif e devolve o tren sinistrado a Renfe

Os restos do tren sinistrado en Angrois, nas instalacións dunha empresa de guindastres en Padrón © Google

A avaliación dos riscos da curva das vías do tren no barrio compostelán de Angrois onde o 24 de xullo de 2013 morreron 80 persoas e outras 144 resultaron feridas centra cada vez máis a investigación xudicial sobre o acontecido. O xuíz instrutor da causa, Andrés Lago Louro, vén de emitir un auto con data de 1 de febreiro no que cita a declarar en calidade de investigados -antiga imputación- a dous cargos máis do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif), a empresa pública estatal cuxo xefe de seguridade no momento do accidente, Andrés Cortabitarte, era xa ata o momento o principal imputado. No mesmo auto o instrutor resolve, ademais, poñer á disposición de Renfe o tren sinistrado.

Segundo indica o auto, a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, a propia imputación de Cortabitarte é un dos motivos que levan a Lago Louro a investigar tamén a estoutros dous cargos, por seren os seus subordinados inmediatos. Así, sinala, "resulta pertinente e útil recibir declaración" de Fernando Rebón na súa calidade de xerente da Área de Seguridade na Circulación de Adif para o Noroeste de España e o mesmo sucede con José Antonio García, xefe de inspección desta mesma xerencia. "É indubidable -argumenta o xuíz- que o seu testemuño resulta moi necesario" para, precisamente, poder aclarar "algúns dos defectos" na "xestión da seguridade e riscos inherentes á liña" que "xustificaron a imputación do señor Cortabitarte" por homicidios imprudentes e lesións.

"É indubidable", que Cortabitarte "tivo que contar coa colaboración" do xerente e do xefe de inspección, os seus subordinados, para desenvolver a actividade vinculada á liña do accidente. Este é o motivo para os imputar, toda vez que "non é descartable que boa parte dos reproches que xustificaron a imputación" do antigo xefe de seguridade de Adif "poidan ser extensivos aos seus colaboradores". Tanto Rebón como García xa foran imputados polo anterior xuíz instrutor do caso, Luis Aláez, pero a Audiencia Provincial da Coruña deixara sen efecto as imputacións no ano 2013.

O xuíz investiga estoutros dous cargos ao considerar que os delitos que atribúe ao principal imputado, xefe de seguridade no momento dos feitos, "poden ser extensivos" ao seus inmediatos subordinados

Trátase, polo tanto, de dilucidar ata que punto Adif avaliou internamente os riscos da curva da Grandeira, toda vez que no marco do procedemento xa ficou demostrado que non existiu avaliación independente deste punto do trazado. Segundo ratificaron ante o propio xuíz varios técnicos de INECO, a empresa pública especializada nesta avaliación de riscos, a compañía recibiu de Adif o encargo de avaliar a liña de alta velocidade entre Ourense e Santiago, pero rematar o seu traballo uns metros antes do lugar do sinistro. Neste sentido, o xuíz pide a ambas empresas que acheguen á causa os contratos "entre ambas entidades" para esta liña "con especificación dos tramos que comprenden".

No mesmo auto Lago Louro tamén cita, pero como testemuñas, ao director de Operacións e Enxeñaría e mais ao xefente de Seguridade de Renfe no momento dos feitos e a representantes de empresas que participaron na construción e posta en marcha da liña. Adicionalmente, admite a declaración de peritos solicitados por Adif e mais polo avogado do maquinista.

Devolución do tren a Renfe

Os restos do Alvia permanecían nas instalacións dunha empresa de guindastres na Escravitude (Padrón)

Esta mesma resolución xudicial responde a unha das peticións pendentes de Renfe no procedemento, a devolución do tren sinistrado, cuxos restos permanecen almacenados nas instalacións dunha empresa de guindastres na Escravitude (Padrón). A compañía pública solicita dispoñer do Alvia accidentado para "darlle o destino que os técnicos estimen conveniente en función do seu estado" e o xuíz estima que agora é posible facelo, toda vez que "existe contancia fehaciente do estado en que se atopaba o tren na data do accidente" a través de abondosas fotografías e vídeos, ademais de por medio de "abondosas" probas periciais.

Aínda que a representación legal do maquinista reclamaba que o tren continuase baixo custodia ata que a Axencia Ferroviaria Europea, moi crítica con Fomento, responda ás preguntas sobre o caso formuladas polo xulgado, o xuíz considera que "calquera que sexa a contestación" esta entidade, "en ningún caso sería necesario preservar tales restos". Ademais, agrega, dado que xa transcorreron máis de catro anos dende o descarrilamento, nos que permaneceu á intemperie nas devanditas instalacións, non sería posible garantir que o estado de todas as súas partes sexa na actualidade exactamente o mesmo.

Cortabitarte abandona os xulgados seguido por membros da Plataforma Víctimas Alvia 04155 CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.