0 Gardados para despois

A investigación de Fomento sobre Angrois obviou que a curva non fora analizada por unha entidade independente

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Esta semana as vítimas de Angrois veñen de evidenciar que Adif, a empresa pública responsable do AVE Ourense-Santiago no que ocorreu o accidente, sabía que tiña que contar cun informe independente sobre a seguridade na curva na que descarrilou o Alvia pero autorizou a súa apertura sen ese documento. Ese feito foi obviado no seu momento pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento no seu informe final do sinistro, no que atribuíu toda a responsabilidade ao maquinista.

A Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do ministerio que culpou só ao maquinista dixo expresamente que o avaliador independente Ineco supervisara o treito previo á curva, pero omitiu que non o fixera uns metros despois, no punto no que ocorreu o sinistro

Hai dous meses tres técnicos da consultora Ineco declararon no xulgado que avaliaran de xeito independente, como esixe a normativa, o treito central do AVE Ourense-Santiago, pero que non fixeron o mesmo no seu treito final, en Santiago, porque Adif no llo encargou. O seu traballo nese treito central rematou no punto quilométrico 84,144 da liña, pero o accidente produciuse uns metros máis adiante, no punto 84,413, no seguinte treito non avaliado por Ineco.

Adif mantén que ese treito final xa non é considerado de alta velocidade e podía ser tratado como unha liña convencional, sen requirir esa avaliación independente. Porén, as vítimas veñen de desvelar un documento no que a propia Adif consideraba precisa esa análise independente dentro dun listado de varias normas técnicas a cumprir.

No seu momento a CIAF pasou por riba desa cuestión. No apartado do seu informe no que analiza a documentación coa que Adif autorizou a posta en servizo da liña, os investigadores de Fomento sinalaron de xeito expreso que no treito Ourense-Santiago “Ineco, como organismo de avaliación independente recoñecido pola Dirección Xeral de Ferrocarrís, elaborou o Informe de Avaliación Independente (ISA) deste treito”. Pero a continuación, ao referirse ao treito seguinte, o de Santiago, nada di desa avaliación independente e limítase a indicar que o risco dun exceso de velocidade fora “exportado” aos maquinistas, sen dicir por quen nin con que supervisión.

A Audiencia da Coruña e a UE criticaron a falta de independencia da CIAF, pero Fomento di que non pode pedirlle unha nova investigación, como piden as vítimas, porque agora xa si é independente, e a propia comisión non ve motivos para facelo

Uns parágrafos antes dese punto, a propia CIAF di que a seguridade dese treito final de Santiago analizouse “en aplicación do Regulamento (CE) 352/2009 de 24 de abril de 2009”. Porén, ese regulamento é precisamente o que esixe a realización dunha avaliación independente como a que Ineco si realizara no treito xusto anterior. Ademais, a propia Adif mantén agora que non aplicou ese regulamento e non encargou unha avaliación independente a Ineco porque non era obrigatorio. As fontes consultadas do caso discrepan se a CIAF deu por feito que esa análise fora realizada sen comprobalo ou, polo xeito en que a obviou uns parágrafos máis adiante ao referirse ao treito final de Santiago, ocultou que non se fixera.

 

Parágrafos nos que a CIAF dá por feita ou obvia a análise independente da curva de Angrois que non se fixo

A investigación da CIAF, que se coñeceu un ano despois do sinistro e que fixo responsable único ao maquinista, foi considerada non independente tanto pola Audiencia da Coruña como pola UE, que abriu un procedemento de infracción contra España ata que modificou o xeito en que Fomento nomeaba directamente os seus membros, que agora son propostos polo ministerio pero ratificados polo Congreso. Porén, esa investigación, ademais de ser empregada polos responsables políticos que veñen centrando a responsabilidade no maquinista e negándose a analizar outras causas, influíu nunha fase inicial da instrución xudicial, onde un perito designado polo xulgado chegou a plaxiar parágrafos completos dela. As vítimas veñen reclamando a Fomento que realice unha nova investigación técnica do sinistro, pero o ministerio argumenta que agora que a CIAF xa é considerada independente pola UE, non pode darlle a orde de abrir unha investigación. Pola súa banda, malia todas as novidades achegadas á instrución xudicial durante os últimos tres anos, a propia CIAF considera que non hai motivo para reavaliar aquela investigación súa.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.